Alfonso Rueda: “Se os galegos me dan cinco minutos no colexio electoral, eu dareilles catro anos de traballo con convencemento e eficacia”

Hoxe, nun mitin no Multiusos do Sar en Santiago ao que asistiron 1.500 persoas e no que tamén participaron os cabezas de lista do PPdeG nas catro provincias galegas

  • “O domingo vai haber 11 papeletas diferentes, pero a decisión redúcese a dúas: a nosa ou as outras 10”, remarca pedindo aos galegos que opten pola papeleta da Galicia unida, centrada e fiable que representa o PPdeG
  • “Quero unha Galicia que siga tendo claro o que ten que facer e progrese sen escusas, sen demoras e desde o primeiro momento”, subliña

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que se os galegos lle dedican cinco minutos o próximo domingo indo ao colexio electoral, el daralles a cambio catro anos de traballo con convencemento, con eficacia e cunha única motivación: servir a Galicia.

Ante unha audiencia de 1.500 persoas, o líder dos populares galegos agradeceu aos seus o traballo realizado nestes días nunha campaña dunha gran mobilización que agora, explicou, hai que trasladar ás urnas para acadar unha vitoria “histórica” para “darlle certezas a Galicia e non fallar a todo un país que nos está observando”.

“Pelexemos ata o último minuto con ganas e ambición por mellorar a Galicia que queremos, con confianza pero sen confiarse. O importante é que o 18 de febreiro ninguén se quede na casa e que ningún voto se quede sen escano”, afirmou.

Apelou así á confianza de “todos os galegos que queiran un goberno unido e non unha Xunta dividida polo separatismo” e sen importar o que se votara antes porque “estas eleccións son diferentes e decisivas” na medida en que “o que está en xogo é o que temos en común e o futuro que temos por diante”.

Dirixiuse directamente aos votantes socialistas “que non queren o separatismo que o PSOE está disposto a traer a Galicia” e a todos aqueles que en anteriores eleccións optaran por outra opción política, incidindo en que “os votos que non sexan para o PPdeG acabarán en coalicións onde o nacionalismo será quen mande”.

Por isto pediu aos seus “un último esforzo para parar a soberbia, a imposición e o separatismo” e que traballen “a favor e nunca en contra de ninguén” para explicar aos galegos o que realmente está en xogo o próximo domingo.

“O domingo vai haber 11 papeletas diferentes, pero a decisión redúcese a dúas: a nosa ou as outras 10. Se non é a do PPdeG, son todas as demais”, remarcou pedindo aos galegos que opten pola papeleta da Galicia unida, centrada e fiable. A única papeleta que posibilitará, tal e como engadiu, que “avancemos xuntos no camiño que nos queda por facer”.

COMPROMISOS PARA OS PRIMEIROS 100 DÍAS DE GOBERNO

Rueda explicou acto seguido que avanzar significa “avanzar en educación, en conciliación, en defender ás familias, en apoiar ás mulleres, en axudar aos maiores, en baixar impostos”. Apostou así por unha Galicia segura, tranquila e estable na que se promocione o deporte entre mozos e maiores, na que a sanidade pública siga mellorando e na que se respecte o enorme patrimonio natural que temos.

“Quero unha Galicia que siga tendo claro o que ten que facer sen que ninguén nos diga que temos que cambiar, que progrese sen escusas, sen demoras e desde o primeiro momento”, propuxo comprometéndose a traballar desde o primeiro día e sen perder nin un minuto. Neste sentido afirmou: “Eu non preciso adaptación, nin período de gracia, nin pedirlle perdón ou permiso a outros. Só necesito a confianza dos 38 deputados que representarán á maioría dos galegos”.

O presidente e candidato do PPdeG puxo a disposición de todos o seu plan para que “Galicia funcione desde o primeiro día” e relatou algunhas das medidas que porá en marcha nos seus primeiros 100 días de goberno: a implantación da matrícula universitaria gratuíta, a rebaixa do imposto de sucesións aos herdeiros colaterais, un programa para fomentar a primeira experiencia de mozas e mozos na empresa, o custo cero do solo empresarial nos polígonos autonómicos, o inicio das autovías Tui-A Guarda e Nadela-Sarria, a realización de cribados de cancro de pulmón e de próstata, a licitación de 400 vivendas públicas e a cobertura dos gastos de adopción de animais.

