Rueda: “Eu quero máis e mellor Galicia, non que nos convirtamos nunha sucursal máis das franquicias independentistas que apoia o PSOE”

Hoxe, nun mitin en Vilagarcía de Arousa ao que asistiron 400 persoas e no que tamén interviron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, o candidato pola provincia de Pontevedra, Raúl Santamaría, e a portavoz do PP local, Ana Granja

Rueda: “Eu quero máis e mellor Galicia, non que nos convirtamos nunha sucursal máis das franquicias independentistas que apoia o PSOE”

  • “Chova ou non, faga frío ou calor, pase o que pase, o próximo domingo tedes que ir a votar”, arengou ao tempo que subliñaba que o próximo 18 de febreiro “é a verdadeira enquisa”
  • Ante o remate do prazo para exercer o voto CERA o próximo xoves 15, tivo unhas palabras para os galegos do exterior: “Non sodes mercancía electoral da que falar mal durante catro anos e á que pretender convencer en 15 días como fai a esquerda. Sodes galegos que tiveron que emigrar co posto e que, co voso esforzo, construíchedes a Galicia de hoxe”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que “as mellores páxinas da historia de Galicia están aínda por escribir” e por iso mostrou o seu desexo de escribilas man a man cos galegos e galegas “como continuación de todo o pasado e do moito que queda por escribir”.

Facendo un chamamento ao voto, recoñeceu ser consciente de que pedir unha maioría é “pedir moito” porque “supón pedirlle á xente a súa confianza para seguir xestionando os seus recursos e tamén pedirlle a súa axuda para parar o retroceso que quere promover a esquerda”. Pero remarcou que está disposto a asumir ese compromiso e a cambio ofrece “unha xestión desde a experiencia e o inconformismo” e “as ganas de aproveitar o aprendido para seguir mellorando”.

“Chova ou non, faga frío ou calor, pase o que pase, o próximo domingo tedes que ir a votar”, arengou aos 400 asistentes ao mitin celebrado esta tarde en Vilagarcía de Arousa subliñando que o próximo 18 de febreiro “é a verdadeira enquisa”.

Recordou ademais que onte abriu o prazo para exercer o voto CERA –que estará aberto ata o próximo xoves 15– e quixo ter unhas palabras para os galegos do exterior: “Non sodes mercancía electoral da que falar mal durante catro anos e á que pretender convencer en 15 días como fai a esquerda. Sodes galegos que tiveron que emigrar co posto e que, co voso esforzo, construístes a Galicia de hoxe”.

“Preséntome para facerlle a vida un pouco máis fácil aos galegos e para que poidan atopar nos seus gobernantes a alguén que ofreza solucións aos seus problemas”, engadiu incidindo na importancia de contar cun Goberno “sereno á hora de tomar decisións, sensato nas súas actuacións e eficaz na súa xestión”.

“SE PRETENDEN ARROLLARNOS, EU SÁIOLLES AO CHOQUE”

Alfonso Rueda preguntouse “por que en Galicia non se poden seguir facendo as cousas ben”, ao contrario do que pretende ese multipartito da esquerda que “aspira a traer aquí os seus líos”. E dirixíndose directamente a eles afirmou: “Se eles pretenden arrollarnos, eu sáiolles ao choque”.

Explicou que fronte á Galicia que avanza, a alternativa que ofrecen os outros “é o mesmo que xa tiñamos superado hai 20 anos pero branqueado e escondido detrás dunha falsa sonrisa”. Pero, engadiu, aí está o seu programa para recordar a realidade: “A nosa primeira medida é de axuda ás familias. A súa, a independencia”.

“Eu non quero que Galicia sexa unha sucursal máis das franquicias independentistas que apoia o PSOE. O que eu quero é máis e mellor Galicia, que nos superemos a nós mesmos e que sigamos mellorando con sentidiño e normalidade”, concluíu.