18, novembro, 2018.O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este domingo nunha comida con aproximadamente un cento de afiliados e simpatizantes do partido, na que estivo apoiando ao candidato popular á Alcaldía da localidade, Andrés Pérez; e na que manifestou que Ferrolterra será clave para que os populares poidan recuperar a Deputación da Coruña nas municipais de maio de 2019. “Conseguimos conformar candidaturas ilusionantes, lideradas por persoas con experiencia e ganas de darlle un novo impulso aos concellos da nosas comarcas”, sinalou o ferrolán.
Na súa intervención, o número dous dos populares galegos criticou a xestión dos poucos meses levan os socialistas no Goberno, especialmente notable con estas comarcas. Así, argumentou que o desleixo de Pedro Sánchez con Ferrolterra pode observarse en cuestións como a retirada dos fondos destinados ao Plan Ferrol, 47,5 millóns de euros que deixara orzamentado o Goberno de Mariano Rajoy neste ano para a dinamización do tecido industrial da zona.
No mesmo sentido, Tellado lembrou que tamén é o Executivo de Sánchez o que ten paralizada a construción das fragatas F-110, que xerarán 7.000 empregos en Ferrolterra, garantindo a carga de traballo e da actividade empresarial do estaleiro para a próxima década, ao tempo que se aposta pola diversificación da súa produción coa súa volta á construción civil e a través de novos eidos como a eólica mariña. “Non podemos permitir que se poña en perigo a actividade de Navantia Ferrol, que está a xerar máis de 15.000 empregos na comarca e nos últimos anos deu importantes pasos con proxectos por máis de 1.350 millóns de euros”, recalcou.
O secretario xeral volveu poñer enriba da mesa a ameaza de peche a curto prazo das centrais térmicas das Pontes e Cerceda por parte de diferentes membros do Goberno central. Sobre este punto, lamentou a “imprudencia” dos socialistas, xa que entende que con esta decisión provocarán un aumento do prezo da enerxía, que afectará tanto aos consumidores como á industria. Ademais, insistiu en que un hipotético peche sería “fatal” para Ferrolterra, xa que afectaría ao emprego e á actividade do porto de Ferrol.
Do mesmo xeito, lembrou que as Mareas de Podemos chegaron á vida política galega “prometendo mudalo todo e o único que lograron en tres anos foi traer problemas alí onde había concellos que funcionaban”.
“UN MODELO DE CRECEMENTO”
En contraposición aos socialistas, Tellado reivindicou o modelo dos populares galegos como un proxecto “centrado na creación de emprego, no crecemento económico e no rigor na xestión das contas públicas”. Neste senso, presentou á súa formación como “o partido dos impostos baixos e da recuperación”.
Así, animou aos presentes a volcarse nos vindeiros meses de campaña electoral para “transmitir paixón e darlle a aqueles veciños que están desexando volver a apoiar ao PP bos motivos para facelo e que non queden na casa”.