Di que o obxectivo da formación é converterse na gran forza que aglutina ao centrodereita e ser a alternativa real ao Executivo de Sánchez
O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou que a candidatura á Presidencia do Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo pon a disposición da formación a un presidente para o PP e para o Executivo de España, engadindo que gobernou “máis tempo e mellor que Pedro Sánchez” e que chegará á política nacional sen perder nunca unhas eleccións: “Un dirixente solvente para un dos momentos máis difíciles da historia do noso país”.
Na súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral manifestou que o gran obxectivo do PP é ser unha alternativa real fronte ao Executivo central, estar á altura dos afiliados e a gran forza que aglutina ao centrodereita e na que confían e confiaron milleiros de votantes. Para conseguilo, incidiu en que é necesario recuperar o apoio dos que deixaron de votar ao partido “e construír entre todos esa gran maioría social que propicie o cambio de Goberno en España”.
Tras agradecer a confianza dos compañeiros que o escolleron para representar á Comunidade no Comité de Organización do Congreso Extraordinario que o PP celebrará en Sevilla os días 1 e 2 de abril, expresou que ese conclave “dará comezo a un novo capítulo na gran historia do PP, que é a historia de España e de Galicia”: “Debemos construílo desde o respecto ao traballo de todos os que nos precederon e unindo a todos nun gran proxecto común”.
APOIO AO POBO DE UCRAÍNA
Por outra banda, Tellado trasladou a solidariedade do PPdeG a Ucraína e o máis absoluto rexeitamento á “invasión imperialista e xenocida” de Rusia, uníndose á condena internacional contra o Goberno ruso e demandando do Executivo de España o seu apoio incondicional ao pobo ucraíno.
Como lembrou, desde a Xunta xa se trasladou unha listaxe dos recursos cos que conta Galicia para o acollemento de refuxiados e o SERGAS puxo a disposición máis de 400 camas nas sete áreas sanitarias para unha eventual acollida de poboación de Ucraína, ademais do ofrecemento da Comunidade no ámbito do acollemento de menores e o envío de axuda humanitaria.
Fronte a esta situación, recalcou que resulta lamentable ver como a esquerda ultra e os nacionalistas volven demostrar o seu sectarismo, afeando que, para estes partidos, “as guerras son menos guerras se encaixan na axenda ideolóxica do BNG ou de Podemos e o sufrimento das persoas é menos sufrimento se eles poden sacarlle rédito político”.
O dirixente popular cuestionou que estas organizacións non sexan capaces de criticar abertamente a Rusia e se neguen a que España dea o seu apoio ao pobo de Ucraína, lembrando que estes partidos “son os mesmos que aseguran defender a todos os traballadores, pero abandonan a aqueles que traballan en ENCE; os que din condenar as ditaduras, pero apoian publicamente a aquelas da súa mesma ideoloxía, como Cuba ou Venezuela; e os que sinalan estar en contra da violencia, pero calan cando son os seus os que a exercen nas rúas”.
Ademais, falou a proposta feita esta semana por Néstor Rego para deter o conflito armado, que invitou ás partes ao diálogo igualando a agresores e agredidos e poñendo ao mesmo nivel ás vítimas e aos verdugos: “Unha broma de mal gusto para os milleiros de mortos e máis dun millón de refuxiados que xa provocou esta guerra. Quedará nas súas conciencias”.
UN PLAN ESTRATÉXICO QUE OFRECE SEGURIDADE
O secretario xeral tamén se referiu ao Plan Estratéxico da Xunta 2022-2030 presentado esta semana, unha folla de ruta que ten como obxectivos principais reducir o paro ao 8% e lograr un crecemento sostido de entre o 2% e o 2.5%.
Pasado xa o peor da pandemia e cunha economía que comeza a recuperarse con forza, Tellado resaltou que é o momento de ofrecer certezas e seguridade aos galegos: “Por iso o Goberno de Galicia traballou nesta planificación a medio e longo prazo para ofrecer un mapa que nos permita trazar un camiño de crecemento a seguir”.
Deste modo, ante un Goberno de España que vive instalado na improvisación permanente e cuxa forma de traballo é a autoemenda e os cambios constantes de criterio, insistiu en que a Xunta ofrece seguridade e unha planificación ordenada que é “a mellor ferramenta que teñen as institucións para definir o futuro e ofrecer a tranquilidade que demandan os cidadáns”.