23, abril, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que a anticipación da Xunta de Galicia na xestión da crise sanitaria polo COVID-19 e a súa axilidade na resposta “permitiu non dar ningunha vida por perdida”, como suxerían outros países da nosa contorna ou si fixeron outras autonomías cando convidaban aos máis maiores a non demandar atención hospitalaria. Unha anticipación, engadiu, que o Goberno galego está a facer, tamén, na chamada desescalada e na preparación da nosa Comunidade para o futuro.
“En Galicia tivemos unha Xunta, un presidente e un equipo que soubo adiantarse e dar unha resposta áxil e contundente fronte á pandemia”, sinalou. Así, antes de detectarse o primeiro caso, constituíuse unha comisión de seguimento da enfermidade, restrinxíronse visitas a residencias ou limitáronse os aforos de eventos públicos.
Neste mesmo senso, fixo fincapé en que esa anticipación quedou demostrada desde os primeiros días, cando se decretou a Emerxencia sanitaria, antes de que o Goberno Central determinara o Estado de Alarma; se suspenderon as actividades deportivas e culturais; se pecharon os centros educativos, os locais de hostalaría, os ximnasios ou os cines; se reforzaron as plantillas do Sergas e se fixo aprovisionamento de material sanitario, doce días antes de decretar a Emerxencia. Ao tempo que se recomendou o confinamento da poboación, varios días antes que o Goberno.
Pola contra e tal e como indicou Tellado, a principios de marzo, cando o conxunto de España sumaba un cento de positivos, o Goberno Central desoía informes de autoridades sanitarias internacionais que recomendaban aumentar o nivel de alerta; mantiña campañas institucionais para fomentar a participación en manifestacións e permitía os eventos masivos sen ningún tipo de restrición.
Así mesmo, a Xunta reorientou toda a labor do seu Goberno á contención da pandemia e á toma de medidas de calado en eidos como o económico, o fiscal, a educación, a atención social ou a vivenda.
PIONEIROS EN MEDIDAS SOCIOSANITARIAS
O secretario xeral dos populares galegos non quixo pasar por alto cuestións sociosanitarias nas que Galicia foi pioneira á hora de tratala pandemia e que se revelaron fundamentais.
Así, referiuse á realización de test a pacientes sen que baixaran dos seus vehículos; á creación das residencias integradas, para dar unha mellor atención aos nosos maiores -unha medida, sinalou Tellado, que acabaron copiando outros territorios-; á contratación de arredor de 300 MIR do último ano como especialistas. E, tamén, á elaboración do primeiro protocolo de actuación en residencias de maiores e á realización de test masivos tanto ao seu persoal como aos residentes; á posta en marcha dos hospitais de reforzo, que finalmente non foron necesarios; ou ao reforzo de camas e dos equipos de UCI, que garantiu que en ningún momento colapsasen os hospitais galegos.
Outros dos puntos nos que puxo en valor a anticipación da Xunta de Galicia foi en establecer un protocolo para que os familiares puidesen acompañar aos enfermos máis graves nos seus últimos momentos.
“A Sanidade galega pasou ata agora con nota o exame máis difícil dos seus últimos anos. Un mérito compartido dos profesionais sanitarios e dos responsables da xestión sanitaria galega”, apuntou Tellado, quen aproveitou para destacar a “lección de comportamento, unidade, civismo, responsabilidade e de solidariedade” da sociedade galega, grazas á cal Galicia está a superar o primeiro pico da pandemia.
GALICIA PREPÁRASE PARA O FUTURO
Por outra banda, Tellado afondou no traballo desenvolvido con “axilidade, lealdade, unidade e transparencia” pola Xunta, o presidente Feijóo e o seu equipo de Goberno. E salientou a boa xestión que está facer no referido á chamada desescalada e na preparación da nosa comunidade para o futuro. Así, Galicia xa conta cun comité económico para asesorar na saída da crise que provocará este parón da actividade. Unha Comunidade que liderou, tamén, a reivindicación de que os nenos fosen os primeiros en poder saír dos seus domicilios con todas as garantías de seguridade. Asemade, Galicia financiará os adiantos dos salarios para aqueles traballadores afectados polos ERTE.
Outra das primeiras medidas será o estudo epidemiolóxico, “moito máis ambicioso e completo” que o que prepara o Goberno central para o conxunto de España. En Galicia, realizaranse 100.000 test; a primeira oleada comeza hoxe cos 50.000 primeiros.
Para rematar, o secretario xeral do PPdeG amosou o seu malestar pola actitude dos grupos da oposición, empeñados en mentir con tal de intentar desgastar á Xunta e ao Partido Popular. Así, tras criticar a súa falta de ideas para afrontar esta crise, salientou que en Galicia tivemos a sorte de contar cun goberno e un presidente preparados e con experiencia. Unha vez máis, Tellado dixo que non é o momento da confrontación política, senón de traballar desde a unidade, a responsabilidade e a lealdade institucional.