5, xullo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, recoñeceu que a suposta entrada de Gonzalo Caballero no Hórreo este verán é un símbolo do que el entende que vai facer no Parlamento: “Ir de vacacións mentres hai un partido e un goberno que traballa por Galicia, que son o partido e o Goberno que lidera Alberto Núñez Feijóo”.
Así se expresaba nunha comparecencia en rolda de prensa na que manifestaba que a esquerda galega ten demostrado en innumerables ocasións a súa total incapacidade de conformar unha alternativa seria e solvente de goberno nesta Comunidade, algo que evidencia a súa actividade parlamentaria.
Nese senso, apuntou que hoxe en día “temos a un BNG que está máis preocupado do que lle acontece aos presos de Resistencia Galega, ou do que sucede co independentismo vasco e catalán, que do que pasa en Galicia; a unhas Mareas de Podemos cuxa única motivación é ver de que lado quedan do Telón de Pladur que se vai colocar no Parlamento; e a un PSdeG cuxo líder non se atreve a ir á Cámara por medo a medirse co presidente da Xunta”.
Por todo isto, o número dous dos populares galegos subliñou que “Galicia non merece partidos e líderes que entendan as súas institucións como instrumentos de táctica política da peor, senón que merece políticos que se comprometan con ela e traballen para mellorala día a día”.
UN PROXECTO DE ESTABILIDADE E CRECEMENTO
Por outra banda, Tellado avanzou que o PPdeG vai constituír esta tarde o seu Comité de Cidades, “un órgano que serve para compartir experiencias, métodos de traballo e crear sinerxias entre as diferentes urbes; e que demostra que o PP traballa en todas as institucións desde o minuto seguinte ás eleccións”.
“Hoxe en día aínda hai cidades que case non saben se van ter un goberno de coalición ou un en solitario, que áreas vai levar cada concelleiro nin se van dar aprobado un Orzamento municipal”, lamentou asegurando que, fronte a esta situación, os populares demostrarán en cada urbe que teñen un proxecto claro centrado na estabilidade institucional, no crecemento e nos servizos públicos.
A DESIDIA DO GOBERNO DE SÁNCHEZ
O secretario xeral tamén destacou que a estabilidade institucional é a clave da boa marcha da economía galega, lembrando que esta semana se coñecía que a nosa economía crece ao 2,3% no primeiro trimestre do ano, e que Galicia crea emprego e baixa o paro, sendo a Comunidade que mellor se comportou nos últimos 12 meses.
Malia isto, recoñeceu que hai unha pequena desaceleración do ritmo de crecemento, que se explica na situación que está a atravesar a nosa industria. Como sinalou, os dous casos máis graves son o do naval e o de Alcoa: “A desidia de Pedro Sánchez retrasou a orde de execución das Fragatas F-110 para asinala en periodo electoral, deixando o estaleiros ferroláns sen carga de traballo durante meses; e tamén levou a Alcoa á súa marcha da Coruña, o que pode supoñer un efecto contaxio en máis industrias da nosa Comunidade”.
Segundo precisou, o Executivo socialista ten boa parte da culpa dos datos negativos da nosa industria nestes meses “e o peor é que non vemos ningunha intención de poñer solucións enriba da mesa”.