Alfonso Rueda asegura que o mar e as súas xentes son unha prioridade para o PPdeG: “Se o mar funciona, Galicia tamén funcionará”

Hoxe, nun acto con representantes das confrarías e do sector pesqueiro, no que participaron o candidato pola provincia de Lugo Alfonso Villares e a candidata pola provincia da Coruña Paula Mouzo

  • “Cando se fala de pesca, de vivir do mar ou da cultura marítima, todo o mundo mira cara Galicia e por iso temos a obriga de facelo ben e acertar”, subliña reivindicando que “mellor peixe e o mellor marisco do mundo, e os que mellor saben pescalo, son galegos”
  •  O presidente do PPdeG critica que o Goberno central traspase as competencias sobre o litoral ao País Vasco cando llas nega a Galicia a pesar de que ambos Estatutos de Autonomía recollen o mesmo texto sobre este asunto

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe en Portonovo que, de conseguir a confianza da maioría dos galegos, “o mar e as súas xentes seguirán sendo unha prioridade para o Goberno galego”.

Nun acto celebrado con representantes das confrarías galegas e do sector pesqueiro, o líder dos populares galegos afirmou que o mar é unha prioridade para o PPdeG porque “se o mar funciona, Galicia tamén funcionará”. Deste xeito, manifestou que “cando se fala de pesca e de vivir do mar ou da cultura marítima, todo o mundo mira cara Galicia e por iso temos a obriga de facelo ben e acertar”.

Por este motivo, animou a toda a xente do mar a seguir defendendo aquilo no que creen e a seguir sendo valentes: “O mar é algo fundamental para Galicia, porque move a nosa economía e crea emprego. Pídovos que sigades confiando nunha Administración que vai defender os vosos intereses”.

Alfonso Rueda reivindicou así mesmo a Lei do litoral de Galicia, coa que se se busca “protexer o noso mar”, recordando que somos a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa e na que a actividade económica se desenvolve “respectando estritamente a protección do medio ambiente”.

Neste sentido, lamentou que o Goberno central non quixera negociar o texto lexislativo galego e decidira unilateralmente presentar un recurso contra o mesmo ante o Tribunal Constitucional. “En cambio, cede estas competencias sen protestar ao País Vasco cando o seu Estatuto de Autonomía recolle o mesmo que o galego sobre esta cuestión”, subliñou.

Concluíu agradecendo á xente do mar todo o seu traballo e animounos a “seguir facendo xuntos todo o posible para que volva remontar o consumo de produtos do mar e que non se perda a referencia de que o mellor peixe e o mellor marisco do mundo, e os que mellor saben pescalo, son galegos”. Apelando tamén á unidade á hora de facer fronte ás decisións que poidan vir da Unión Europea: “Non permitiremos que se dea nin un paso atrás e farémolo todos xuntos”.