Insiste na necesidade de firmar un Pacto de Estado por Ferrol que implique á Xunta, á Deputación, aos concellos e ao Goberno de España
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Ferrol “leva séculos dando o mellor de si para servir ao Estado” e defendeu que “é o momento de que todas as administracións, pero especialmente o Goberno de España, lle devolvan parte de este esforzo”, recuperando as “potencialidades futuras que nunca debeu perder”.
O número dous dos populares galegos participou esta mañá nunha reunión de traballo en Ferrol á que asistiron tamén o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e o presidente local do partido na cidade, José Manuel Rey Varela, xunto con representantes municipais das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ademais de deputados autonómicos e provinciais do PPdeG.
Alí, Tellado insistiu na necesidade de firmar un Pacto de Estado por Ferrol que implique a todas as administracións: á Xunta, á Deputación da Coruña, aos concellos das comarcas e, “especialmente” ao Estado. “Non pode haber Pacto de Estado sen o Goberno de España”, admitiu pedindo ao Executivo central que “escoite a voz unánime dos representantes de todos os galegos” e que “aposte de forma decidida por esta comarca”.
Nese senso, recordou que o Pacto de Estado por Ferrol proposto pola Xunta de Galicia pretende a “diversificación industrial de Ferrolterra”, sen renunciar “en ningún caso” ao sector naval; e volveu demandar ao Goberno socialista a “dotación inmediata de carga de traballo para os estaleiros da Ría”.
IMPLICACIÓN DE TODAS AS ADMINISTRACIÓNS
Para Diego Calvo, presidente dos populares na provincia da Coruña, a implicación de todas as administración é “vital” para a reactivación de Ferrolterra. “Case unha obriga”, dixo, en referencia á necesidade de que o Goberno central entre no Pacto de Estado por Ferrol por ser quen ten maiores competencias en materia industrial.
Ademais, lembrou todo o acontecido coa central térmica de Endesa nas Pontes e o seu peche “abrupto” e amparado por unha transición enerxética “errática”, posta en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez “sen ter en conta as consecuencias que podería traer”.
“Ferrol leva moitos anos, moitas décadas, sufrindo as consecuencias das accións dos diferentes gobernos”, subliñou o presidente provincial, que engadiu que “lle debemos agora unha aposta firme e seria para que esta comarca volva recuperar o lugar que merece, tanto a nivel industrial como a nivel demográfico, turístico ou de infraestruturas”.
ESIXENCIA DE APOIO EN MADRID
Pola súa banda, o deputado autonómico e presidente do PP ferrolán, José Manuel Rey Varela, sinalou que o PSOE e o BNG votaron a favor esta semana no Parlamento galego da Proposición Non de Lei, defendida polo Grupo Popular, para que todas as administracións firmen o Pacto de Estado por Ferrol.
O popular recoñeceu que “a unidade política no Parlamento debe trasladarse tamén ao Congreso, debe haber coherencia na votación, non se pode votar si en Santiago en non en Madrid xa que por riba dos intereses políticos están os veciños de Ferrolterra”.
“É necesaria unha imaxe de unidade dos axentes sociais e sindicais xunto cos representantes dos concellos ante a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, que é onde se adoptan as decisións para o presente e o futuro de Ferrol”, concluíu.