Lamenta que o socialista se mofe do Pacto de Estado por Ferrolterra e que certifique o peche da planta de ENCE en Lourizán
O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, ironizou coas declaracións de Valentín González Formoso -nas que aseguraba que aínda está dixerindo o seu posto- e lembrou que o socialista aceptou o peche da central térmica das Pontes a cambio do apoio de Ferraz para ser secretario xeral do PSdeG: “A quen lle está resultando moi pesada a dixestión do seu nomeamento é a Galicia”.
Nese senso, o dirixente popular cuestionou que Formoso tamén ningunease a importancia de Ferrolterra, opinando que non merece unha Delegación da Xunta propia e ríndose de todos os ferroláns ao afirmar que o “Pacto de Estado por Ferrol é un pacto que non se pacta”. Sobre isto, recordou que este acordo nace dun amplo consenso social e político e que mesmo o PSdeG votou no Parlamento a favor, malia que Pedro Sánchez segue desprezando o mandato do Cámara galega e sen dar resposta ás cartas do presidente da Xunta.
Así mesmo, afeou que o secretario xeral do PSdeG tamén dese onte por feito o peche da planta de ENCE en Pontevedra: “Que sabe que non sabemos o resto dos galegos? Desde logo non lle importa xogar co futuro dos traballadores para obter rédito político”.
Por todo isto, criticou a falta absoluta de principios de Formoso, que “traga o que sexa e vende a quen sexa con tal de manterse no seu cargo”, como evidenciou permitindo o nomeamento de Carmela Silva como presidenta do PSdeG, a pesar da súa evidente implicación no caso de malversación, prevaricación e falsidade documental relacionado coa contratación da súa cuñada. “En apenas dous meses, Valentín González Formoso xa foi quen de facer bo ao seu antecesor”, engadiu.
CASTELA E LEÓN PRECISA A ESTABILIDADE DE GALICIA
Por outra banda, referiuse á campaña electoral en Castela e León, que remata hoxe tras dúas semanas nas que o PP demostrou que ten un proxecto sólido e de futuro cun candidato, Alfonso Fernández Mañueco, que é o mellor para seguir presidindo a Comunidade.
Tellado apuntou que sorprende a actitude doutros partidos, máis centrados en ataques persoais e en tratar de facer campaña en clave nacional, que en construír propostas de futuro para ese territorio: “Desexamos un Goberno estable para Castela e León. Os nosos veciños non merecen un Parlamento e un Goberno como o que temos que sufrir todos no Estado. Ogallá este luns esperten cunha estabilidade institucional como a de Galicia e non cun caos político como o que impera en España”.
OURENSE CONTARÁ POR FIN CUNHA RESIDENCIA DE MAIORES
Na súa intervención en rolda de prensa, o secretario xeral tamén felicitou aos compañeiros do PP ourensán polo gran traballo que realizaron desbloqueando a construción da futura Residencia de Maiores de Ourense, tras moito tempo paralizada pola negativa do PSOE de Rodríguez Villarino a que o Concello puxera os terreos a disposición da Xunta.
Tellado precisou que este último mes o partido foi quen de saír ás rúas e explicar as vantaxes desta residencia, financiada pola Fundación Amancio Ortega; e o venres pasado a Conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo un acto para presentar a todos os ourensáns o proxecto.
Como aclarou, ante o clamor popular dos veciños, o PSOE viuse obrigado a depoñer a súa actitude e non lle quedou máis remedio que votar a favor, incidindo o seu agradecemento ao esforzo da Xunta e á xenerosidade da Fundación Amancio Ortega para que a cidade teña por fin unha residencia de maiores como o resto de urbes galegas.
A IMPORTANCIA DA RESPONSABILIDADE
Por último, celebrou que esta fin de semana rematen as restricións horarias derivadas da pandemia, polo que, na madrugada do sábado 12 de febreiro, tanto restaurantes como bares e locais de ocio nocturno volverán abrir as súas portas co máximo límite horario fixado polas súas licencias. Deste modo, resaltou que Galicia está un paso máis preto de alcanzar a plena normalidade.
Por este motivo, agradeceu a todos os empresarios e traballadores da hostalería e do ocio nocturno que deberon soportar unha das peores caras da crise sanitaria, facendo enormes sacrificios pola saúde pública e o benestar xeral: “Hoxe sabemos que o seu esforzo salvou vidas”.
Segundo manifestou, grazas á responsabilidade dos hostaleiros e á de moitos outros profesionais, Galicia é hoxe a Comunidade co menor número de falecementos de toda a Península, así como grazas aos traballadores do Sergas e á xestión responsable do Goberno galego somos tamén a Autonomía con maior porcentaxe de vacinación de toda España.
“Todas estas circunstancias permiten que podamos retomar agora, con plena seguridade, os horarios normais da restauración e do ocio nocturno”, dixo sen esquecer facer fincapé na importancia da responsabilidade individual e colectiva para que estas condicións poidan manterse indefinidamente.