09, xuño, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, insta a Gonzalo Caballero a que aclare dunha vez se está disposto a asumir as mesmas regras de xogo á hora de formar goberno no concello de Ourense e na Deputación provincial: “O PSdeG defende que debe gobernar no concello de Ourense e nós, coa mesma argumentación, que o PPdeG debe gobernar na Deputación”.
Así, fixo un chamamento a ser respectuosos co electorado e apuntou que, así como o PPdeG respecta a maioría do PSdeG no concello de Ourense, os socialistas galegos deberían facer o mesmo no ente provincial. E animou ao secretario xeral dos socialistas a que diga directamente se ten pensado facer unha cousa no concello e a contraria na Deputación, algo que, para Tellado, non sería nin lexítimo nin democrático nin tampouco respectuoso coa vontade maioritaria dos cidadáns.
Neste senso, advertiu que os socialistas sempre queren unhas normas que lles beneficien en todos os casos, é dicir, gobernar alí onde son a lista máis votada e chegar a pactos para desaloxar ao PPdeG alí onde perderon. Por iso, avogou porque se respecte a lista máis votada, xa que “o lóxico sería que puidera gobernar o que gaña e non que os que perden se alíen para impedir a vontade maioritaria dos cidadáns”. “Se o PSdeG cre que debe gobernar no concello de Ourense –continuou-, nós cremos que o PPdeG debe gobernar na Deputación”.
A CORTINA DE FUME DE CIUDADANOS OURENSE
Por outra banda, o secretario xeral dos populares galegos remarcou que a postura de Ciudadanos en Ourense responde “a unha cortina de fume” para agochar as súas verdadeiras intencións de pactar con socialistas e nacionalistas o Goberno da Deputación e impedir así que goberne a forza máis votada. Neste senso, cualificou de ilexítima e antidemocrática a proposta da formación laranxa, ao pretender condicionar o candidato doutro partido político, cando Ciudadanos só acadou un deputado provincial de 25, fronte aos doce –a maioría absoluta menos un- do PPdeG.
O PPDEG, EXEMPLO DE REXENERACIÓN INSTITUCIONAL E POLÍTICA
Así mesmo, o número dous dos populares galegos recalcou que o PPdeG leva practicando, desde hai dez anos, a rexeneración institucional e política, a austeridade, a redución do gasto superfluo, a transparencia e as boas prácticas políticas, ao tempo que puxo freo ao despilfarro e ao abuso de poder dun bipartito formado por socialistas e nacionalistas. Neste senso, dixo que non están dispostos a aceptar leccións do secretario xeral dos socialistas galegos, quen “en política aínda non ten demostrado absolutamente nada”.
Así, salientou que, fronte as políticas do Goberno de Feijóo, que xeran crecemento económico e emprego; o PSdeG, sempre que goberna, deixa destrución do tecido produtivo e de postos de traballo, tanto a nivel nacional como autonómico.