Alfonso Rueda considera que a suba en votos do PPdeG en Ourense é a recompensa ao intenso traballo feito polo partido na provincia

Hoxe, na Xunta Xestora Provincial do PP de Ourense acompañado polo líder do partido na provincia, Luis Menor, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado

  • Os populares galegos aumentaron o seu apoio na provincia en comparación coas eleccións autonómicas de 2020 ata acadar unha porcentaxe de voto moi próxima ao 50%
  • O presidente asegura que o pasado 18 de febreiro Galicia rexeitou unha forma de facer política baseada na chantaxe e nos privilexios para uns poucos e, en cambio, apostou maioritariamente pola responsabilidade, o sentidiño e a superación
  • Luis Menor reivindica que o partido mantén os 8 deputados e que os resultados acadados “non son froito da casualidade, senón a lóxica consecuencia da extraordinaria mobilización”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o intenso traballo do PP de Ourense ao longo destes anos, e especialmente durante os últimos meses, e apuntou como resultado do mesmo o incremento no número de votos acadado na provincia respecto ás últimas eleccións autonómicas.

A pesar da renovación experimentada pola candidatura que encabezaba Elena Rivo, os populares galegos aumentaron o seu apoio na provincia en comparación co ano 2020 ata acadar unha porcentaxe de voto moi próxima ao 50%. Destacando especialmente o caso de Verín –onde a suba supera o 10%– e dunha ducia de concellos onde se acadou o pasado domingo un apoio de máis do 70% á lista do PP ou o caso de Quintela de Leirado, onde se acadou o pasado domingo un apoio do 90% á lista do PP.

O líder dos populares galegos asegurou que estes resultados son o mellor impulso para continuar co traballo ben feito e por iso agradeceu ao líder do partido na provincia, Luis Menor, a súa capacidade para pilotar unha transición que foi posible grazas á xenerosidade de todos.

Ante a Xunta Xestora Provincial do PP de Ourense, Rueda sostivo que a vitoria do PPdeG o pasado 18 de febreiro foi a constatación de que Galicia rexeita unha forma de facer política baseada na chantaxe e nos privilexios para uns poucos e, en cambio, aposta maioritariamente pola responsabilidade, o sentidiño e a superación.

Explicou ademais que a nova lexislatura estará chea de ilusión por construír a Galicia do futuro e por iso pide aos seus que sigan escoitando aos veciños e continúen facendo do bo Goberno e da boa oposición as sinais de identidade do PPdeG. Porque só así, traballando por mellorar a vida da xente, se garante que Galicia siga funcionando.

LUIS MENOR: “DIXEMOS QUE OURENSE NON ÍA FALLAR E NON FALLOU”

Luis Menor comezou a súa intervención lembrando que durante a campaña prometera que Ourense non ía fallar e “Ourense non fallou”. Así, destacou que 1 de cada 2 ourensáns votou ao Partido Popular e que isto se traduciu en que a formación conseguise na provincia máis votos que a suma de todas as formacións políticas que obtiveron representación no Parlamento de Galicia. O cal permitiu manter os 8 deputados conseguidos na anterior lexislatura.

Para o líder dos populares ourensáns a vitoria do PP de Ourense ten un valor especial no contexto galego pois, ademais das forzas políticas que se presentaron a estas eleccións en toda Galicia, “na provincia de Ourense tivemos que enfrontarnos a unhas siglas máis”. Con todo, subliñou, estas non conseguiron ser chave para formar goberno en Galicia: “O único deputado que conseguiron déixaos na máis irrelevancia política no Parlamento”.

Con estes resultados –“que non son froito da casualidade, senón a lóxica consecuencia da extraordinaria mobilización”; apunta Menor– o PP de Ourense adquire o compromiso de “cumprir coa palabra dada, sen renunciar nin deixar a ninguén a bandeira da reivindicación que nos deu a veciñanza”.

Alfonso Rueda remata a súa campaña en Ourense e pide á provincia os resultados espectaculares que sempre lle deu ao PP

Hoxe, nun mitin-festa fin de campaña en Ourense acompañado pola cabeza de lista pola provincia, Elena Rivo, a tamén candidata Victoria Núñez e o líder provincial do PP, Luis Menor

  • Quixo trasladar tamén o seu orgullo polo feito de que o PP de Ourense estea tan forte e unido
  • Luis Menor reivindica o seu pacto con Alfonso Rueda para a cidade de Ourense: “Un compromiso coa cidade que recolle 12 propostas concretas, serias, rigorosas e realizables, con proxectos cuantificados nos ámbitos sanitario, de vivenda, servizos sociais, transporte público, mobilidade sostible, deporte, turismo ou a mellora dos servizos administrativos”
  • Elena Rivo: “Somos a Galicia da confianza fronte aos bandazos dos demais, ofrecemos unidade fronte as liortas doutros e traballamos por solucionar os problemas, non por aumentalos”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, rematou esta noite a súa campaña na cidade de Ourense trasladando o seu orgullo polo feito de que o PP de Ourense estea tan forte e unido e apelando aos bos resultados que o partido sempre acada na provincia.

