Di que o PPdeG presentará unha iniciativa no Parlamento para que todos os partidos aclaren se queren unha República Independente en Galicia.
O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, subliñou que é necesario que Ana Pontón aclare dunha vez a súa postura independentista “por respecto á democracia e aos galegos” e avanzou que o seu partido levará ao Parlamento unha iniciativa para obrigar ás formacións a posicionarse: “Queren ou non a independencia para Galicia? Están traballando no BNG por chegar a unha República Independente Galega como asegura Néstor Rego?”
O secretario xeral cuestionou as piruetas propagandísticas coas que os nacionalistas tratan de enganar aos galegos. Neste sentido, lembrou como Pontón no congreso do seu partido intentou vender á prensa que o BNG acababa de cambiar, que xa non era independentista e que era o “Bloque do si”, recoñecendo deste xeito que “ata agora eran os do non, os do bloqueo institucional e os da negativa a apoiar calquera proposta”.
Sen embargo, a afirmación na que renunciaban ao independentismo choca directamente coa mensaxe que o representante do BNG en Madrid, Néstor Rego, trasladaba esta semana ao asegurar no Congreso que pronto chegaría unha República Independente Galega. “A proclama de Rego é un delirio. A única República Independente que verá será a do felpudo de Ikea do seu domicilio”, resaltou explicando que esta non é unha saída de ton do deputado nacionalista, senón que as súas palabras definen a liña oficial do “Bloque Independentista Galego”.
Tellado manifestou que o feito de que o BNG non desautorizase as declaracións de Rego evidencia que o único que cambiou na súa Asemblea é que comezaron a súa campaña electoral para os próximos comicios municipais, unha manobra que non é nova, pois desde a chegada de Pontón ao liderado da formación disfrázanse en cada proceso electoral: “Póñense as americanas, esconden no trasteiro aos coroneis da UPG e prohiben dicir a palabra independencia. Pero, como en cada campaña, non enganan a ninguén”.
Segundo precisou, “os galegos teñen dereito a que lles digan a verdade, o BNG non pode seguir con este carnaval ideolóxico e ter unha folla de ruta oculta deseñada polos asesores de Esquerra Republicana de Cataluña”. Por este motivo, puxo en valor a necesidade da iniciativa parlamentaria que o PPdeG presentará na Cámara.
Ademais, deste modo tamén se coñecerá a posición do PSOE galego, “ou polo menos a da metade do PSdeG que ten representación parlamentaria”, xa que os socialistas pactan en toda España con partidos independentistas e que rexeitan a Constitución e a unidade do noso país. De feito, indicou que a pesar da radicalizade do BNG, comparten gobernos con eles alí onde poden: “Pactan con quen sexa por chegar ao poder ou comparten as súas teses?”.
A ESQUERDA ABERTZALE GALEGA
Durante a súa intervención en rolda de prensa, o secretario xeral fixo fincapé en que estamos ante o BNG máis radical da súa historia, definíndoo como “a esquerda abertzale galega”, que comparte listas e proxecto político con Bildu e con Esquerra, sometido ao PSOE de Madrid a cambio duns “carguiños” en concellos e en deputacións e que acaba de volver axeonllarse ante Pedro Sánchez sen atreverse a votar en contra dos Presupostos Xerais do Estado.
Igualmente, recordou que, durante o último mes e medio, o Bloque negouse a condenar a violencia como ferramenta política, opúxose a aceptar o marco da Constitución e do noso Estatuto de Autonomía, manifestouse con Bildu pedindo un País Vasco independente, festexou o 1 de outubro -aniversario do referendum ilegal de independencia en Cataluña-, renovou o seu apoio á Cuba castrista, invitou a Galicia a impartir cátedra ao independentista Gabriel Rufián, volveu pedir a tarifa eléctrica galega -unha vella teima nacionalista da que renegan todos os economistas-, votou en contra dos Orzamentos da Xunta e da práctica totalidade das iniciativas do PP no Parlamento e, esta mesma mañá, convocou un acto de homenaxe aos tres deputados nacionalistas que foron expulsados da Cámara galega hai 40 anos por non acatar a Constitución española.