Feijóo salienta o Plan de seguridade viaria 2016-2020, cun orzamento de 300M€

Santiago, 4 de febreiro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para este mesmo ano consignan unha partida de máis de 60 millóns de euros para a posta en marcha do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, que prevé reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ao ano 2011 e un investimento próximo aos 300 millóns de euros durante a súa vixencia.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que hoxe deu o visto e prace a este documento, Feijóo explicou que o Plan de seguridade viaria 2016-2020 apóiase en cinco piares que son: optimizar a xestión da seguridade viaria, acadar vías de tránsito e mobilidade máis seguras, apostar por vehículos máis seguros, mellorar a resposta tras un accidente, e traballar para achegar maior seguridade aos usuarios destas vías.

Reforzar a seguridade dos peóns e ciclistas
Ao respecto, apuntou que o plan aumenta a atención especialmente sobre os usuarios máis vulnerables, peóns e ciclistas. E para iso, dixo, propón medidas específicas para nenos, persoas maiores e mesmo peregrinos que estean a realizar o Camiño de Santiago.
Así mesmo, indicou que a Xunta vai acometer actuacións concretas nas vías de titularidade autonómica para a execución, por exemplo, de cunetas de seguridade, para a colocación de barreiras e sistemas de protección de motoristas, e na protección de salvacunetas. E, xunto con isto, mencionou que este mesmo ano porase en marcha unha campaña de educación e sensibilización para reforzar a seguridade dos peóns e aumentar a súa visibilidade.
Feijóo destacou que este novo plan dá continuidade ao anterior, relativo ao período 2011-2015, e salientou que foi elaborado cunha alta participación, posto que foi tratado na Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria —onde están as tres administracións e a Garda Civil de Tráfico—, e contou coa implicación das distintas consellerías e coa participación de diferentes axentes sociais. É o caso de vítimas de accidentes, usuarios de estradas, autoescolas, aseguradoras, ciclistas e motoristas, peregrinos, enxeñeiros, fabricantes de vehículos ou representantes de centros médicos e psicotécnicos.

Feijóo di que a Xunta mobiliza cos Jeremie 25M€ en 45 proxectos de pemes galegas

Santiago, 4 de febreiro de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía que o Consello da Xunta deu hoxe luz verde a apoiar 15 novos proxectos con préstamos Jeremie que mobilizan sete millóns de euros.
Feijóo puxo así de manifesto o compromiso da Administración autonómica co tecido empresarial galego a través de iniciativas como os préstamos Jeremie que, desde a súa activación a finais de 2014, teñen mobilizado 25 millóns en 45 proxectos promovidos por pemes, contribuíndo así ao mantemento de 900 empregos e á creación de 168 novos postos de traballo.
Durante a rolda de prensa, o mandatario precisou que tres de cada catro destes proxectos están a ser desenvolvidos por microempresas e pequenas compañías, que se benefician duns préstamos con xuros fixos de arredor do 0,2%, ata 11 anos de amortización e un de carencia.
“Os Jeremie consolídanse así como unha importante ferramenta de apoio ás pequenas e medianas empresas galegas”, incidiu, destacando que a contía media dos préstamos é de 300.000 euros.
A tipoloxía dos proxectos apoiados vai desde un obradoiro tradicional para a fabricación de pan ata a adquisición de maquinaria para incrementar a capacidade produtiva das compañías. E, o 56% das actuacións enmárcanse no sector industrial; o 19%, no sector servizos; o 14% corresponde á hostalería.
Ademais desta iniciativa, Feijóo lembrou tamén a aprobación hai menos dun mes de catro liñas de axudas que mobilizan, no seu conxunto, preto de 100 millóns de euros: “Trátase –precisou- do plan Galicia Inviste2016; do Galicia Emprende2016; dos proxectos piloto de Fábrica 4.0 e dos programas de financiamento de circulante”.
Con estas medidas, xunto con outras de impulso á eficiencia enerxética, á innovación e á internacionalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva lanzados neste ano programas de axudas por 185 millóns de euros, o que significa que, a primeiros de febreiro, xa están aprobadas o 70% das axudas para 2016.

A oferta pública de emprego da Xunta para 2016 suma preto de 2.400 prazas

Santiago, 4 de febreiro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Oferta Pública de Emprego para 2016 suma case 2.400 prazas entre Sergas, Educación e Administración Xeral, é dicir, máis do dobre de prazas que as ofertadas no ano anterior.
Como sinalou, a OPE do presente exercicio superará con creces o volume de todas as convocatorias acumuladas dos últimos anos. De feito, prevé ofertar 818 prazas de diferentes categorías sanitarias e ás 1.112 prazas xa anunciadas no ámbito da Educación.
A isto hai que engadirlle a oferta de prazas que se levou hoxe a Consello, outras 448 prazas para persoal da Administración Xeral, oferta que, como sinalou o presidente, será trasladada á mesa de negociación nas vindeiras datas.
Máis polo miúdo, Feijóo sinalou que, do total destas prazas, 146 serán para persoal laboral no eido dos servizos sociais, o que permitirá aumentar a estabilidade no emprego desta área e mellorar a prestación do servizo.
Por outra banda, outras 124 prazas irán destinadas a reforzar a prevención e extinción de incendios, sendo a primeira vez desde 2003 que se inclúe este servizo na oferta de emprego.
Ademais, por primeira vez na historia da autonomía, convocaranse 22 prazas de especialistas en seguridade e saúde no traballo.
Segundo o mandatario, tamén se ofertarán 40 prazas no corpo de xestión, no corpo auxiliar e na agrupación profesional do persoal funcionario subalterno, mentres que as 116 prazas restantes serán para promoción interna.
Como concluíu Feijóo, estas case 2.400 prazas de emprego público equivalen á oferta pública de emprego de cinco anos, desde 2010 a 2014. Así, unha vez que se acabou a limitación estatal do 10 por cento na taxa de reposición e que a Xunta empregou na súa totalidade, o Goberno galego agora está tratando de consolidar postos de traballo e de acadar que as persoas que tiñan contratos temporais ou de interinidade poidan ter opción a ser funcionarios de carreira da Comunidade.
O obxectivo, segundo engadiu, é finalizar as ofertas públicas de emprego que estaban en trámite en 2016 e avanzou tamén que se buscará levar a cabo as convocatorias das prazas de servizos sociais e de extinción de incendios antes do verán.