O PPdeG enxalza a Rosalía de Castro como esencia da identidade de Galicia: “Somos un pobo orgulloso de si mesmo, da súa cultura e da súa lingua”

Hoxe, nunha ofrenda floral ante o monumento da escritora en Padrón con motivo do 187º aniversario do seu nacemento

  • Paula Prado asegura que “con ela aprendemos que a lingua é unha ponte para o entendemento e non un muro para fomentar a división” e que o seu papel foi clave na apertura e nos éxitos da nosa Comunidade

Ofrenda do PP a Rosalía de CastroO PPdeG rendeu hoxe unha homenaxe á figura de Rosalía de Castro con motivo do 187º aniversario do seu nacemento, enxalzando que a escritora representa a esencia do que fomos e somos os galegos: “Un pobo orgulloso de si mesmo, da súa identidade, da súa cultura e da súa lingua”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o secretario da Comisión de Cultura do PPdeG, Valentín García, e Ángel Rodríguez Conde participaron esta mañá nunha ofrenda floral en Padrón na que quixeron reivindicar o legado que deixou a autora de Cantares gallegos e o seu papel na construcción da Galicia de hoxe.

“Con ela aprendemos que a lingua é unha ponte para o entendemento e non un muro para fomentar a división. Unha ferramenta para unir e para convencernos de que, como pobo, é moito máis o que nos une que o que nos diferenza e de que xuntos somos máis fortes”, explicou a número dous dos populares galegos.

Prado asegurou neste sentido que, “fronte a uns nacionalismos que pretenden separarnos entre bos e malos galegos e fronte aos que pretenden supeditar o destino de Galicia ao que decidan outros”, o PPdeG seguirá apostando pola unidade, a liberdade e o progreso.

Destacou así mesmo que, do mesmo xeito que Rosalía de Castro foi clave no rexurdir de Galicia, hoxe os galegos vivimos o que o presidente Alfonso Rueda denomina “Novo Rexurdimento” e que se materializa na apertura dunha Comunidade que non coñece límites: “Grazas a figuras como Rosalía de Castro e ás xeracións de galegos e galegas que nos precederon, Galicia é hoxe unha terra de retorno, de creación de emprego, de liderado cultural e referente para todo o mundo”.

“No camiño cara a Galicia do futuro, queremos reivindicarnos no que somos e no que queremos seguir sendo. E ningún espello mellor para mirarse nesta tarefa colectiva de seguir construíndo Galicia que Rosalía de Castro, a muller que nos fixo ser como somos”, concluíu.

A “INCONTESTABLE E INCUESTIONABLE” VITORIA DE RUEDA O 18-F

A secretaria xeral do PPdeG tamén aproveitou a ocasión para recordar a vitoria “incontestable e incuestionable” de Alfonso Rueda nas eleccións celebradas o pasado domingo asegurando que o partido sae desta primeira semana “absolutamente reforzada”.

Lamentou, en cambio que os partidos da esquerda “estean cuestionando unha vitoria tan contundente e tan importante para o futuro de Galicia”. Polo que remarcou que o futuro Goberno que encabezará o presidente Rueda “gobernará para todos os galegos, tanto os que votaron ao PPdeG como os que non”.

Paula Prado acusa a Pedro Sánchez de volver “tomarlle o pelo aos galegos” coas axudas para vivenda prometidas hai 9 meses e desbotando a eliminación das peaxes na AP-9 e AP-53

El puente de Rande de la Autopista del Atlántico
  • A secretaria xeral do PPdeG sinala que “pouco beneficio trae a Galicia, máis alá de embarrar a campaña”
  • Recorda que as axudas para vivenda foron unha das promesas do PSOE nas eleccións municipais e que a día de hoxe aínda non son unha realidade
  • A número dous dos populares galegos cree que a negativa a rebaixar as peaxes das autoestradas estatais non se produciría no caso de Cataluña ou o País Vasco: “Se dependese dos votos de Galicia, estas peaxes xa non existirían”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, critica que Pedro Sánchez “volvera esta fin de semana a Galicia para volver tomarlle o pelo unha vez máis aos galegos” anunciando unhas axudas para a compra de vivenda que xa prometera hai nove meses e desbotando a promesa do seu propio candidato de eliminar as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53.

A número dous dos populares galegos explica que as axudas para a compra de vivenda xa foran un dos anuncios de Pedro Sánchez na campaña das eleccións municipais e “a día de hoxe non foi capaz de poñelas en marcha”. O cal contrasta co feito de que “os galegos xa gozamos destas axudas para mercar vivenda grazas á eficacia dos gobernos do PPdeG”, que supuxeron un investimento de máis de 700 millóns de euros e beneficiaron a preto de 140.000 familias galegas.

A TRANSFERENCIA DA AP-9, FÓRA DA DOUTRINA SOCIALISTA

“Pouco beneficio trae Sánchez a Galicia, máis alá de embarrar a campaña”, lamenta a secretaria xeral do PPdeG poñendo como exemplo claro as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53. Neste sentido, lembrou que estas peaxes subiron un 6% o pasado 1 de xaneiro: “Comprobámolo os usuarios cada vez que pasamos pola cabina, pagando polo uso das autoestradas máis caras de España”.

Recordou ademais que os socialistas galegos teñen anunciado a eliminación das peaxes na AP-9 e na AP-53, “pero o propio Pedro Sánchez, nunha entrevista nun xornal galego, bota abaixo esta promesa e incluso fuxe de falar dela”. Unha actitude que, segundo Paula Prado, sería moi diferente se se tratara de autoestradas en Cataluña ou no País Vasco: “Se dependese dos votos de Galicia, estas peaxes xa non existirían”.

Para rematar, Paula Prado lamenta que a transferencia a Galicia da AP-9 “xa non figure na doutrina socialista” e critica ao PSOE que “voten unha cousa no Parlamento galego para despois torpedeala todo o que poden no Congreso co obxectivo de que non chegue ao seu fin”.

O PPdeG esixe ao BNG o cese inmediato do seu asesor condenado por terrorismo

“O Bloque ten a soldo no Parlamento Europeo a un membro de Bildu con antecedentes en ETA e condenado por terrorismo”, di Paula Prado
O Partido Popular de Galicia esixe ao BNG que cese de inmediato a un dos seus asesores no Parlamento Europeo, Pernando Barrena, pola súa condena por pertenza á banda terrorista ETA.
“O Bloque ten a soldo no Parlamento Europeo a un membro de Bildu con antecedentes en ETA e condenado por terrorismo”, sinala Paula Prado.
Segundo recorda a secretaria xeral do PPdeG, Barrena –que exerce como asesor da eurodeputada nacionalista Ana Miranda– milita actualmente en Bildu e en 1985 foi detido por pertencer a un grupo de información de ETA. Motivo polo que posteriormente sería arrestado no ano 2008.
“Un novo caso máis de ocultación por parte do BNG e os seus escuros aliados”, sostén Paula Prado ao tempo que acusa aos nacionalistas de pretender agochar ademais un programa electoral co que queren “impoñer o monolingüismo, suprimir as provincias e mesmo botar á Guardia Civil de Galicia”.

Imaxe: Pernando Barrena – Ok Diario