15, setembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou este domingo que o seu partido é unha “garantía de crecemento” fronte á “parálise” que leva supoñendo o Goberno central desde a moción de censura do 2018. Así, incidiu que “a Xunta traballará polos galegos ata o último día desta lexislatura, pese a que Pedro Sánchez non o fixese nin un só desde que está na Moncloa”.
De feito, Tellado lembrou que a Administración autonómica está traballando para buscar solucións a problemas creados polo socialistas. “No que ten que ver cos 700 millóns que nos debe o Goberno Sánchez, presentamos un informe que demostraba que era posible e legal pagar esta débeda; e agora ofrecemos un decreto-lei xa redactado para poder facer efectivo ese pago”, subliñou, para insistir en que os cidadáns non poden pagar pola incapacidade do partidos da esquerda para gobernar e chegar a acordos.
Do mesmo xeito, o número dous dos populares galegos lamentou os “ataques continuados” ás industrias da Comunidade por parte do Executivo socialista. Así, advertiu arredor do impacto que o dieselazo e a política contra os motores de combustión está a ter na venda de coches e na súa fabricación, un sector que é o principal motor económico da área metropolitana de Vigo. Do mesmo xeito, lembrou que outros como o naval, as electrointensivas, as centrais térmicas ou o forestal están vendo moi comprometida a súa actividade polas posicións do Goberno Sánchez.
UNIÓN PARA DARLLE ESTABILIDADE ÁS INSTITUCIÓNS
O secretario xeral, ante máis de 800 afiliados e simpatizantes do partido en Mos, puxo a este concello como exemplo de que “os populares propoñémoslle un pacto aos veciños e eles dannos a súa confianza para traballar nas institucións e darlles estabilidade”.
Deste xeito, lembrou que desde a unión, a transversalidade e a moderación poden conseguirse maiorías absolutas nas que se vexa representada unha parte ampla da sociedade. “Esa aposta por gobernar desde a centralidade para todo o mundo é un dos maiores sinais de identidade deste partido”, reivindicou.
Pola súa banda, tamén insistiu na idea de que “a esquerda galega comezou este curso político máis dividida, con menos proxecto e con menos liderado ca nunca”, polo que apelou á necesidade de que Galicia siga sendo un territorio de referencia a nivel nacional en estabilidade e gobernabilidade.
A DESLEALDADE DOS SOCIALISTAS
Ante as preguntas dos medios de comunicación, o secretario xeral volveu lamentar a actitude e as declaracións de Javier Losada, xa que entende que “o primeiro que debería pedir o que Galicia precisa é o delegado do Goberno na comunidade”. En cambio, Tellado di que Losada “entende que o seu papel é facerlle a pelota a Pedro Sánchez e xustificar o inxustificable e mostrar unha actitude partidista”.
“É evidente que o Goberno de España está actuando con deslealde cara Galicia, a mesma que están a demostrar os socialistas galegos”, recalcou, para insistir en que “tanto Javier Losada como Gonzalo Caballero deben saber que os galegos teñen memoria e non van esquecer o que está facendo nin o Goberno nin o PSOE”. Así, concluíu que o cartel electoral de Caballero para as autonómicas vai ser o de non ter defendido os intereses de Galicia cando foi preciso.