Santiago, 4 de decembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou os datos do paro publicados hoxe, salientando que o emprego indefinido subiu en Galicia por riba do ritmo de subida da media do Estado no mellor novembro dos últimos 20 anos, pois rexistramos o menor incremento do desemprego mensual neste mes en dúas décadas.
Tellado amosouse satisfeito co que logrou acadar a nosa Comunidade a través da estabilidade política e da racionalidade económica, grazas ao que hoxe podemos falar de mellora na calidade do traballo, de axuda social e de contención no aumento do desemprego.
Máis polo miúdo, podemos afirmar que a recuperación económica continúa trasladándose ao mercado laboral, posto que Galicia segue tendo menos parados que hai un ano -16.379 persoas menos-, o que nos sitúa por debaixo dos datos de novembro de 2009; e a Comunidade encadea cinco anos consecutivos de caídas neste mes. “Unha de cada tres persoas abandonaron as listas do paro neste período, é dicir, temos preto de 90.000 parados menos”, aseverou.
“É unha realidade innegable que hai máis emprego, xa que as afiliacións aumentan un 2,13% máis que hai un ano, ata 20.614 novas; e xa van máis de tres anos e medio creando postos de traballo. Do mesmo xeito, é indiscutible a mellora na calidade do emprego, cun aumento da contratación indefinida no último ano do 10,64% e cun incremento da contratación a tempo completo”, sinalou Tellado.
Ademais, o número dous dos populares de Galicia lembrou que a mellora da empregabilidade dos galegos é unha das grandes apostas da Xunta a través de diversos programas centrados en adaptar a formación dos desempregados ás necesidades reais do tecido produtivo, pois unha cualificación en consonancia coas demandas das empresas tradúcese na creación de máis e mellores postos de traballo.
Neste eido, destacan diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías como os programas integrados de emprego, que se activarán nas próximas semanas para mellorar as habilidades de máis de 4.000 parados con accións específicas para as mulleres; a Formación á porta, para impulsar a preparación de 500 mozos de 30 concellos do rural; ou as unidades formativas na empresa, que están permitindo ás compañías contratar a persoal cualificado tras unha formación á carta co apoio da Administración.
CONSOLIDACIÓN DA RECUPERACIÓN
Logo de apuntar que o paro descende nas catro provincias e nas sete grandes cidades, en todos os sectores e nos colectivos prioritarios da Xunta -menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres-, o secretario xeral do PPdeG quixo remarcar que á boa evolución do mercado laboral únense outros indicadores económicos que ratifican que estamos avanzando para conseguir un mellor benestar dos galegos.
Nese senso, hoxe podemos celebrar que o PIB galego acumula xa oito trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%, que todos os sectores da economía galega continúan en taxas positivas e que no terceiro trimestre produciuse unha mellora do gasto en consumo final, que medrou un 1,3% na evolución anual. Por este motivo, o Goberno galego mantén a súa previsión de acadar neste 2017 un crecemento do 3,1%, avanzando cara o reto fixado para 2018: a creación de 17.500 novos empregos e pechar o ano coa taxa de paro no 14%.
Tellado tamén quixo sinalar que, malia que a recuperación da economía dos galegos continúa consolidándose, os datos rexistrados no último mes aínda poderían ser mellores de non ser polo axitado clima político que supuxo a irresponsable e ilegal deriva independentista que se produciu en Cataluña, “un ambiente que non só repercute na estabilidade política do conxunto do Estado senón na economía de todos os españois”.