PPdeG lamenta que a oposición rexeite posibilidade de acadar un pacto pola educación


O PPDEG LAMENTA QUE A OPOSICIÓN REXEITE SOLICITAR AO GOBERNO CENTRAL QUE EXPLORE A POSIBILIDADE DE ACADAR UN PACTO POLA EDUCACIÓN

·    Hipólito Fariñas lembrou o principio de acordo asinado por representantes de PP, PSOE, PODEMOS e Ciudadanos na Universidade de Nebrija para a elaboración dun Pacto de Estado pola Educación

Santiago, 7 de xuño de 2016.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Hipólito Fariñas, lamentou que os grupos da oposición rexeitaran esta tarde no Parlamento a súa emenda para que o Goberno central explore a posibilidade de acadar un Pacto pola Educación que consolide a senda de mellora dos indicadores de resultados consecuencia das innovacións pedagóxicas e metodolóxicas postas en marcha nos últimos anos.

Fariñas subliñou que “a sociedade demanda consenso” e neste eido lembrou o principio de acordo asinado recentemente por representantes de PP, PSOE, PODEMOS e Ciudadanos na Universidade de Nebrija para a elaboración dun Pacto de Estado pola Educación.

MENSAXE PEDAGÓXICA

Deste xeito, lamentou que os grupos da oposición impediran que o Parlamento galego “fora o primeiro no que se acadara un consenso unánime arredor da necesidade deste pacto educativo”. “Tratemos de esquecer o que nos separa, que é bastante menos do que nos une, e sexamos responsables para poñernos de acordo e facer algo conxunto polo sistema educativo”, apuntou.

Hipólito Fariñas criticou que os grupos da oposición inciten ao incumprimento das leis, en concreto da LOMCE. “Estamos nunha Cámara lexislativa e debemos velar pola mensaxe pedagóxica que se lle manda aos educandos”, indicou.

Puy asegura que o concerto económico “sería tremendamente prexudicial” para Galicia

PEDRO PUY ASEGURA QUE O CONCERTO ECONÓMICO “NON É RENDIBLE E SERÍA TREMENDAMENTE PREXUDICIAL” PARA GALICIA

·    Estudos realizados sobre a materia afirman que o cupo suporía perdas do 3,8 por cento do PIB para Galicia

·    Puy acusou ao BNG de traer ao Parlamento “un debate fiscal contrario ao que se está debatendo no mundo

Santiago, 7 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o concerto económico para Galicia que propón o BNG “non é rendible e ademais sería tremendamente prexudicial”, xa que suporía perdas de ingresos aproximadas do 3,8 por cento do PIB. Neste sentido, dixo que “fan as contas da vella, porque comparan o que recada o Estado en Galicia co que a Administración central transfire para pagar os servizos que exerce na Comunidade galega, esquecéndose de todos os servizos que o Estado presta aos galegos, como defensa, Seguridade Social ou obras públicas”.

Na súa intervención na sesión plenaria, Puy explicou que o concerto económico supón que unha comunidade autónoma se financie cos impostos que recada e paga á Administración central unha contía como contraprestación polo que a Administración central realiza nesa comunidade. Neste sentido, indicou que este cupo “non depende do nivel de renda das persoas que residen nesa comunidade autónoma e canto máis rica sexa a comunidade maior será a diferenza que se queda, que practicamente non contribúe á solidariedade nin interpersoal nin interterritorial do conxunto do Estado”.

“O sistema actual garante a equidade interpersoal”, asegurou Pedro Puy. Así, tomou como referencia os datos do INE do ano 2013 en Galicia para comparar o 85,89 por cento da renda bruta por habitante co 91,65 por cento da renda dispoñible bruta dos galegos, é dicir, despois de que o Estado cobre os impostos e dea todo tipo de transferencias e subvencións. “Un seis por cento máis de capacidade de gasto, o que supón que funciona o Estado de Benestar que se basea nun sistema fiscal progresivo de carácter estatal, que redistribúe a renda sacándolle menos a quen menos ten e dándolle máis a quen menos ten e máis o precisa”, sinalou.

Ademais, o portavoz popular lembrou que a Seguridade Social se paga coas cotizacións, aínda que na actualidade “se comece a debater en España que para garantir o futuro das pensións se tire das fontes tributarias”. Lembrou que en Galicia hai unha relación entre contribuínte e cotizante á Seguridade Social do 1,25, lonxe da estabilidade do sistema que estaría no 2,5 e da media de España, que está no 2,2, polo que alertou sobre “os 800.000 pensionistas galegos poden ter nalgún momento dependencia do conxunto fiscal de España, que non é un asunto menor”.


FUNCIONANDO DE XEITO AXEITADO

“O sistema de financiamento de réxime común está funcionando de xeito axeitado para Galicia, que recibe por enriba da media española porque é unha comunidade que en termos de riqueza relativa está por baixo da media do conxunto do Estado”, manifestou.

