O PPdeG enxalza a Rosalía de Castro como esencia da identidade de Galicia: “Somos un pobo orgulloso de si mesmo, da súa cultura e da súa lingua”

Hoxe, nunha ofrenda floral ante o monumento da escritora en Padrón con motivo do 187º aniversario do seu nacemento

  • Paula Prado asegura que “con ela aprendemos que a lingua é unha ponte para o entendemento e non un muro para fomentar a división” e que o seu papel foi clave na apertura e nos éxitos da nosa Comunidade

Ofrenda do PP a Rosalía de CastroO PPdeG rendeu hoxe unha homenaxe á figura de Rosalía de Castro con motivo do 187º aniversario do seu nacemento, enxalzando que a escritora representa a esencia do que fomos e somos os galegos: “Un pobo orgulloso de si mesmo, da súa identidade, da súa cultura e da súa lingua”.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o secretario da Comisión de Cultura do PPdeG, Valentín García, e Ángel Rodríguez Conde participaron esta mañá nunha ofrenda floral en Padrón na que quixeron reivindicar o legado que deixou a autora de Cantares gallegos e o seu papel na construcción da Galicia de hoxe.

“Con ela aprendemos que a lingua é unha ponte para o entendemento e non un muro para fomentar a división. Unha ferramenta para unir e para convencernos de que, como pobo, é moito máis o que nos une que o que nos diferenza e de que xuntos somos máis fortes”, explicou a número dous dos populares galegos.

Prado asegurou neste sentido que, “fronte a uns nacionalismos que pretenden separarnos entre bos e malos galegos e fronte aos que pretenden supeditar o destino de Galicia ao que decidan outros”, o PPdeG seguirá apostando pola unidade, a liberdade e o progreso.

Destacou así mesmo que, do mesmo xeito que Rosalía de Castro foi clave no rexurdir de Galicia, hoxe os galegos vivimos o que o presidente Alfonso Rueda denomina “Novo Rexurdimento” e que se materializa na apertura dunha Comunidade que non coñece límites: “Grazas a figuras como Rosalía de Castro e ás xeracións de galegos e galegas que nos precederon, Galicia é hoxe unha terra de retorno, de creación de emprego, de liderado cultural e referente para todo o mundo”.

“No camiño cara a Galicia do futuro, queremos reivindicarnos no que somos e no que queremos seguir sendo. E ningún espello mellor para mirarse nesta tarefa colectiva de seguir construíndo Galicia que Rosalía de Castro, a muller que nos fixo ser como somos”, concluíu.

A “INCONTESTABLE E INCUESTIONABLE” VITORIA DE RUEDA O 18-F

A secretaria xeral do PPdeG tamén aproveitou a ocasión para recordar a vitoria “incontestable e incuestionable” de Alfonso Rueda nas eleccións celebradas o pasado domingo asegurando que o partido sae desta primeira semana “absolutamente reforzada”.

Lamentou, en cambio que os partidos da esquerda “estean cuestionando unha vitoria tan contundente e tan importante para o futuro de Galicia”. Polo que remarcou que o futuro Goberno que encabezará o presidente Rueda “gobernará para todos os galegos, tanto os que votaron ao PPdeG como os que non”.