O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, ratificou hoxe no seu percorrido por diversos concellos do sur da provincia de Pontevedra a importancia que os galegos dan á estabilidade, o sentidiño e a “normalidade extraordinaria” que garante o seu partido alá onde goberna e que fai do PPdeG o partido que máis se parece a Galicia.
Nunha xornada que o levaría posteriormente ata Redondela, o líder dos populares galegos non desaproveitou a oportunidade de iniciar a súa ruta dominical pola provincia levando o autobús de ‘Galicia non para!’ a Baiona para compartir impresións e recoller as necesidades dos seus veciños.
Foron moitos os que se achegaron ata a Praza Padre Fernando para poder conversar persoalmente ao presidente Rueda, que constatou polas opinións que lle trasladaron os veciños o gran impulso que deu este concello desde que Jesús Vázquez Almuiña recuperou a alcaldía tras as eleccións municipais. Un alcalde que, tal e como o propio presidente confirmou, é sinónimo do bo facer que caracteriza aos dirixentes do PPdeG.
E, coincidindo coas semanas previas ao Nadal, tamén foron numerosas as persoas que lle quixeron transmitir a Alfonso Rueda a súa preocupación pola subida de prezos e o seu sentimento de impotencia ante un Goberno central que semella alleo a este tipo de problemáticas cotiás.
Algo ante o que o presidente galego se comprometeu a continuar facendo todo o que estea da súa man para seguir axudando ás familias, tomando medidas desde o Goberno galego que se reflictan día a día no peto dos galegos e que alivien as súas cargas económicas.
O autobús de ‘Galicia non para!’ sumou así un novo destino logo dos exitosos encontros que previamente mantivera o presidente Rueda coa veciñanza de Bandeira, Portomarín, Porto do Son, Bande, Cuntis, Malpica, Sober, Ames e Cangas; e que lle permitiron seguir afondando nos problemas reais dos galegos e recoller as súas impresións, suxestións e inquedanzas.
Algo para o que tamén está dispoñible a páxina web rueda.gal, a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle a Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.
O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO CON REDONDELA
Logo de compartir impresións coa veciñanza de Baiona, o líder dos populares galegos desfrutou da celebración da tradicional comida de Nadal organizada pola agrupación local da formación en Redondela. Na que, con Javier Bas e Alberto Pazos como anfitrións, tamén estiveron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
O presidente do PPdeG comprometeuse neste concello a facer valer a estabilidade de Galicia e a defender a dignidade dos galegos, sen perder o tempo noutra cousa que non sexa gobernar desde o sentidiño e tendo claro que a Comunidade ten que seguir sendo unha “illa de estabilidade”.
Tamén quixo aproveitar a ocasión para remarcar reivindicar que o Goberno galego cumpre con feitos nestes dous municipios do sur de Pontevedra. Tal e como demostra que Redondela será nos Orzamentos de 2024, con dous grandes proxectos: as obras de ampliación do IES Pedro Floriani (1,23 M€) e o apoio ao Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) cun millón de euros.
Pola súa banda, tanto Paula Prado como Luis López participaron tamén na comida dos populares en Gondomar.