Santiago, 14 de xullo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia son Manuel Gallego Jorreto, Francisco Leiro Lois, Basilio Losada Castro e o grupo Los Suaves. Así o acordou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá, que aprobou o decreto polo que se concede esta distinción.
A Medalla de Ouro de Galicia, que lles será entregada aos premiados nun acto solemne que se celebrará o vindeiro 24 de xullo é, segundo Feijóo, “o máximo recoñecemento que Galicia lle fai a exemplos a seguir”. “Un agradecemento en forma de medalla a aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra a nosa terra e fai unha mellor Galicia”, dixo.
Manuel Gallego Jorreto
Galego do Carballiño, licenciado e doutor en Arquitectura, ten un ampla traxectoria e un gran recoñecemento na súa disciplina.
Comezou a traballar no estudio de Alejandro de la Sota, logo de completar a súa formación en Noruega. Tamén exerceu como profesor no Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismos da Universidade da Coruña durante máis de 20 anos.
Aínda que traballou en vivendas privadas, os edificios máis recoñecidos están dentro das obras promovidas polas administracións públicas: o Concello de Forcarei, o Mercado de Santa Lucía (A Coruña), a Casa da Cultura de Chantada, o Centro de Saúde de Viveiro, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Complexo da Xunta en Monte Pío.
Feijóo tamén salientou a súa actividade para promocionar a nosa cultura, posto que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego en 1976, así como membro do Seminario de Estudios Galegos e da Fundación Luis Seoane.
Gallego Jorreto ten numerosos recoñecementos, entre os que destaca o Premio Nacional de Arquitectura, a Medalla Castelao ou a Medalla de Ouro de Arquitectura.
Francisco Leiro Lois
Galego de Cambados, comezou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Santiago, completándoa na de Belas Artes de Madrid.
En palabras do presidente, “hoxe é unha das principais referencias da escultura galega” e conta cunha prolífica obra nesa disciplina e tamén como pintor.
Representou a España en 1985 na Bienal de São Paulo, e desde 1986 expuxo regularmente en ARCO (Madrid), en Italia e Francia ou tamén en Nova York, nalgunhas das galerías máis prestixiosas da arte contemporánea.
Moitas das súas obras son iconas recoñecidas dalgunhas cidades galegas e españolas, como: a figura dun animal fantástico coñecido como Sireno, na Porta do Sol de Vigo, a Homenaxe a Castelao, na Alameda de Santiago de Compostela, a Batea ou “Saavedra” sobre o río Lérez no Parque da Illa das Esculturas de Pontevedra, o Astronauta, Valdemoro (Madrid), Vértigo, na autovía M50 de Madrid e Simeón sentado, Madrid (2007).
Feijóo lembrou que Leiro “converteu as súas xigantescas esculturas en ferro e madeira nunha das iconas máis recoñecibles da arte galega en todo o mundo”.
Basilio Losada Castro
Galego de Láncara, é catedrático de Filoloxía Románica pola Universidade de Barcelona e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa.
Emigrante en Cataluña desde moi novo, despois de diversos oficios vinculados ao mundo editorial, comezou a exercer a ensinanza universitaria, onde se converteu nos anos 60 e 70 en referencia da cultura galega en Cataluña, indicou o presidente.
É autor de numerosos estudos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, e ten traducido 150 libros en sete linguas.
A dimensión literaria da súa obra destaca nos seus traballos de Antoloxía e Escolma de poesía galega, publicados en edicións bilingües fóra de Galicia e que constitúen valiosas referencias da poesía galega.
En 1991 recibiu o Premio Nacional de tradución por Memorial do convento, de José Saramago. Recibiu ademais la Creu de Sant Jordi, da Generalitat de Cataluña; la Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués; la Ordem do Cruzeiro do Sul, de Brasil; a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo.
Xubilouse como catedrático no ano 2000, aínda que segue a impartir clases e tamén escribindo: aos setenta anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela La peregrina.
No ano 2015 a Real Academia Galega acorda nomealo Académico de Honra.
Los Suaves
Galegos de Ourense, Los Suaves conforman “unha das bandas con maior soleira do panorama musical da nosa terra”, destacou Feijóo.
Formada inicialmente polos irmáns Yosi, Charly e Javier Domínguez nos anos oitenta, comezaron os seus primeiros acordes no rock máis urbano. Posteriormente, o son comezou a verse paulatinamente máis influenciado do heavy metal.
Tendo actuado xunto a grupos como Los Ramones ou The Rolling Stones, asentáronse como unha das bandas máis consolidadas da escena do rock español chegando a vender máis de dous millóns de discos.
Segundo dixo, “as súas letras e o seu estilo inconfundible teñen feito de Los Suaves un grupo mítico en Galicia e en España”, e por iso, pechan os galardoados coas Medallas de Ouro de Galicia deste ano.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/ZEE-XSNnKR8″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]