Alfonso Rueda asegura que o 18-F Galicia será, fronte a Sánchez e o nacionalismo, “o futuro e a esperanza de España”

Hoxe, nun mitin en Santiago de Compostela ao que asistiron 500 persoas e no que tamén participaron o presidente do PP de Andalucía, Juanma Moreno, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato pola provincia da Coruña Borja Verea

Alfonso Rueda asegura que o 18-F Galicia será, fronte a Sánchez e o nacionalismo, “o futuro e a esperanza de España”

  • Reivindica “sen contradicións e sen complexos” que non é incompatible ser orgullosamente galego e orgullosamente español, nin fai falta ser menos español para ser mais galego
  • “Isto vai de ter palabra e eu si teño palabra e quero seguir traballando por Galicia sen que ninguén nos diga o que temos que facer. O único que necesitamos é a maioría suficiente para poder facelo”, defende

10 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, ten claro que unha España mellor comeza en Galicia e por iso asegurou hoxe que o próximo 18 de febreiro os resultados das eleccións autonómicas demostrarán que a nosa Comunidade é tamén “o futuro e a esperanza de España”.

Reivindicou “sen contradicións e sen complexos” que non é incompatible ser orgullosamente galego e orgullosamente español, nin fai falta ser menos español para ser galego. Do mesmo xeito que tampouco é necesario que a outros territorios lle vaia mal para que a Galicia lle poida ir ben.

Neste sentido, e aproveitando a presenza no acto do presidente do PP de Andalucía, Juanma Moreno, o líder dos populares galegos subliñou que a nosa Comunidade é “parte fundamental dunha España diversa, plural e igualitaria”.

Alfonso Rueda cre que, ás portas da última semana de campaña electoral, xa están claras as dúas únicas opcións para Galicia: “Ou seguir mellorando desde o sentidiño e a estabilidade ou deixarnos levar polo barullo que vemos noutros sitios e que os partidos do multipartito queren traer aquí”.

Referíndose precisamente ao multipartito de esquerdas, o líder dos populares galegos acosounos de “seguir dicindo o mesmo que hai 20 anos pero agora intentando disimular e branquear as súas intencións” e retou ao BNG a facer campaña cos seus verdadeiros aliados: “Se os nacionalistas foran valentes, consecuentes e sinceros, deberían traer a ese do que tanto presumen cando cren que non os oen e con quen se fan fotos que logo negan: Arnaldo Otegi”.

Tamén aproveitou a celebración esta mañá dun acto con representantes do sector educativo na Cidade da Cultura para reivindicar que “a educación non é de ninguén máis que das familias, dos alumnos e dos docentes”, que “as aulas non son lugares para facer mítines” e que “os docentes non teñen obriga de ser axentes electorais de ningún partido”.

“Fronte ao modelo de adoutrinamento, de imposición e de monolingüismo, os galegos queremos liberdade. Porque empezan dicíndonos como hai que falar e acabarán dicíndonos como temos que pensar. Nós queremos pensar en liberdade”, defendeu.

Rueda apostou por “seguir funcionando como un pobo unido a pesar das diferenzas” e apelou ao inconformismo para seguir construíndo entre todos unha Galicia con “máis e mellores servizos públicos” sen esquecer nunca todo o avanzado. Ese é o espírito que, tal e como asegurou, impregna o programa electoral do PPdeG.

“Isto vai de ter palabra e eu si teño palabra e quero seguir traballando por Galicia sen que ninguén nos diga o que temos que facer. O único que necesitamos é a maioría suficiente para poder facelo sen escusas e cun único compromiso: entre os que conformamos as listas e os galegos que confíen en nós”, concluíu.