Apunta que o partido está
preparado para as xerais e as autonómicas, para as que traballarán para ter o
mellor resultado
Rueda, a Feijóo: “Ter sido o teu secretario xeral é unha honra que non
esquecerei”
· “Alégrome de que teñamos ao
mellor presidente e ao mellor candidato. É unha sorte que poidamos coller en
outubro unha papeleta co nome de Alberto Núñez Feijóo” di
· Asegura que a elección
de Tellado para sucedelo é un acerto xa que coñece o
partido e sabe apreciar o traballo do que os defenden e dan a cara polas siglas
do PP
Ourense, 8 de maio de 2016.- O xa ex secretario xeral do
PPdeG, Alfonso Rueda, pronunciou hoxe o Informe de xestión da Executiva saínte,
no seu último discurso antes de dar o relevo a Miguel Tellado como novo número
dous do partido.
Rueda recordou cando Feijóo o
invitou a comezar unha aventura que duraría dez anos e como aceptou porque
percibiu nese momento que estaba diante de alguén disposto a ser valente, que
sabía que era o momento de Galicia e dos galegos. “Iso é o que me convenceu de
Alberto, e sigo vendo o mesmo”.
Así mesmo, recoñeceu a dureza dos
primeiros momentos e dos primeiros resultados electorais, pero tamén amosou a
súa satisfacción ao ver que as cousas empezaron a mellorar cada vez máis.
“Alégrome que sigas preferindo
Galicia”, dixo referíndose ao máximo dirixente do PPdeG.
Pola contra, diferenciou a
situación de unidade na que se atopan os populares fronte a partidos que buscan
candidatos que pelexan entre si e se insultan, así como os que só se plantexan
como gran obxectivo ter tres ou catro deputados para non desaparecer.
“Alégrome de que teñamos ao
mellor presidente e o mellor candidato. É unha sorte que poidamos coller en
outubro unha papeleta co nome de Alberto Núñez Feijóo”, afirmaba Rueda ao tempo
que aseveraba que o partido está en forma e preparado para as eleccións xerais
e autonómicas, para as que traballarán para ter o mellor resultado posible.
“Alberto, ter sido o teu
secretario xeral estes anos foi unha honra que non se me vai esquecer. Agardo
que perdoedes os meus erros, vos saiba devolver o voso cariño e que xuntos
sigamos traballando, crendo neste partido e chegando a grandes éxitos”, dixo.
Rueda asegurou que pese a que
pasaron dez anos dende que chegou ao seu posto a situación segue sendo difícil,
“aínda que comparados cos outros partidos temos dereito a estar eufóricos”.
Malia isto, recoñeceu que os populares non se comparan con ninguén, só con eles
mesmos. “Queda moito por facer, pero dez anos despois o PPdeG ten que seguir
saíndo a gañar”.
Tamén aproveitou a ocasión para agradecer
á organización do Congreso, comités, comisións e plataformas “que son os que dedican
horas de traballo para que todo saia adiante”.
O secretario xeral saínte non se
esqueceu de NNXX, onde comezou a súa carreira en política e aos que definiu
como a parte máis entusiasta do partido. Tampouco dos que dan a cara día a día:
alcaldes, concelleiros, vogais e aos miles de afiliados do PPdeG. “Todos seguen
aí, todos terán futuro, e sentir o seu apoio dez anos despois demóstrame que
mereceu a pena o traballo feito”.
Xa referíndose a Tellado, dixo
que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, acertou plenamente co nomeamento. “Para
ser secretario xeral hai que coñecer ao partido por dentro, interpretalo e
saber apreciar o inmenso valor que ten o traballo do que nos defenden e dan a
cara polas siglas do PP”. Así mesmo, definiuno como “magnífico” e “boa persoa”
ao tempo que asegurou que terá a axuda de todos os presidentes provinciais
entre os que se atopa el mesmo, como dirixente na provincia de Pontevedra.
“Ata sempre, aquí sigo e grazas
de corazón “ concluíu.