Alfonso Rueda subliña a súa ilusión por seguir acompañando aos galegos no camiño cara a Galicia da próxima década

Hoxe, nun mitin en Mos no que tamén participaron a candidata pola provincia de Pontevedra Felisa Rodríguez e a alcaldesa Nidia Arévalo

  • Anima así aos seus a afrontar estes últimos días de campaña pedindo ata o último voto con confianza pero sen confiarse, con optimismo, con orgullo polo feito e coa esperanza polo que queda por facer para que Galicia siga funcionando
  • Destaca investimentos en Mos como o complexo sociosanitario do Rebullón, o centro público de coidados intermedios ou as vivendas públicas que se van construír en San Eleuterio
  • Nidia Arévalo: “Mediante o voto útil, o voto para Mos, debemos devolverlle a Alfonso Rueda todo o apoio que sempre lle outorgou ao noso concello porque, con el, Galicia funciona”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe a súa ilusión por seguir acompañando aos galegos no camiño cara a Galicia da próxima década reivindicando que ama e respecta a nosa Comunidade tal e como é, sen necesidade de cambiala por nada.

O líder dos populares aposta por unha vitoria que permita a Galicia ter un goberno que merece: con ilusión, con experiencia e ao servizo de todos os galegos sen excepción. De aí que afirmase que o 18 de febreiro todos os galegos deben ter claro que o que se escolle é o camiño para os próximos entre, chamándoos a escoller a papeleta do PPdeG e con ela a da unidade, as solucións e a experiencia fronte á ruptura, as liortas, o partidismo e os nacionalismos.

Animou así aos seus a afrontar estes últimos días de campaña pedindo ata o último voto con confianza pero sen confiarse, con optimismo, con orgullo polo feito e coa esperanza polo que queda por facer para que Galicia siga funcionando.

E nesa Galicia que funciona xoga e seguirá xogando un papel moi importante o concello de Mos, xa que contará co complexo sociosanitario do Rebullón e cun dos primeiros centros públicos de coidados intermedios. Comprometeuse ademais a atraer novos investimentos que creen riqueza e emprego, como a Factoría do Deporte Galego, e a apostar pola vivenda pública con 20 novas que se van construír en San Eleuterio.

Do mesmo xeito, Rueda quere seguir vertebrando o territorio e neste sentido amosouse contrario a que a AP-9 siga sendo a autoestrada de titularidade estatal máis cara de España, xunto coa AP-53.

Concluíu facendo un chamamento a que este domingo os galegos aposten pola Galicia orgullosa de si mesma e do que é dentro de España, a Galicia unida con sitio para todos, a Galicia próspera e con oportunidades. A Galicia, en definitiva, que funciona e que debe seguir funcionando.

ARÉVALO: “MOS TEN QUE DEVOLVER A RUEDA O APOIO QUE SEMPRE NOS DEU”

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu a “gran afluencia de persoas e o gran traballo que sempre desenvolve para que así sexa o equipo do comité local dos populares de Mos”. Destacou, así mesmo, a importancia de “que Alfonso Rueda siga a ser o presidente da Xunta, para continuar cun presidente libre que prima e promove o modelo Galicia fronte ás minorías e chantaxes do modelo Sánchez. Un ‘modelo Galicia’ que que nos fai punteiros en sanidade, educación, transformación e sentidiño”.

A rexedora puxo en valor “a transformación e o cambio” que experimentou Mos nos últimos tempos “grazas aos elevados investimentos” impulsados polo PP desde a Xunta. “No 2005 atopei en Feijóo o mellor aliado para defender Mos e aí xa estaba Alfonso Rueda. En 2009 desaloxamos o bipartidismo de Galicia e de Mos, e o noso concello comezou o despegue para converterse no territorio de oportunidades que hoxe é, cun PXOM aprobado en 2017, co macrocentro sociosanitario do Rebullón que será pioneiro en España en desenvolvemento e tantos outros proxectos de presente e de futuro”.

“Por iso mediante o voto útil, o voto para Mos, debemos devolverlle a Alfonso Rueda todo o apoio que lle outorgou ao noso concello. Porque en fronte só hai mentira e oportunismo. Porque Galicia perde cos nacionalistas e os socialistas, sen embargo sabemos que con Rueda Galicia funciona”, concluíu Arévalo, poñendo en valor tamén á candidata mosense Feli Rodríguez, da parroquia de Tameiga, que é tamén concelleira do equipo de goberno local e que “xa demostrou nesta lexislatura a súa defensa de Mos por riba de todo como deputada autonómica”.