Indica que as urxencias parlamentarias do Goberno central non se poden solucionar sacando de prisión a persoas encarceradas por xuíces
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou os indultos aos presos independentistas que parece estar preparando o Goberno central, afirmando que “será moito máis fácil para Junqueras conseguir un indulto político de Pedro Sánchez, que a Pedro Sánchez conseguir un indulto electoral do conxuntos dos españois”.
Segundo indicou, non estamos ante un intento honesto de solucionar a complexa situación catalá senón ante o acordo que firmaron hai ano e medio para investir ao socialista presidente do Goberno, “un presidente que puxo en venta a nosa Constitución e os principios máis básicos da nosa democracia e que vendeu España e Galicia a cambio do poder”.
O número dous dos populares galegos cuestionou o xiro de Sánchez, que mudou radicalmente o seu discurso tralas Eleccións Xerais de 2019, cando necesitaba aos independentistas para gobernar. Deste modo, “os golpistas convertéronse en socios, os graves delitos en pequenos erros políticos e aquela promesa de severidade nas penas nunha necesidade de reconciliación e de perdón”.
Como incidiu, o Goberno socialista cruzou todas as liñas vermellas indo en contra dos informes da Fiscalía e do Tribunal Supremo, pasando por riba da vontade da inmensa maioría dos españois e retorcendo a figura xurídica do indulto, que fala expresamente da necesidade de arrepentimento dos convictos cando, neste caso, non só non existe arrepentimento, senón que manifestaron unha clara vontade de reincidencia. “Unha democracia consolidada, non pode permitirse que as urxencias parlamentarias do Goberno de Pedro Sánchez se solucionen sacando de prisión a persoas encarceradas por indicación dos xuíces”, engadiu.
POSICIONARSE NO PARLAMENTO
Tellado sinalou que os populares rexistraron esta semana unha Proposición Non de Lei no Parlamento, na que manifestan o seu rexeitamento aos “indultos políticos” que quere levar a cabo Sánchez e esixirán que o resto de partidos da Cámara galega tamén se posicionen.
Sobre isto, e a pesar de que asume a resposta destas formacións, cun PSdeG satélite de Ferraz e que non ten nin autonomía nin interese en representar a vontade dos galegos, e cun BNG radicalizado, que está copiando dos independentistas cataláns a folla de ruta da confrontación social; salientou que deben deixar claro, dunha vez por todas, que é mais importante para eles: defender a vontade de Galicia ou manter na Moncloa a Pedro Sánchez.
CATALANIZAR GALICIA, O OBXECTIVO DO BNG
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral tamén falou do encontro telemático que manterán Ana Pontón e Gabriel Rufián este domingo, precisamente cando toda España sairá a rúa para manifestarse contra os indultos. “O Bloque Independentista Galego xa non se corta en demostrar os seus vínculos co separatismo catalán, en deixar claro que son a sucursal de ERC e de Bildu en Galicia”, explicou.
Neste sentido, remarcou que, mentres que antes o referente intelectual do Bloque era Beiras, agora é Gabriel Rufián, ao que a dirixente nacionalista acude “en busca de consello e inspiración”. “Supoño que teñen moito en común, ambos levan moitos anos criticando as nosas institucións desde a cómoda moqueta do Congreso e dende a do Parlamento, viven moi ben grazas a un soldo público do Estado do que queren independizarse, e comparten esa dobre moral do nacionalismo sectario, máis preocupado polo seu futuro político que por defender os intereses dos seus territorios”, destacou.
“Nada detén ao BNG, que mantén a súa folla de ruta para catalanizar Galicia, para exportar o modelo do próces que tan bos resultados electorais lle deu aos independentistas pero tan desastroso foi para a convivencia e a economía de Cataluña”, dixo recordando que a división social e o enfrontamento son sempre a ferramenta dos nacionalistas para tratar de chegar ao poder.
Ademais, afeou como cada semana o Bloque se humilla no Parlamento defendendo o seu pacto con Sánchez só por manter os cargos nas deputacións e nos concellos nos que goberna co PSOE. “O BNG está disposto a calquera cousa para gañar poder e encontrou no independentismo catalán o modelo para logralo”, precisou aclarando que, pola contra, o PPdeG sempre defenderá a Constitución e o Estado das Autonomías, a convivencia pacífica e a lei e os lexítimos intereses de Galicia e de España.