Santiago, 6 de abril de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que este fin de semana será o da primeira baixa no grupo das Mareas de Podemos: “ou marcha Paula Quinteiro ou marcha Luis Villares”. Así, o ultimatum lanzado polo portavoz parlamentario de En Marea, no que entendía que esta semana debería quedar resolta a crise provocada pola participación de Quinteiro nun altercado coa Policía de Santiago, fai incompatible a súa convivencia coa deputada da súa formación.
Como recoñeceu Tellado, o portavoz parlamentario de En Marea activou un cronómetro cunha conta atrás que finaliza este domingo, “xa sexa pola saída ao grupo mixto de Paula Quinteiro, e quen sabe con ela se dalgún dos seus compañeiros de Podemos; ou pola dimisión de Luis Villares, que supoñemos que en algún sitio terá o límite da humillación pública que é capaz de tolerar dos seus propios compañeiros”. Deste xeito, o tic-tac de Pablo Iglesias aplícase tanto á deputada como ao voceiro da, ata agora, primeira forza da oposición.
Para o secretario xeral, o que queda claro das últimas semanas é que tralas peticións de dimisión cruzadas que se están facendo no seo das Mareas de Podemos e a posta en coñecemento dos xulgados do altercado e o diverso material audiovisual xa coñecido ou por coñecer relativo a aquela xornada, “temos a sensación de que Villares estaría encantado de que hoxe nós pedísemos a dimisión de Paula Quinteiro, iIgual que temos a sensación de que Martiño Noriega e outros 12 deputados das Mareas estarían encantados de que pedísemos a dimisión de Villares”.
Malia isto, Tellado manifestou que son as Mareas as que deben decidir de que xeito queren deixar de liderar a oposición en Galicia e de que xeito depuran as responsabilidades dun episodio que lles afectou non só a eles, senón a todo o Parlamento de Galicia como institución.
“CONTIGO CRECE ESPAÑA”
Sobre a celebración en Sevilla da Convención Nacional do Partido Popular, que leva o nome de “Contigo crece España”, afirmou que o evento “servirá para darlle un novo impulso ao partido de cara aos meses cruciais que temos por diante coas eleccións municipais do vindeiro ano”.
Ademais, salientou a ampla delegación galega que acudirá, tanto entre os asistentes convidados como entre os poñentes, entre os que destacan Alberto Núñez Feijóo, Edelmira Barreira, Antonio Rodríguez Miranda, Adrián Pardo, Diego Gago, así como Mariano Rajoy e Ana Pastor. Nese senso, Tellado admitiu que “Galicia farase escoitar neste evento en temas tan importantes como o seu modelo de xestión autonómica e a nosa visión sobre o novo modelo de financiamento, a natalidade e a conciliación, a emigración e o trato aos residentes no exterior ou as políticas de Xuventude”.
MOCIÓN DE CENSURA EN SOBRADO
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o número dous do PPdeG tamén se referiu á moción de censura que se está a xestar no Concello de Sobrado dos Monxes, na que o Partido Socialista volverá á Alcaldía tras un escuro Pacto cun tránsfuga que formaba parte da candidatura do Partido Popular.
“Desde o Partido Popular de Galicia desautorizamos por completo esta manobra, e emprazamos a Gonzalo Caballero e a Valentín Formoso a que fagan o propio”, apuntou engadindo que “se a rexeneración democrática que promulgaba o novo secretario xeral dos socialistas galegos é a de gobernar grazas á acción dun tránsfuga das nosas listas, poucas leccións vai poder dar de aquí en diante de cara a futuros pactos de goberno”.