Hoxe, nun mitin en Vigo ao que asistiron máis de 1.500 persoas e no que tamén participaron a presidenta do PP de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a candidata pola provincia de Pontevedra Patricia García e a presidenta do PP local, Marta Fernández-Tapias
- Aposta por unha Galicia que “siga sendo como é sen que ninguén nos diga como temos que ser” e na que non se separe aos galegos entre bos e malos en función do que pensan
- Sostén que este domingo “hai que elixir entre a unión fronte a ruptura, entre as solucións fronte aos problemas e entre o cumprimento da palabra dada fronte aos quen farán todo o que dixeron que non farían e renunciarán a todo o que dixeron que non renunciarían”
O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe en Vigo que ten “ganas de gañar” e non polo mero feito de acadar o triunfo, senón porque é consciente do “moito que hai en xogo” e porque quere que Galicia poida seguir o seu propio camiño sen escusas nin impedimentos.
Explicou que quere unha Galicia na que non sexa necesario “separar aos galegos entre bos e malos en función do que pensan” para defender a súa identidade e ter “voz propia en España” e, do mesmo xeito, unha Galicia que “siga sendo como é sen que ninguén nos diga como temos que ser”.
Referiuse así á “esas minorías que queren impoñerse á maioría coa complicidade dun PSOE ao que lle da igual quen goberne Galicia” e fixo un chamamento aos votantes socialistas “desencantados, alucinados e descontentos porque non recoñecen ao que foi o seu partido”.
“A todos eses votantes do PSOE que non entenden a renuncia aos seus principios só para que o seu xefe de filas siga no seu asento, que senten que as cousas poden ser doutra maneira e que non queren separatismos en Galicia, dígolles que poden confiar en nós”, afirmou reivindicando que quere seguir sendo “o presidente de todos e cada un dos galegos”.
Ante unha audiencia de máis de 1.500 persoas, Alfonso Rueda ofreceuse para “seguir gobernando con sentidiño e sensatez, sen crear problemas novos e sen perder o tempo en discusións” e reivindicouse como bo xestor porque “xa hai de sobra na esquerda xente que non xestiona, que inventa un problema para cada solución e que só entende a política desde a crispación e o enfrontamento”.
Asegurou que este domingo “hai que elixir entre a unión fronte a ruptura, entre as solucións fronte aos problemas e entre o cumprimento da palabra dada fronte aos quen farán todo o que dixeron que non farían e renunciarán a todo o que dixeron que non renunciarían”.
“O partidismo non leva a nada, pero a experiencia si”, engadiu facendo un chamamento a “ver o que fixemos entre todos, mirar cara adiante e superarnos a nós mesmos”. Por iso, na recta final da campaña, o líder populares galegos remarcou que non vai renunciar a seguir facendo balance de todo o feito e a seguir facendo propostas onde outros só fan descualificacións.
Apostou así por seguir axudando ás familias con medidas como a gratuidade das escolas infantís ou das primeiras matrículas universitarias, por seguir mellorando a sanidade pública e por “tomar medidas desde o primeiro minuto”.
Comprometeuse así a que nos seus primeiros 100 días de goberno rebaixará o imposto de sucesións aos herdeiros colaterais, permitirá que as mulleres que queiran optar pola fecundación in vitro poidan facelo ata os 45 anos e poidan ademais conxelar os seus óvulos sen necesidade de ter ningunha patoloxía, continuará completando o calendario de vacinación infantil e comezará a ampliación do parque de vivenda pública.
Seguirá apostando así mesmo por mellorar as infraestruturas de Galicia con feitos e non, como fan outros, “baixando dun tren cos Reis Magos, nin bicando locomotoras, nin escusándose en estudos medioambientais e publicacións no BOE para ocultar a súa inacción”.
Nesta liña recordou que, mentres o PSOE e o BNG pactaron a gratuidade da AP-9 e en cambio os galegos sufriron a maior subida das peaxes da historia, as autopistas de titularidade autonómica seguen por segundo ano consecutivo coas súas tarifas conxeladas. “Esa é a diferenza entre a propaganda e as realidades”, concluíu.
Rueda rematou a súa intervención asegurando que se sinte preparado, motivado e con ganas para solicitar aos galegos a súa confianza e que “Galicia siga funcionando desde a estabilidade e sen perder o tempo en discusións nin egoísmos”.
Quixo agradecer ademais á presidenta Isabel Díaz Ayuso que represente tan ben a unha Comunidade onde hai moitos galegos como é Madrid, así como o seu apoio persoal ao longo desta campaña electoral: “Grazas por transmitir estas ganas de gañar”.