Alfonso Rueda anuncia a posta en marcha dun plan para detectar e previr o abandono escolar potenciando a FP básica

Hoxe, nun acto co sector educativo na Cidade da Cultura ao que asistiron 1.500 persoas e no que tamén participou o candidato pola provincia de Pontevedra Román Rodríguez

Alfonso Rueda anuncia a posta en marcha dun plan para detectar e previr o abandono escolar potenciando a FP básica

  • Ofrecerase información e orientación ao alumnado e levaranse a cabo actuacións específicas encamiñadas a reorientar aos rapaces en risco de abandono ou que xa deixaron de formarse, a desempregados e a mozos sen titulación académica
  • “O ensino de calidade é aquel que non cree en ningún tipo de imposición ideolóxica, lingüística ou partidista, senón que ofrece unha visión ampla para que a xente decida en liberdade”, sostén o presidente do PPdeG

10 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha do Plan FPGal360 co obxectivo de detectar e previr o abandono escolar antes de que se produza e derivar a ese alumnado a ciclos de Formación Profesional Básica.

Un obxectivo que se enmarca na procura de acadar o “abandono cero” e que o 100% dos rapaces sigan formándose e preparándose, polo menos, ata cumprir a maioría de idade. Por iso, a aposta do líder dos populares galegos é potenciar os ciclos formativos para que ningún mozo quede sen ter unha titulación e poida así mellorar a súa inserción laboral.

A través deste novo plan ofrecerase información e orientación sobre a FP Básica ao alumnado desde idades temperáns e levaranse a cabo actuacións específicas tanto para animar ao rapaces en risco de abandono ou que xa deixaron os estudos a seguir formándose, como para dar a coñecer a desempregados ou mozos sen titulación académica as oportunidades laborais que ofrecen estes ciclos formativos.

Na súa intervención, Alfonso Rueda asegurou que “para que Galicia funcione, a educación ten que funcionar”. Algo para o que é fundamental “contar cun profesorado e unha comunidade educativa con vocación e dedicación” e, sobre todo, a procura constante da calidade, a excelencia e a accesibilidade no sistema educativo.

E precisamente nesa liña incidiu na capacidade de “vertebración do territorio” que tamén ten a educación, apostando por “construír un sistema educativo presente en todas partes, que vaia onde están os alumnos e non ao revés e que lles posibilite o máximo posible o acceso aos centros educativos”.

Unha accesibilidade que tamén ten que ser económica e de aí o esforzo económico que se fai desde o Goberno galego por financiar a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos e a manter conxeladas as taxas universitarias. Dúas medidas ás que Alfonso Rueda propón ademais engadir a gratuidade das primeiras matrículas en todos os graos universitarios e en todos os cursos.

En clave máis política, o presidente e candidato do PPdeG remarcou especialmente que “a docencia ten que baseares en ensinar e formar, non en adoutrinar” porque, do contrario, xeraríase rexeitamento e desapego:  “Unha cousa é educar en valores e outra educar en ideoloxía”.

“O ensino de calidade é aquel que non cree en ningún tipo de imposición ideolóxica, lingüística ou partidista, senón que ofrece unha visión ampla para que a xente decida en liberdade”, concluíu a este respecto.