O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que, malia que están resignados a que o Executivo central non axude a traer empresas a Galicia, “pedimos, polo menos, que deixe de esforzarse en pecharnos as que xa están aquí asentadas”.
Así se expresaba despois dunha xuntanza cos deputados do PP no Congreso Joaquín García Díez, Diego Gago e Marta González, e coa portavoz de Pesca no Parlamento galego, Teresa Egerique; tras avanzarse que os populares no Congreso presentarán unha emenda ao artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, debido á reactivación dunha proposta restritiva sobre a duración das concesións en dominio público marítimo-terrestre a través deste.
“Esta é unha nova mostra da vontade do Goberno de acabar coa nosa industria, neste caso, atacando ao sector do mar”, sostivo recordando que fixo o mesmo coas centrais térmicas, provocando o peche da central das Pontes; e estao a facer co retraso na aprobación do Estatuto Electrointensivo, que fai practicamente imposible dar unha solución a Alcoa.
Segundo o número dous dos populares galegos, a ministra Ribeira “é un ariete que golpea cada día contra as portas do futuro económico do noso país e non o fai por decisión propia senón por mandato do presidente do Goberno”.
“Defendemos que a industria ten que ser ambientalmente sostible, pero tamén o debe ser nos planos económicos e sociais. Non nos podemos pasar de freada ambiental e levarnos por diante milleiros de empregos e a economía das comarcas costeiras”, destacou manifestando que, de ser así, esta norma pode acabar cunha cadea mar-industria que fixo os deberes nesta década e con boa nota -aumentou a exportación dos seus produtos nun 80% entre 2009 e 2019 e fai que Galicia sexa a décima exportadora mundial de produtos da pesca-.
“Queda claro que o Goberno socialista vive nun permanente axuste de contas a Galicia por non ser un caladoiro de votos do PSOE. Parecen aplicar unha ecuación baseada en reducir oportunidades a Galicia cada vez que Galicia lle nega oportunidades ao Partido Socialista”, subliñou.
UN GOBERNO QUE ENGANA A GALICIA
O secretario xeral lembrou que os populares levaban meses denunciando a reactivación da proposta restritiva a través da inclusión do artigo 18 no proxecto de Lei de Cambio Climático. “Tiñamos razón en non fiarnos do Ministerio e por iso instóuselle a aclarar de forma oficial xa en febreiro que se paralizaba a reforma do regulamento de Costas que tiña en marcha. Ademais, vimos como o reactivaron en pleno estado de alarma, nunha norma que non é a de Costas e sen manter un diálogo co sector”, incidiu
“Tratan de colar pola porta de atrás unha reforma que afecta de maneira sobranceira á Galicia costeira. O Executivo central tratou de enganar ao Goberno galego, ao sector publicamente e tamén aos seus compañeiros de partido que defenderon nos plenos e no Parlamento esta suposta paralización. O Goberno de Sánchez quixo mentir e enganar a Galicia e pechar o futuro de moitas empresas e de máis de 50.000 empregos”, apuntou.
Ademais, salientou que mentres o Goberno central os chamaba alarmistas porque falaban de máis de cen empresas afectadas, o propio Ministerio recoñecía que había preto de 30 que teñen ou terán problemas na renovación da concesión. “Estaríamos falando de 2.900 empregos, máis que Endesa e Alcoa xuntas”, engadía.
Así mesmo, á marxe do complexo mar-industria, indicou que a regulación afecta tamén a cerca de 5.000 edificacións de 80 concellos costeiros, entre os que se atopan centros de saúde, colexios ou EDARES. Por todo iso, reclamou que se manteña un principio de seguridade xurídica para que os afectados non dependan de cambios arbitrarios na lexislación que podan poñer en risco a súa actividade.