CRISTINA ROMERO AVANZA O DEBATE NO PLENO DA VINDEIRA SEMANA DAS PROPOSICIÓNS DE LEI PARA O TRASPASO DA AP-9 Á XUNTA E DE MODIFICACIÓN DA LEI DE SERVIZOS SOCIAIS
· “Esperamos que ambas iniciativas lexislativas saian co maior respaldo posible dos deputados deste Parlamento, para o que o Grupo Popular manterá a súa plena disposición ao diálogo”, indicou
Santiago, 7 de marzo de 2016.- A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Romero, avanzou hoxe que o Pleno da vindeira semana debaterá a aprobación da proposición de lei que solicita a transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia e a toma en consideración do proxecto de lei de modificación da Lei de servizos sociais, coa que se pretende reforzar e blindar o papel das entidades na prestación de servizos sociais. Respecto dos posibles candidatos ás eleccións galegas, Romero contrastou a unidade do PP respecto a que Feijóo é o mellor candidato fronte ás discrepancias existentes no PSOE coa candidatura de Besteiro.
“Trátase de dúas proposicións de lei significativas, tanto para o desenvolvemento económico e a mellora das comunicacións viarias en Galicia, como para a optimización dos nosos servizos sociais, polo que esperamos que ambas iniciativas lexislativas saian co maior respaldo posible dos deputados deste Parlamento, para o que o Grupo Popular manterá a súa plena disposición ao diálogo”, sinalou Romero.
Respecto da proposición de Lei de solicitude de transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia, a viceportavoz popular avogou por “manter no Pleno a unanimidade acadada en Comisión para que esta demanda chegue ao Congreso dos Deputados co maior respaldo e firmeza do Parlamento galego”. “Desde o Grupo Popular reiteramos o interese por xestionar esta autoestrada que vertebra e comunica o norte e o sur de Galicia e que ten contribuído e contribúe notablemente ao desenvolvemento da Comunidade galega”, engadiu.
Cristina Romero lembrou “a boa disposición amosada esta fin de semana pola ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, para falar sobre a transferencia desta autoestrada”, aínda que insistiu na “necesidade de que a concesionaria preste o servizo nas mellores condicións e dispoña dunha política de peaxes cos beneficios que se prestan noutras autovías españolas”.
REFORZAR E BLINDAR ENTIDADES SOCIAIS
En segundo lugar, Romero avanzou que a sesión plenaria procederá ao debate para a toma en consideración da proposición de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a modificación da Lei de servizos sociais, co obxectivo de reforzar e blindar o papel das entidades de iniciativa social na prestación de servizos, dotándoas dun novo mecanismo que impulse as súas relacións coas administracións públicas e ofrecendo unha maior seguridade xurídica ás actividades económicas deste sector.
Neste sentido, a viceportavoz subliñou que esta iniciativa lexislativa “nace logo dun intenso traballo e das achegas realizadas polo Comité Español de representantes de persoas con discapacidade (CERMI)” e apuntou que desde o Grupo Popular “imos buscar ao longo da tramitación parlamentaria o apoio dos demais grupos, para o que estaremos abertos a estudar e consensuar as súas propostas co obxectivo de que esta modificación lexislativa saia co maior respaldo posible”.
Cristina Romero explicou que con esta modificación lexislativa “Galicia adapta a súa normativa á directiva europea 2014/24/UE, dando entrada aos concertos sociais como modalidade diferenciada do concerto xeral, ao tempo que se crea a figura dos acordos marco para a xestión de servizos sociais coas entidades para atender, na medida que sexa posible, a libre elección da persoa destinataria do servizo”.
“A posta en marcha destes concertos sociais suporá un recoñecemento á necesidade de establecer condicións especiais a estas prestacións dadas as especificidades dos servizos sociais”, indicou.
Esta modificación da Lei de servizos sociais tamén recolle que as administracións públicas darán prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando existan análogas condicións de eficiencia, calidade e rendibilidade social, ao tempo que se establecerán fórmulas para garantir o mantemento na prestación dos servizos sociais por parte das entidades que xa os viñan realizando.
BLUF DE PRIMARIAS SOCIALISTAS
Cuestionado sobre os posibles candidatos ás eleccións galegas, Cristina Romero indicou que no Partido Popular “somos respectuosos cos procedementos internos dos outros partidos” e salientou que no PP “fixemos un calendario para a renovación dos equipos, ideas e persoas que estamos a cumprir”. Neste sentido, apuntou que os socialistas galegos “fan un calendario pero logo non o cumpren, polo que o das primarias parece un bluf máis dos que xa nos teñen acostumados”
A viceportavoz popular recoñeceu que non hai candidato designado nin polo PP nin polo PSOE. Porén, manifestou que “existe unha gran diferenza: todo o Partido Popular coincide en que Feijóo é o mellor candidato, cousa que non está a ocorrer no Partido Socialista, visto o acontecido esta fin de semana”.