Pide a Miñones, cuxo nomeamento como novo delegado só atende a razóns partidistas, que abandone o sectarismo do seu predecesor
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o cese fulminante de Javier Losada como delegado do Goberno en Galicia abre un novo capítulo da guerra interna na que viven instalados os socialistas galegos.
Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola deputada nacional Marta González e polo senador Xosé Manuel Barreiro, manifestou que o nomeamento de José Miñones só atende a razóns partidistas, pois Moncloa está “movendo ficha” na carreira pola sucesión no PSdeG. “Resulta curioso como Gonzalo Caballero vivía preocupado mirando polo retrovisor a Besteiro sen decatarse de que as manobras máis preocupantes para o seu futuro viñan patrocinadas dende o Goberno de España”, salientou aclarando que “ser un palmeiro de Sánchez non garante nada” e aconsellándolle que probe por unha vez a defender os intereses dos galegos.
Así mesmo, pediu ao novo delegado que abra unha etapa na que se abandone o sectarismo no que estaba instalado Losada, incidindo en que poña a Delegación do Goberno ao servizo dos galegos e non do PSOE, que abandone a defensa dos Orzamentos e as políticas máis lesivas para Galicia dos últimos 15 anos e que volva defender os intereses da Comunidade e non os de Sánchez.
Sen embargo, o número dous do PPdeG recoñeceu que mal empeza Miñones cando o primeiro asunto que ten sobre a mesa é o recurso do Executivo socialista contra a reforma da Lei de Saúde Pública de Galicia. “O Goberno da patada na porta non só se nega a crear un marco legal que dea seguridade xurídica aos cidadáns senón que tamén quere impedir que as administracións responsables o fagamos, poñéndose do lado dos negacionistas”, engadiu.
A HIPOCRISÍA DO PSOE
Por outra banda, Tellado resaltou que é unha vergoña como o PSOE toma o pelo aos ferroláns e a todos os galegos, pois en Ferrol votan a favor da construción dun buque ponte para Navantia; no Parlamento, uns días abstéñense, outros están a favor e outros en contra; pero en Madrid, onde reside a verdadeira capacidade decisión, sempre din non. Por este motivo esixiu ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que se pronuncie en contra da hipocrisía do seu partido, porque o seu silencio dos últimos días faino cómplice da política de abandono e desmantelamento da nosa industria que levan a cabo os socialistas.
Ademais, lembrou que esta difícil situación podería resolverse calquera martes nun consello de ministros “pero non hai vontade política”, algo que está causando un dano a irreparable a Galicia e, especialmente, á comarca de Ferrolterra.
O BNG DE ANA PONTÓN
O secretario xeral tamén se referiu ao novo bloqueo do BNG no Parlamento a unha declaración institucional en contra da violencia: “Como a van rexeitar se aplaudiron aos radicais que vandalizaron rúas en toda España hai unhas semanas, se Ana Pontón comparte mitins e proxecto político cos herdeiros de ETA e se acabamos de ver a Ana Miranda defendendo a Nicolás Maduro e á ditadura bolivariana?”.
Ao respecto recordou que Miranda se presenta como eurodeputada pero, neste momento, é a asesora de Otegi en Bruxelas, traballando para Pernando Barrena, un terrorista confeso e condenado. “Este é o BNG de Ana Pontón, embaixadores en Galicia dos radicais vascos, dos independentistas cataláns e, agora, de Nicolás Maduro”, dixo lamentando que ese sexa o modelo que os nacionalistas queren para a nosa Comunidade.