O Pleno do Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non lei do Grupo Popular, coa abstención do PSdeG e a ausencia de voto do BNG, reprobar a campaña sexista levada a cabo polo sindicato CIG contra a conselleira de Política Social, que claramente desvaloriza o traballo dun cargo político; así como calquera manifestación que vulnere o principio de igualdade. Ademais, exprésase a vontade de que o Bloque Nacionalista Galego, a través da súa voceira, a señora Ana Pontón, rexeite o contido sexista destes carteis.
A portavoz popular de Igualdade, Raquel Arias, considerou “imprescindible a reflexión conxunta e a condena dun dos ataques machistas e sexistas máis graves dos últimos tempos sobre unha muller con responsabilidades públicas, que xa foi reprobado por todos os sectores da sociedade galega agás o BNG e a súa lideresa, Ana Pontón”.
COVARDÍA QUE NORMALIZA TRATO VEXATORIO
“Ao non condenar esta viñeta, Ana Pontón demostra o covarde que é e normaliza o trato vexatorio cara unha muller que exerce responsabilidades públicas”, indicou Raquel Arias, quen apuntou que “tampouco se loita a prol do feminismo cando unha muller se queda sen argumentos no debate político e usa a súa condición de muller para no ser atacada, algo que usa a señora Pontón unha e outra vez neste Parlamento”.
Así mesmo, manifestou que a viñeta da CIG e a negativa do BNG a condenar expresamente a viñeta “vai en detrimento dos principios de igualdade e equidade, ademais de representar un descrédito profesional ao desvalorizar o traballo dunha persoa simplemente polo seu xénero”. “Desde o Grupo Popular consideramos que este tipo de actos non axudan en absoluto ao recoñecemento do valor da experiencia profesional das mulleres e ao traballo que se desenvolve pola igualdade das mulleres e dos homes”, dixo.
Coa decisión do BNG de negarse a votar esta iniciativa parlamentaria, Raquel Arias subliñou que “o nacionalismo galego, con Ana Pontón á fronte, queda absolutamente deslexitimado para falar de igualdade e feminismo, porque cada vez que teñen que elixir entre nacionalismo e igualdade, elixen nacionalismo; e cada vez que teñen que elixir entre a CIG e o feminismo, elixen a CIG”.
“Unha Ana Pontón que se presenta como unha feminista absolutamente combativa pero que, cando a vítima do machismo é unha muller que non pensa como ela, mira para outro lado, lanzando a mensaxe letal de que algunhas mulleres merecen menos protección que outras”, criticou a portavoz popular.
Para rematar, Raquel Arias considerou necesario “deixar moi claro que a igualdade e o feminismo é un principio ético universal, e que este Parlamento non tolera nin tolerará o uso político interesado da igualdade nin o silencio ante agresións políticas e persoais a ningunha muller, sexa cal sexa o seu partido político”.