A Coruña, 10 de xaneiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, valorou esta mañá o mandato de Xulio Ferreiro tras superarse amplamente o ecuador da lexislatura municipal e asegurou que “vai camiño de ser nada máis que unha oportunidade perdida para a cidade da Coruña”, que presentou os peores datos de desemprego das urbes galegas ao acabar o pasado ano.
Así se expresaba nunha rolda de prensa xunto ao secretario xeral do PP local, Gonzalo Trenor, onde advertiu que a parálise á que o alcalde e a Marea Atlántica están sometendo á cidade non sae gratis, senón que ten un custo económico moi importante para os coruñeses.
Nese senso, Tellado explicou que desde o PP cren que, no eido económico, as administracións deben ter dúas funcións: en época de recesión, a de conter os efectos negativos da mesma, intentando manter as estruturas e servizos. Xa en tempos de bonanza, como o que estamos a vivir, a política debe acompañar á recuperación, servir de facilitador e non poñer trabas ao desenvolvemento económico do territorio; todo contrario do que se pode ver na cidade herculina.
Segundo o número dous dos populares galegos, “o goberno municipal encabezado por Xulio Ferreiro está a ser un pesado lastre que non está deixando crecer á cidade ao mesmo ritmo có resto de Galicia”, dixo facendo referencia ás cifras relativas ao peche do ano en materia de desemprego nos que, mentres Galicia obtiña o mellor dato en dúas décadas, cunha caída de máis do 10% do número de desempregados e unhas cifras mellores cás do conxunto do Estado; A Coruña ofrecía o peor comportamento de todas as cidades galegas, moi por debaixo da media da Comunidade.
OS CORUÑESES MERECEN UN GOBERNO MELLOR
Tras poñer en valor tanto a chegada de Beatriz Mato á presidencia local como a tarefa de oposición diaria levada a cabo polo Grupo Municipal -encabezado por Rosa Gallego-, que colocaron ao partido nunha moi boa posición para afrontar este ano e medio que falta ata as eleccións municipais de 2019; Tellado aseverou que “os coruñeses merecen un goberno moito mellor que o que teñen”.
Para o secretario xeral, os veciños merecen un goberno que se preocupe das súas necesidades, das infraestruturas e os servizos básicos; que apoie a actividade económica e a creación de emprego; e que queira poñer á Coruña no lugar que debería ter, “que é o dunha gran cidade europea do século XXI”.
De igual modo, Tellado fixo fincapé en que os coruñeses precisan un alcalde que lles diga a verdade, e que non use o concello como trampolín para xogar á política autonómica, “porque sabemos que Xulio Ferreiro vai empregar este 2018 como ano de longa precampaña para ser líder das Mareas de Podemos e, nesta carreira con Martiño Noriega, o que mellor quede vai ser o substituto de Luis Villares”.
“Desde o Partido Popular de Galicia cremos que, se existe un pacto entre alcaldes para poñer as institucións ao servizo das súas propias carreiras políticas, os veciños deben sabelo para poder actuar en consecuencia”, concluíu.