Alfonso Rueda: “A xente está convencida de que o domingo hai que elixir entre a Galicia que funciona ou un multipartito de esquerdas”

Hoxe, en declaracións aos medios en Pontevedra logo dun encontro con interventores e membros do equipo de campaña do partido

  • Traslada o seu agradecemento a todos os interventores e apoderados que “o domingo estarán representando ao PPdeG e a disposición de todos os votantes”, despois dunha campaña de contacto directo coa xente a pé de rúa, actos sectoriais e almorzos informativos
  • “Pido unha confianza máxima, con máis razón e con máis forza que nunca, no Partido Popular”, subliña
  • Apela á confianza dos que “non queren que Galicia caia en mans dun goberno que ten como obxectivos a independencia, a imposición lingüística ou a desaparición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, quixo iniciar o seu último día de campaña en Pontevedra para coller forzas coa súa xente e, nun encontro con interventores e apoderados, asegurou estar “satisfeito, tranquilo e convencido” de que os galegos sexan conscientes que este domingo, 18 de febreiro, “hai que elixir entre a Galicia que funciona ou un multipartito de esquerdas”.

Insistiu en que durante a campaña e nas próximas horas o seu obxectivo foi e será “pedir a confianza maioritaria dos galegos fronte ao radicalismo do nacionalismo independentista e a resignación dun PSOE disposto a ceder en todo”. De feito, pediu o voto de todos aqueles que “non queren que Galicia caia en mans dun goberno que ten como obxectivos a independencia, a imposición lingüística ou a desaparición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

“Todo iso pode instalarse aquí e por iso pido unha confianza máxima, con máis razón e con máis forza que nunca, no Partido Popular e na Galicia que funciona”, explicou amosando a súa satisfacción co traballo feito durante estes 15 días nos que “fixemos a campaña que nos gusta facer”.

Destacou así o contacto directo coa xente a pé de rúa e a través de actos sectoriais de todo tipo (culturais, deportivos, sociais…) e almorzos informativos nas sete cidades con gran afluencia. “A xente quixo escoitar as nosas propostas e decidir en consecuencia porque para iso son as campañas, sen necesidade de entrar nas descualificacións nin no insulto persoal”, subliñou.

Alfonso Rueda aproveitou o seu encontro con interventores e membros do equipo de campaña do PP de Pontevedra para darlle as grazas e facer extensivo o seu agradecemento “a todos os interventores e apoderados que o domingo estarán representando ao PPdeG, a disposición de todos os votantes, e formando parte dun dispositivo que permitirá que a xornada electoral transcorra con total normalidade”.

O presidente e candidato percorrerá durante esta xornada as catro provincias galegas, xa que logo deste encontro en Pontevedra realizará un paseo por Lugo, participará logo no mitin de peche de campaña –xunto ao presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo– e rematará no mitin-festa de fin de campaña organizado polo PP de Ourense.

Alfonso Rueda asegura que ten “ganas de gañar” e pide o voto para que Galicia poida seguir o seu camiño sen impedimento

Hoxe, nun mitin en Vigo ao que asistiron máis de 1.500 persoas e no que tamén participaron a presidenta do PP de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a candidata pola provincia de Pontevedra Patricia García e a presidenta do PP local, Marta Fernández-Tapias

  • Aposta por unha Galicia que “siga sendo como é sen que ninguén nos diga como temos que ser” e na que non se separe aos galegos entre bos e malos en función do que pensan
  • Sostén que este domingo “hai que elixir entre a unión fronte a ruptura, entre as solucións fronte aos problemas e entre o cumprimento da palabra dada fronte aos quen farán todo o que dixeron que non farían e renunciarán a todo o que dixeron que non renunciarían”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe en Vigo que ten “ganas de gañar” e non polo mero feito de acadar o triunfo, senón porque é consciente do “moito que hai en xogo” e porque quere que Galicia poida seguir o seu propio camiño sen escusas nin impedimentos.

Explicou que quere unha Galicia na que non sexa necesario “separar aos galegos entre bos e malos en función do que pensan” para defender a súa identidade e ter “voz propia en España” e, do mesmo xeito, unha Galicia que “siga sendo como é sen que ninguén nos diga como temos que ser”.

Referiuse así á “esas minorías que queren impoñerse á maioría coa complicidade dun PSOE ao que lle da igual quen goberne Galicia” e fixo un chamamento aos votantes socialistas “desencantados, alucinados e descontentos porque non recoñecen ao que foi o seu partido”.

“A todos eses votantes do PSOE que non entenden a renuncia aos seus principios só para que o seu xefe de filas siga no seu asento, que senten que as cousas poden ser doutra maneira e que non queren separatismos en Galicia, dígolles que poden confiar en nós”, afirmou reivindicando que quere seguir sendo “o presidente de todos e cada un dos galegos”.

Ante unha audiencia de máis de 1.500 persoas, Alfonso Rueda ofreceuse para “seguir gobernando con sentidiño e sensatez, sen crear problemas novos e sen perder o tempo en discusións” e reivindicouse como bo xestor porque “xa hai de sobra na esquerda xente que non xestiona, que inventa un problema para cada solución e que só entende a política desde a crispación e o enfrontamento”.

Asegurou que este domingo “hai que elixir entre a unión fronte a ruptura, entre as solucións fronte aos problemas e entre o cumprimento da palabra dada fronte aos quen farán todo o que dixeron que non farían e renunciarán a todo o que dixeron que non renunciarían”.

“O partidismo non leva a nada, pero a experiencia si”, engadiu facendo un chamamento a “ver o que fixemos entre todos, mirar cara adiante e superarnos a nós mesmos”. Por iso, na recta final da campaña, o líder populares galegos remarcou que non vai renunciar a seguir facendo balance de todo o feito e a seguir facendo propostas onde outros só fan descualificacións.

Apostou así por seguir axudando ás familias con medidas como a gratuidade das escolas infantís ou das primeiras matrículas universitarias, por seguir mellorando a sanidade pública e por “tomar medidas desde o primeiro minuto”.

Comprometeuse así a que nos seus primeiros 100 días de goberno rebaixará o imposto de sucesións aos herdeiros colaterais, permitirá que as mulleres que queiran optar pola fecundación in vitro poidan facelo ata os 45 anos e poidan ademais conxelar os seus óvulos sen necesidade de ter ningunha patoloxía, continuará completando o calendario de vacinación infantil e comezará a ampliación do parque de vivenda pública.

Seguirá apostando así mesmo por mellorar as infraestruturas de Galicia con feitos e non, como fan outros, “baixando dun tren cos Reis Magos, nin bicando locomotoras, nin escusándose en estudos medioambientais e publicacións no BOE para ocultar a súa inacción”.

Nesta liña recordou que, mentres o PSOE e o BNG pactaron a gratuidade da AP-9 e en cambio os galegos sufriron a maior subida das peaxes da historia, as autopistas de titularidade autonómica seguen por segundo ano consecutivo coas súas tarifas conxeladas. “Esa é a diferenza entre a propaganda e as realidades”, concluíu.

Rueda rematou a súa intervención asegurando que se sinte preparado, motivado e con ganas para solicitar aos galegos a súa confianza e que “Galicia siga funcionando desde a estabilidade e sen perder o tempo en discusións nin egoísmos”.

Quixo agradecer ademais á presidenta Isabel Díaz Ayuso que represente tan ben a unha Comunidade onde hai moitos galegos como é Madrid, así como o seu apoio persoal ao longo desta campaña electoral: “Grazas por transmitir estas ganas de gañar”.