“Queremos marcar a diferenza entre ter o apoio para empezar a traballar desde o primeiro día e o barullo que promove o multipartito”, concluíu Rueda apelando á confianza dos galegos para lograr que Galicia non pare e se supere a si mesma.

Alfonso Rueda aposta polo avance de Santiago co investimento de máis de 70 M€ no CHUS e a creación dun Centro Integrado de FP no eido sanitario

Hoxe, nun almorzo informativo coa sociedade compostelá no que foi presentado polo candidato pola provincia da Coruña Borja Verea

  • Comprométese a seguir mellorando as infraestruturas e os equipamentos da cidade e, nesa liña, ofrece a súa colaboración para a posta en marcha dunha piscina olímpica en Santa Marta e a reforma integral do Salón Teatro
  • “Santiago é marca Galicia e todo o que veña a Santiago ten repercusión en toda a Comunidade”, sostén ao tempo que reivindica un “turismo amable e acolledor” co horizonte posto xa no Xacobeo 2027

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, manifestou hoxe o seu compromiso co avance e o progreso de Santiago de Compostela no eido socio-sanitario destacando un investimento de máis de 70 millóns de euros no CHUS e a súa proposta de poñer en marcha un Centro Integrado de FP de ciencias da saúde en Conxo.

O líder dos populares galegos explicou esta mañá nun almorzo informativo coa sociedade compostelá a súa intención de crear un “polo de ciencias da saúde” na USC para integrar as ensinanzas de Medicina, Farmacia e Enfermería.

Do mesmo xeito, e dentro da súa aposta por seguir potenciando a Formación Profesional, anunciou a creación dun Centro Integrado de FP en Conxo con 2.000 prazas para mellorar a oferta educativa vinculada ao campo sanitario e ás necesidades profesionais neste ámbito.

Rueda remarcou o seu compromiso por seguir mellorando as infraestruturas e os equipamentos da cidade e, nesa liña, ofrece a súa colaboración para a posta en marcha dunha piscina olímpica en Santa Marta e a reforma integral do Salón Teatro. Na mesma liña que outros proxectos que xa son unha realidade como o Centro de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas no parque empresarial da Sionlla ou o Centro de Supercomputación de Galicia.

No eido das infraestruturas, o líder dos populares galegas incidiu na importancia de garantir a conectividade de Santiago e lamentou a falta de compromiso do Goberno central en dúas cuestións que considera fundamentais para avanzar neste eido: a chegada da Alta Velocidade á capital galega, a mellora dos servizos ferroviarios e a conxelación das peaxes da AP-9 e da autoestrada a Ourense “como xa fai o Goberno galego nos tramos e vías que son da súa competencia”.

Puxo en valor, en cambio, a nova senda peonil e ciclista que se porá en marcha entre O Milladoiro e a nova estación intermodal, que se completará ademais cunha conexión ao CHUS e ao novo complexo administrativo de San Caetano. “Trece quilómetros que suporán un investimento de 12 millóns de euros pero que valen a pena”, sinalou.

Recordou así mesmo o recente inicio das obras do centro de protonterapia en Compostela, o primeiro de España, que contribúe a consolidar a cidade como “capital sanitaria” e volveu insistir no seu compromiso de poñer en marcha o aparcamento do CHUS.

NOVO ANO SANTO EN 2027 NO HORIZONTE

Nun lugar turisticamente referente, Alfonso Rueda quere que o número de visitantes a Galicia e á súa capital non teña freo e que desde o sector e as Administracións se siga ofrecendo “un destino amable e acolledor” fronte aos discursos de “turismofobia” que promoven algúns.

E xa co horizonte no Xacobeo 2027, o líder dos populares galegos insiste na necesidade dunha maior implicación do Goberno central neste acontecemento e avogou abertamente por vantaxes fiscais para favorecer os patrocinios. “Santiago é marca Galicia e todo o que veña a Santiago ten repercusión en toda a Comunidade”, concluíu neste sentido