Pedro Puy recordou que nos estudos sobre extrapolación do cupo para Galicia realizados polo profesor Zubiri “falaba de perdas de ingresos arredor do 3,8 por cento do PIB”, polo que “se Galicia renuncia con este cupo a este ingreso está facendo un negocio moi malo”.

Así mesmo, criticou que os nacionalistas apoien que Cataluña vaia a un pacto fiscal semellante ao do cupo, cando “os cálculos feitos polos profesores Leiceaga e Lago Peñas din que o pacto fiscal que propón Cataluña quitaría a Galicia de 570 a 780 millóns de euros ao ano”.

O portavoz popular acusou ao BNG de traer ao Parlamento “un debate fiscal contrario ao que se está debatendo no mundo: máis equidade, máis orzamento europeo con tributos que redistribúan; máis colaboración internacional na loita contra a fraude; estabilidade da economía e controlar con impostos os movementos do capital”. 

O Parlamento toma en consideración lei para actualizar sistema de transporte público


O PARLAMENTO TOMA EN CONSIDERACIÓN A PROPOSICIÓN DE LEI PARA A ACTUALIZACIÓN DO SISTEMA DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA, IMPULSADA POLO GRUPO POPULAR

·    “O obxectivo é que entre todos sexamos quen de poñer unha solución acaída e urxente a un grave problema que pon en serio risco a milleiros de persoas que traballan nun sector fundamental para a economía de Galicia”, sinalou

·    A nova Lei achegará seguridade xurídica aos usuarios, ás empresas que deben prestar o dito servizo público e, por suposto, aos seus traballadores

Santiago, 7 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a toma en consideración da proposición de Lei de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, impulsada polo Grupo Popular para asegurar a prestación deste servizo a todos os usuarios con todas as garantías e coa máxima seguridade xurídica para os operadores. O portavoz de Infraestruturas, Jesús Goldar, animou aos grupos da oposición a realizar “aportacións construtivas” na tramitación parlamentaria deste texto lexislativo, “co obxectivo de que entre todos sexamos quen de poñer unha solución acaída e urxente a un grave problema que pon en serio risco a milleiros de persoas que traballan nun sector fundamental para a economía de Galicia”.

Jesús Goldar explicou que esta proposición de lei vén dar resposta á recente sentenza do Tribunal Supremo que anulaba a renovación das concesións de transporte público regular permanente de uso xeral por estrada e o plan de modernización deste servizo. “A consecuencia directa desta sentenza é que dos 145 contratos de transporte interurbano existentes en 2009, só 14 manterían a súa vixencia”, apuntou.

Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia ten interposto un incidente de nulidade fronte a esta sentenza do Tribunal  Supremo, ao considerar que procedeu a unha valoración da constitucionalidade dunha disposición autonómica de rango legal, a Lei 5/2009, o que está excluído da competencia do citado tribunal.

“O Grupo Popular cre firmemente que este texto achegará seguridade xurídica aos usuarios dos servizos públicos de transporte da competencia da Comunidade Autónoma; ás empresas que deben prestar o dito servizo público e, por suposto, aos seus traballadores”, manifestou. Ademais, dixo que “non só achega a solución adecuada para garantir esta estabilidade, senón que establece mecanismos para afrontar unha intensa modernización do servizo público e a súa plena adaptación ás demandas da sociedade para as próximas décadas”.


PLAN DE TRANSPORTE

Jesús Goldar explicou que a planificación deste novo sistema de transporte público será afrontada polo Plan de Transporte Público de Galicia, que determinará, ordenará e establecerá a oferta de servizos de transporte público da competencia da Xunta e implementará a coordinación da totalidade de servizos de transporte público que se desenvolvan no territorio galego.

Este Plan de Transporte analizará a ordenación do territorio entermos de mobilidade, fixará os modelos de xestión de servizosbaixo demanda das persoas usuarias; e regulará os requisitos básicos que deba cumprir a oferta de transporte público en ámbitos tales como accesibilidade, conectividade territorial, seguridade, interconexións modais e intermodais nos principais nós de conexión.

Así mesmo, establecerá os sistemas de tarificación que resultarán aplicables ao conxunto do sistema de transportes; complementará as condicións básicas de dereitos e obrigas das
persoas usuarias; e garantirá a accesibilidade para o conxunto da poboación.


CONSELLO GALEGO

Os traballos de elaboración e aprobación deste Plan de Transporte non superarán os 21 meses e na elaboración do mesmo está prevista a participación do Consello Galego de Transportes, no que están presentes a administración local, o sector empresarial, as organizacións sindicais, a representación de consumidores e usuarios, a de persoas con discapacitadas e membros doutras ámbitos sectoriais das administracións públicas de Galicia.

Outra das cuestións que destacou Jesús Goldar da nova Lei é a garantía da continuidade do servizo público afectado polo fallo xudicial. “Esta continuidade sería unha oportunidade para manter as liñas de modernización impulsadas na Lei 5/2009, a través da integración dos plans de transporte metropolitano e no modelo de tarifas zonais; a implantación do sistema de axuda á explotación; e o mantemento do compromiso de integrar progresivamente vehículos accesibles a persoas con mobilidade reducida”.