O Partido Popular de Galicia aproveita a conmemoración do Día Internacional da Muller para reivindicar que é o partido galego con máis concelleiras, máis alcaldesas, máis deputadas autonómicas, máis deputadas nacionais e máis senadoras: “Somos un partido de mulleres que gobernan”
“Temos a sorte de contar con moitas mulleres que gobernan, que fan mellor unha Galicia mellor e que día a día son exemplo do feminismo real e do traballo en igualdade do PPdeG”, salientou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, esta mañá nunha rolda de prensa celebrada na sede autonómica do partido.
Unha comparecencia na que anunciou que este sábado, 8 de marzo, terá lugar unha reunión do Foro de Alcaldesas do PPdeG en Boimorto que contará coa súa participación e coa da responsable de Igualdade no Goberno galego, Fabiola García.
Prado apuntou a que o seu partido “ten mulleres que gobernan e valentes fronte a unha posición con mulleres covardes”. Referíndose así a unha Ana Pontón que onte “demostrou unha vez máis que é refén da CIG e que é incapaz de enfrontarse ao seu sindicato para censurar o cartel sexista e machista contra unha conselleira”.
A isto engadiu a incapacidade da líder do independentismo galego tanto para “dar explicacións por levar o BNG a un pederasta nas listas das municipais” como para “deixar de apoiar a Lei do ‘só si é si’ que rebaixou a pena de cárcere a máis de 1.500 agresores sexuais”.
Tamén se referiu a Yolanda Díaz, da que ironicamente afirmou que “ten un imán para os agresores sexuais no seu entorno político”, xa que “segue sen desvelar se coñecía os casos de depredadores sexuais como Ramiro Santalices, Íñigo Errejón, Monedero ou Xabier Ron”.
“Por todo isto, as galegas xa deixaron de crer na defensa das mulleres de toda a esquerda”, concluíu preguntándose “con que cara” se van atrever a ir ás manifestacións deste 8 de marzo todos estes partidos.
UN GOBERNO QUE NON GOBERNA
Facendo un repaso da actualidade da semana, Paula Prado concluíu que no se refire ao Goberno central o resumo foi: “Máis cesións ao independentismo e, mentres tanto, máis agravios a Galicia, como a prórroga número 37 do debate da transferencia da AP-9”.
“Sánchez segue profundando na desigualdade dos españois”, asegurou ao tempo que criticaba a “humillación dobre” que supón o feito de que mentres se nega a Galicia a transferencia da AP-9, en cambio, “transfire unha competencia exclusiva do Estado como é a de estranxeiría e ademais logo de negocialo noutro país”.
Algo que, na súa opinión, demostra que “temos un Goberno que non goberna e que segue cedendo ás esixencias de Puigdemont e á chantaxe independentista” e afonda na necesidade de que “o Goberno de España traballe polo interese xeral e non por un prófugo da xustiza” e de que o seu presidente “non estea rodeado dunha corrupción sistémica”.
Por último, e en referencia á “primeira visita a Galicia en máis dun ano” de Pedro Sánchez este domingo, a secretaria xeral do PPdeG agarda que “non veña a dar leccións, senón a pedir perdín a todos os galegos e galegas”.
“Sánchez ten que pedir perdón a Galicia por todos os agravios durante os seus anos de goberno, polo deixamento dos seus ministros, por todos os desprezos en infraestruturas ou en traspaso de competencias e por querernos enganar coa condonación da débeda”, concluíu argumentando que “máis Sánchez sempre significou menos Galicia”.