4, xuño, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “a nosa estabilidade política permite que Galicia sexa un dos motores da redución do número de desempregados”. Así se expresou logo de coñecerse os datos do paro do mes de maio, que reflicten que somos, por terceiro mes consecutivo, a Comunidade Autónoma onde máis baixa, cunha caída de 5,4 puntos superior á da media estatal.
Tellado contrapuxo a nosa situación coa que estes días vive o país, afirmando que “Galicia quere manterse allea á inestabilidade política que hai no conxunto do Estado trala moción de censura da semana pasada”. “Desexamos que o novo presidente do Goberno non rompa o gran legado en materia de emprego que deixa Mariano Rajoy posto que, se como dixo a súa portavoz parlamentaria, o seu modelo é o mesmo que o de Zapatero, xa sabemos o que iso suporá: máis paro e menos crecemento económico”, engadiu.
Igualmente, apuntou que Galicia tamén tivo que afrontar as consecuencias da crise que deixaron as políticas do bipartito, “pero na actualidade os datos amosan que logramos superar o nefasto legado que nos deixaron os socialistas e os nacionalistas, con menos paro que cando chegamos ao Goberno da Xunta”.
Sen caer no triunfalismo, o secretario xeral do PPdeG celebrou que Galicia rexistre por quinto mes consecutivo unha caída histórica do paro, cun descenso do 11,49% -22.942 parados menos-, “o que significa que desde xaneiro, o desemprego está baixando cada mes, polo menos, un 10% e, como mínimo, en 22.000 persoas”.
Ademais de levar xa catro anos e medio nos que o desemprego baixa de xeito consecutivo e cunhas cifras que sitúan á Comunidade en niveis inferiores aos de hai nove anos, Tellado tamén destacou que o crecemento das afiliacións, con 26.786 afiliados máis, é o maior desde 2007. “Son xa máis de catro anos de subidas consecutivas nas que Galicia rexistra una evolución anual positiva, ademais de levar sete meses seguidos nos que as afiliacións crecen por enriba das 20.000”, puntualizou.
No tocante á contratación, asináronse no último ano 8.594 contratos máis, medrando a indefinida un 22,20% -que supera en máis de 13 puntos o ritmo de subida da temporal- e aumentando a de tempo completo un 14,60% -un ritmo que quintuplica ao reflectido a tempo parcial-. Así, en comparación con España, o ritmo de contratación en Galicia é moi superior e o incremento no número de contratos indefinidos tamén é maior ao do Estado.
Ademais da mellora nas condicións e na calidade do emprego, o número dous dos populares galegos tamén incidiu en que o desemprego baixa nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo, como os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as mulleres. “Estes datos indican que imos por bo camiño e, malia que aínda queda moito por facer, é unha realidade que a recuperación está chegando cada vez a máis persoas”, dixo.
A nivel mensual, o ritmo de caída do paro en Galicia tamén é superior ao rexistrado no Estado e as afiliacións, por cuarto mes consecutivo, crecen máis que a caída na cifra de parados, subindo a contratación en xeral con 14.345 contratos máis que no mes de abril.
A RECUPERACIÓN DA NOSA ECONOMÍA
O secretario xeral, puxo en valor que as cifras respaldan, “unha vez máis”, as políticas activas de emprego da Xunta: “A estabilidade do noso Goberno permítenos a investir 135 millóns de euros en programas de formación adaptada ás demandas das empresas e en orientación laboral; e preto de 60 millóns de euros para apoiar a contratación de persoas sen emprego nos concellos galegos”. Segundo explicou, todas estas medidas axudan a que a nosa economía se siga a recuperar con forza.
Nese senso, lembrou que o PIB continúa crecendo, pechando o primeiro trimestre cun crecemento anual do 3,1% por enriba de España, encadeando xa dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento anuais iguais ou superiores ao 3%; as empresas galegas son cada vez máis internacionais, cun aumento nas vendas ao exterior do 9,4% no que vai de ano fronte ao 1,8% da media estatal; a industria é cada vez máis forte logo de pechar 2017 cun aumento do IPI do 1,8%; o comercio ratifica a súa recuperación cun incremento nas vendas polo miúdo do 2% e hai un forte aumento do consumo dos fogares galegos, que medra un 2,8%.