Alfonso Rueda comprométese a unificar todas as convocatorias de axudas a autónomos nun único procedemento de solicitude

Hoxe, nunha visita á Panadaría Fachal de Boqueixón acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Ourense, Elena Rivo, o presidente da Comisión de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández e o alcalde Ovidio Rodeiro

  • “O obxectivo é que quen teña dereito a esas axudas se atopen cun único formulario e non teñan que perder o tempo que necesitan para xestionar os seus negocios, nin dedicar recursos adicionais a facer un trámite burocrático que é posible simplificar”, explica
  • O presidente ten claro que “se queremos unha Galicia que funcione, temos que facer que a vida dos que xeran riqueza e emprego sexa un pouco máis fácil non só axudándolles, senón tamén sendo eficaces na tramitación e concesión das axudas”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe a simplificar e unificar todas as convocatorias de axudas a autónomos que se promovan desde o Goberno galego nun único procedemento de solicitude e así facilitar tanto a súa tramitación como a súa obtención.

“O obxectivo é que quen teña dereito a esas axudas se atopen cun único formulario e non teñan que perder o tempo que necesitan para xestionar os seus negocios, nin dedicar recursos adicionais a facer un trámite burocrático que é posible simplificar”, explicou o líder dos populares galegos poñendo en valor que o Goberno galego dedica un promedio de 50 millóns de euros ao ano a axudar aos autónomos a través de diversas convocatorias que “é necesario e posible simplificar”.

Unha axuda que, subliñou, foi moi importante en “momentos de dificultade económica” como aconteceu na pandemia da Covid ou máis recentemente coa suba de custos enerxéticos e produtivos derivada da guerra de Ucraína. E neste sentido destacou que “no momentos nos que os autónomos necesitaron máis axuda, atoparon no Goberno galego unha Administración que foi rápida na entrega deses cartos que en moitos casos foron fundamentais para que tivesen futuro”.

En declaracións aos medios logo de realizar unha visita ao obradoiro da Panadaría Fachal (Boqueixón), onde ademais tivo a oportunidade de ser partícipe do proceso de elaboración artesanal do pan, Rueda reivindicou o traballo que día a día fan os autónomos galegos e o papel fundamental que desempeñan dentro do tecido produtivo e económico de Galicia grazas á súa iniciativa, á súa capacidade para facer fronte ás dificultades e a súa función como xeradores de emprego e riqueza.

“Para ser autónomo hai que ser moi valente, ter moita ilusión e moito compromiso. Polo que, dado o dificultoso que é sacar adiante un negocio día a día, o mínimo que poden esperar das Administracións é que lles ofrezamos certezas, estabilidade e axuda cando sexa preciso”, asegurou.

De feito, Rueda ten claro que “se queremos unha Galicia que funcione, temos que facer que a vida dos que xeran riqueza e emprego sexa un pouco máis fácil non só axudándolles, senón tamén sendo eficaces na tramitación e concesión das axudas”.