Di que as afirmacións da vicepresidenta segunda demostrarían que o Executivo central antepuxo os intereses políticos á seguridade das persoas
O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, aseverou que “se Yolanda Díaz tiña información sobre a gravidade do coronavirus en febreiro de 2020 e non o comunicou ao Goberno e á opinión pública, debería dimitir de forma inmediata; se pola contra tiña información, comunicoulla ao Goberno e este non fixo nada, o que debería dimitir é Pedro Sánchez”.
O secretario xeral salientou que as sorprendentes revelacións por parte da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo poñen ao Executivo central nunha rúa sen saída, demostrando o que o PP levaba asegurando dende hai meses: ocultaron información, non tomaron en serio a ameaza a pesar das advertencias e puxeron por diante os seus intereses políticos fronte á seguridade das persoas.
Segundo admitiu onte Díaz, xa coñecía en febreiro de 2020 as graves repercusións que tería a COVID, antes de que o virus se estendera por España, chegando a informar ao resto do Goberno sen terse en conta as súas advertencias. Se estas afirmacións son certas -manifestou Tellado- deixarían en evidencia que o Executivo central coñecía perfectamente os riscos da enfermidade antes de autorizar as mobilizacións polo 8M: “No mellor dos casos actuaron cunha neglixencia letal que costou milleiros de vidas. No peor, actuaron con mala fe, poñendo por diante os seus intereses partidistas á vida das persoas”.
ASUMIR RESPONSABILIDADES
Por outra banda, Tellado fixo referencia ao grave caso de corrupción e nepotismo dentro do PSdeG despois de que a Sala do Penal do Tribunal Supremo ratificara as condenas por prevaricación e malversación de caudais públicos a un alto funcionario do Concello de Vigo e a un empresario subcontratado polo propio Concello.
Como sinalou, ambos son os autores materiais dunha trama de facturas falsas orquestrada dende o Concello que tiña por obxecto a contratación irregular da cuñada da concelleira e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e que supoñía un salario de máis de 100.000 euros sen traballar. “O traballo mellor remunerado de España é ser familiar de Carmela Silva e amigo de Abel Caballero”, ironizou.
Ademais, logo de cuestionar a razón que leva a un funcionario municipal a contratar a un familiar da súa xefa e a pagarlle un soldo estratosférico que saíu do peto de todos os vigueses -superior ao do presidente do Goberno-, amosouse sorprendido ante o silencio de Abel Caballero, que rara vez permanece calado. Nese senso, preguntou se ninguén vai asumir responsabilidades ante unha das maiores condenas por corrupción da historia recente de Galicia.
Do mesmo xeito, apuntou que “podemos entender que a antiga directiva, presidida polo sobriño do alcalde de Vigo, non depurara responsabilidades por nepotismo, pero a nova dirección vai deixar pasar este caso de corrupción que implica a dous do seus principais cargos públicos?”. “Non parece a mellor forma de empezar o seu mandado á fronte do PSdeG por parte de Valentín González Formoso”, engadiu.
O secretario xeral incidiu en que, en calquera partido democrático, ante a condena en firme dun caso tan grave de nepotismo e corrupción deberían esixirse inmediatamente responsabilidades políticas. Ademais, recoñeceu que todo indica que este non é un caso illado, pois hoxe distintos medios de comunicación recollían que a Unidade de Delincuencia Especializada da Policía investiga unha posible venda de prazas de policía local e de bombeiros no Concello de Vigo.