30, outubro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que “a Pedro Sánchez non lle vai saír gratis o desprezo co que tratou a Galicia desde que é presidente”, sinalando que o socialista pagará as consecuencias de provocar as cuartas eleccións xerais en catro anos, do ataque permanente á nosa industria e ao noso emprego, de terlle adebedado 700 millóns á Comunidade e ocultado os prazos do AVE, do ridículo permanente do delegado do Goberno en Galicia e do delegado de Ferraz en Galicia e, en definitiva, de “ter traizoado a confianza que lle deron os galegos en abril e que, sen dúbida, quedou claro que non merecía”.
Como incidiu, “Sánchez foi un mal presidente para España, pero está claro que aínda foi peor para Galicia”, por iso asegurou que os populares pedirán aos galegos que optimicen todas as posibilidades de retiralo da Moncloa volvendo apelar “á xente que confiou noutros comicios no Partido Popular; a aqueles que están pensando en confiar noutras formacións que compiten no espectro do centro-dereita, para que non desperdicien o seu voto e que non aposten polos que non van acadar escano en Galicia; e aos que apostaron polo PSOE en abril, que están descontentos co trato que Sánchez lle dispensou a Galicia e que poderán ver no PP un partido que defende de verdade os intereses da nosa Comunidade, goberne quen goberne”.
SÁNCHEZ É O RESPONSABLE
Así mesmo, o número dous do PPdeG manifestou que a situación política extraordinariamente complexa que vive España ten como maior responsable a Pedro Sánchez, que é o culpable de que vaiamos vivir as cuartas eleccións xerais en catro anos, “primeiro porque non soubo perder as eleccións, e despois porque non soubo gañalas”.
Ademais, lembrou que o socialista quixo gobernar sen o respaldo parlamentario suficiente para facelo e, despois, non soubo conformar outra maioría que lle dese estabilidade ao seu goberno.
“Sánchez, como presidente, demostrou non ter capacidade para afrontar os retos do presente e do futuro deste país: Amosouse sobrepasado coa cuestión catalá, sen iniciativa para afrontar a recesión económica que temos no horizonte e incapaz de resolver problemas fundamentais como o da financiación autonómica ou o da industria”, aseverou.
A GARANTÍA DO DESBLOQUEO
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral apuntou que o Partido Popular demostrará nestes novos comicios “que seremos garantía de desbloqueo do país e alternativa para gobernar pensando nos intereses da España do presente e do futuro”.
En canto á organización, precisou que os populares galegos idearon unha campaña moi intensa, moi concentrada -xa que só dura unha semana- e con afán de chegar a todos os recunchos de Galicia. Nese senso, avanzou que, na práctica, realizarán 12 campañas distintas: A que ten que ver coa axenda global de toda a Comunidade, coa participación do presidente Feijóo; a das catro provincias, coa axenda propia dos candidatos de cada circunscrición e dos presidentes provinciais; e a das sete cidades e as súas áreas urbanas, cos presidentes e candidatos locais.
En canto aos actos máis sinalados, destacou a pegada de carteis, que se celebrará mañá en Vigo, e a presenza do candidato á Presidencia do Goberno, Pablo Casado, o sábado 2 de novembro en Lalín. “Cremos que é moi significativo que Casado aposte por Galicia no único sábado de campaña e dá mostra da importancia que lle dá á nosa Comunidade”, sentenciou.