Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, compareceu hoxe en rolda de prensa para facer unha valoración da convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 25 de setembro.
“Estamos preparados para explicarlle a Galicia por que cremos que Feijóo pode encabezar un goberno máis eficaz do que poden conformar Podemos, os nacionalistas e o 50% do PSOE”, arrincou Tellado, que de seguido puxo en valor que Galicia carece de problemas como as derivas secesionistas, os gobernos divididos ou as taxas de déficit e paro superiores á media estatal que si existen noutras Comunidades.
“Galicia está a salvo da irracionalidade que afecta a outros territorios. Temos menos paro, menos déficit e máis solvencia e estabilidade ca maioría das autonomías, e o marco de convivencia e estabilidade que xa querían para si a maioría das Comunidades Autónomas”, subliñou.
O número dous do PPdeG explicou, sobre a data das eleccións, que “a convocatoria colleunos traballando”. Deste xeito, detallou que a Xunta onte mesmo estaba a poñer en marcha escolas infantís e centros de saúde que completaban os obxectivos de aumentar un 70% as prazas públicas para nenos de 0-3 anos e de abrir ao público 36 centros de saúde novos ou reformados en catro anos.
Así, Tellado destacou a actividade de goberno, grupo parlamentario e partido. De feito, o propio presidente do PPdeG, que convocou ás eleccións onte tras coñecer o venres a data das eleccións en Euskadi, continuou coa súa axenda a pé de rúa en Piñor e San Cristovo de Cea.
“Levamos xa semanas priorizando o contacto do presidente coa cidadanía e seguiremos por ese camiño”, indicou Tellado, antes de avanzar que o ‘Faladoiro’ do presidente Feijóo estará hoxe na Mariña lucense e mañá na comarca de Santiago.
“TRABALLO CONTINUADO” FRONTE A IMPROVISACIÓN
O secretario xeral do PPdeG lembrou que o partido chega a esta fase final da lexislatura tras “un proceso de renovación e posta en marcha” que comezou hai máis dun ano coa ponencia política, os congresos provinciais e o congreso autonómico.
Nese sentido, Tellado expresou que “é ese traballo continuado o que nos fai chegar á fin da lexislatura nun estado moito mellor que o dos nosos rivais”, ao tempo que sinalou que “o importante é que Galicia chega á fin da lexislatura mellor que ao comezo”.
Fronte a este traballo continuado e aos froitos obtidos situou a opcións políticas que chegan “un mes antes do final da lexislatura” cunha coordinadora provisional, votando aínda cal será a súa coalición ou enfrontándose pola confección das candidaturas. O número dous do PPdeG sinalou que isto demostra “que non fixeron os seus deberes cando o tiñan que facer”.
“É moi complicado entender cómo é posible que haxa partidos que aspiren a organizar dende a Xunta un país de 2,8 millóns de persoas cando nin sequera son quen de organizar a súa propia cúpula directiva para preparar un proceso da relevancia dunhas eleccións autonómicas”, sinalou Tellado sobre uns grupos da oposición aos que ve “máis debilitados, divididos e enfrontados que nunca”.
A BAIXADA DO PARO, “MALA NOTICIA” PARA A OPOSICIÓN
O secretario xeral do PPdeG quixo poñer en valor tamén os datos do paro rexistrados coñecidos hoxe, que sinalan na súa opinión “unha baixada significativa en España e espectacular en Galicia”. Así, quixo “celebrar que haxa 20.000 parados menos que fai un ano”.
Unidos aos datos do PIB do segundo trimestre coñecidos onte que, cunha subida en Galicia superior á de España sinalan “unha situación económica fora de toda dúbida”, Tellado sinalou que os datos do paro constitúen unha “boa noticia” para Galicia pero unha “mala noticia” para a oposición.
“A oposición recibiu dúas malas noticias estes días: a data da convocatoria electoral e os datos do paro”, expresou Tellado ao tempo que sinalaba que a actitude do PPdeG fronte a estas dúas noticias é a de que “estamos preparados para seguir sendo o partido que representa á maioría dos galegos e que garante a estabilidade política e institucional sen a que non é posible o crecemento económico nin o crecemento do emprego”.