Critica que os implicados no maior caso de corrupción en Galicia da última década pretendan “encher os petos” sen responsabilidades políticas e xudiciais
O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, preguntou ao secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, se estaría disposto a indultar a Francisco Gutiérrez Orúe, o funcionario condenado por “enchufar” á cuñada de Carmela Silva. Así se expresou tralo novo capítulo da gravísima trama de corrupción e nepotismo na que está inmersa o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o PSdeG.
Precisamente esta semana, o funcionario solicitou ao Ministerio de Xustiza o seu indulto para evitar ir a prisión xustificando a súa militancia histórica no PSdeG e na UGT. “A lóxica detrás desta petición é moi clara: pide ao PSOE que o indulte por ser militante do partido e da UGT durante 40 anos, por organizar todas as campañas electorais de Abel Caballero en Vigo, por non delatar a Silva durante o xuízo e porque el só cumpría ordes”, precisou.
Ante este contexto, o secretario xeral preguntouse se este indulto non estaba xa pactado, cal foi o prezo para non delatar á súa xefa e que lle prometeron ao funcionario para que permanecera calado. Mentres tanto, criticou que no PSOE impere unha “mafiosa lei do silencio” por parte dos implicados -Carmela Silva e Abel Caballero-, dos deputados e cargos autonómicos e nacionais, e tamén de Valentín González Formoso que, lonxe de distanciarse da corrupción do partido en Pontevedra, premia esta conducta nomeando a Silva presidenta do PSdeG.
Tellado tamén afirmou que, se esta solicitude de indulto é aprobada polos socialistas, o balance do maior caso de corrupción en Galicia da última década será a impunidade: o autor material libre e na rúa, a autora intelectual, Carmela Silva, nomeada presidenta do PSdeG; e a súa cuñada embolsándose máis de 100.000 euros por non ir a traballar. “Enchen os petos e non pagan ningunha responsabilidade, nin política nin xudicial”, subliñou.
“Desde o PPdeG non imos permitir que se saian coa súa. Esiximos explicacións inmediatas de Carmela Silva, de Abel Caballero e de Valentín González Formoso, pero tamén ao BNG, que sosteñen a Silva na Deputación sen importarlles nada máis que manter os seus carguiños”, dixo salientando que, ademais, piden a dimisión da presidenta da Deputación de Pontevedra pola súa implicación evidente no enchufe da súa cuñada, así como por negarse a dar contas ante os cidadáns e ante a oposición.
A HIPOCRISÍA DO PSdeG
Na súa comparecencia en rolda de prensa, tamén denunciou a “enorme hipocrisía” do PSdeG, que esta mesma semana reclamou á Xunta que instale os parques eólicos necesarios para garantir un prezo eléctrico competitivo para Alcoa.
Sobre isto, recordou que o PSOE é precisamente o responsable do peche e da paralización das cubas, polo que os socialistas galegos deberían pedirlle a seu propio partido responsabilidades pola situación da planta de San Cibrao. “Alegrámonos de que por fin recoñezan que o problema de Alcoa é un problema enerxético, pero quen ten as competencias e a capacidade para dar unha solución ao problema da enerxía é o Goberno central”, explicou.
Ademais, lembrou que Pedro Sánchez prometeu na Mariña unha tarifa eléctrica competitiva e un Estatuto Electrointensivo, pero non só non cumpriu a súa promesa, senón que desde que goberna condenou ao peche ou á deslocalización a toda a industria electrointensiva en Galicia e en toda España.
“Como se atreven a pedir máis parques eólicos á Xunta se forman parte xunto co BNG de todas as plataforma antieólicos de Galicia? Como poden ter tanta cara de levantar a pancarta contra os muíños pola mañá e pola tarde reunirse co comité de empresa de Alcoa para dicir que a solución é construír máis parques”, cuestionou.
Ante esta situación, asegurou que o PPdeG seguirá traballando por atopar solucións para Alcoa que garantan a competitividade da planta e os postos de traballo, malia que aclarou que nada se pode facer se o Goberno non soluciona a gran crise enerxética que estamos a vivir, cuns prezos desorbitados que bloquean a industria e supoñen unha carga inasumible para milleiros de familias.
Así mesmo, lamentou non poder contar con Valentín González Formoso na defensa dos intereses de Galicia, afeando a submisión do secretario xeral do PSdeG a Ferraz, como xa evidenciou o seu silencio cómplice ante o ataque do Executivo socialista á central térmica das Pontes.
LOITA CONTRA O CANCRO
No día mundial da loita contra o cancro, o secretario xeral tamén quixo enviar o agarimo do PPdeG a todas aquelas persoas que loitan contra esa enfermidade, así como todo o recoñecemento para os investigadores e profesionais sanitarios que traballan para combater esta dolorosa doenza.