Nun mitin-festa celebrado na cancha central do Pavillón dos Remedios, o líder dos populares galegos propuxo unha Galicia que funcione desde o primeiro momento e ao xeito de Galicia: con unidade, con sentidiño e coa esixencia de mellorar cada día. Por iso pediu o voto “por todo o que podemos acadar se en Galicia permanecemos xuntos”.

Ante aos asistentes ao mitin-festa de fin de campaña celebrado en Ourense, reivindicou que, fronte á Galicia do separatismo –na que só cabe un xeito de pensar, un xeito de sentir e un xeito de falar–, na Galicia que el propón todos os galegos teñen cabida.

Chamou a esquivar os obstáculos que impiden o avance e a evitar un porvir cunha sociedade partida votando pola Galicia que funciona e que ten que seguir sendo como é, por moito que algúns queiran impoñer aos galegos como teñen que ser.

Rueda quere, coa confianza dos galegos, comezar a construír a Galicia da nova década desde o próximo luns. Unha Galicia na que cada galego poida elixir o seu xeito de vivila e sexa dono do seu propio futuro sen imposicións nin complexos, senón desde a liberdade e en plenitude.

Reafirmando o orgullo de ser galego, pediu o voto ofrecéndose a liderar a Galicia que se sinte orgullosa do que é, que vai unida cara adiante, que constrúe España, na que se pode confiar, que non imita problemas alleos. Unha Galicia, en definitiva, que funciona libre de imposicións e submisións a intereses ideolóxicos e persoais.

LUIS MENOR: “OURENSE NON VAI FALLAR”

O presidente provincial dos populares, Luis Menor, proclamou que “Ourense non vai a fallar” este domingo. Afirmación que avalou logo da multitudinaria resposta á convocatoria do mitin nos Remedios: “Todo un desafío volver a encher esta cancha central e darlle outra noite gloriosa ao PP”.

Menor, que fixo unha mención especial “a todos os ourensáns que desde moitos recunchos do mundo quixeron colaborar nesta campaña”, agradeceu o intenso traballo da candidatura, presidentes das xuntas locais e dos distritos da cidade, de afiliados, de simpatizantes e de voluntarios, nunha campaña que contou con máis de 100 actos na cidade e máis de 80 na provincia.

“Unha media de 12 actos electorais diarios é algo que non está ao alcance dos outros partidos, igual que encher esta cancha central non é froito da casualidade: é froito da potencia e da capacidade de mobilización e traballo do Partido Popular en Ourense”, afirmou.

No que atinxe á única opción válida para este domingo, o líder dos populares ourensáns sinalou que “todos queremos o modelo de estabilidade que desfrutamos”. Lembrou tamén Luis Menor que o seu pacto con Alfonso Rueda para a cidade de Ourense: “Un compromiso coa cidade que recolle 12 propostas concretas, serias, rigorosas e realizables, con proxectos cuantificados nos ámbitos sanitario, de vivenda, servizos sociais, transporte público, mobilidade sostible, deporte, turismo ou a mellora dos servizos administrativos da Xunta de Galicia”.

ELENA RIVO: “PAGA A PENA ESTE ESFORZO FINAL”

Pola súa banda, a cabeza de lista do PP por Ourense, Elena Rivo, proclamou que “esta magnífica candidatura de Ourense e os nosos militantes estamos de festa despois dunha campaña na que deixamos claro que Galicia funciona e Galicia namora”.

“O perigo é real. Podemos acabar con todo o bo que conseguimos nestes últimos anos cos gobernos do PP na Xunta de Galicia e contaxiarnos dos males do independentismo e do radicalismo que sofre España”, advertiu Rivo.

“Paga a pena este esforzo final porque somos a Galicia da confianza fronte aos bandazos dos demais, ofrecemos unidade fronte as liortas doutros, traballamos por solucionar os problemas, non por aumentalos; damos estabilidade fronte ao caos,  temos experiencia e estamos avalados polos resultados de tantos anos de xestión”, concluíu.