O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Ana Pontón fai política en Cataluña pedindo a independencia ao lado de dous convictos. “Esa é a verdadeira cara do BNG. Pontón, despois de 20 anos no Parlamento, xa non engana a ninguén”, engadiu.
O número dous dos populares galegos cuestionou así a presenza da nacionalista no mitin central de ERC onde acompañou a Oriol Junqueras e Arnardo Otegi. “Mentres aquí nega ser independentista, tan pronto sae de Galicia pide unha República de Cataluña libre do lado de dous delincuentes xulgados”, manifestou.
Segundo indicou, volveu o Bloque do nacionalismo decimonónico e radical que se opón a todo por defecto e que está aproveitando a pandemia para traer as súas vellas teimas como as nacionalizacións, a tarifa eléctrica galega ou a banca nacional galega-, “receitas de probada ineficacia”.
Ademais, admitiu que, pola súa parte, os socialistas están desaparecidos. “Atopamos unha oposición que non é útil a Galicia”, cun PSdeG atrapado entre as loitas internas pola sucesión e a patolóxica necesidade de defender a Pedro Sánchez, e un BNG que mostra a súa verdadeira cara, sacando o ideario independentista do avó, da man de Otegi e Junqueras”, insistiu.
Di que a oposición non é útil a Galicia, cun PSdeG absorto na carreira sucesoria e co BNG máis radical que nunca da man de Otegi e Junqueras