Feijóo avanza a inxección de preto de 15M€ para a investigación universitaria

Santiago, 14 de xullo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe unha inxección de preto de 15 millóns de euros para impulsar a investigación universitaria máis excelente e competitiva en Galicia. Trátase de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, así como para outras accións investigadoras nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.
 
Como indicou, trátase de axudas convocadas conxuntamente polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola de Economía, Emprego e Industria dirixidas a grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes de investigación e proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.
 
O obxectivo é dobre: asegurar que tanto os grupos como as redes de investigación conten cun financiamento estrutural e continuado vinculado a criterios de calidade e, paralelamente, atender as diferentes realidades de investigadores individuais que xa contan cunha traxectoria excelente que agora teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto no ámbito nacional e internacional.
 

Segundo o presidente, trátase de asegurar un financiamento axeitado e sostido no tempo para que os investigadores e os grupos e redes continúen traballando e afianzando a súa posición de liderado. A convocatoria vai dirixida ás tres universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC e do IEO radicados en Galicia.

Hoxe en día están a traballar na Comunidade arredor de 300 grupos de investigación con financiamento estrutural estable e outros 80 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento público por parte do Goberno galego. En termos de persoal, Feijóo indicou que preto de 2.500 científicos investigan en Galicia grazas ás axudas da Xunta: 830 investigadores universitarios, 1.000 investigadores de apoio contratados con cargo a proxectos de investigación, 350 investigadores predoutorais e posdoutorais financiados con contratos de investigación e outros 300 investigadores que, segundo se comprometeu, retornarán a Galicia a través do Programa Principia.

 
Catro modalidades de axudas
O presidente estruturou en catro grupos as modalidades de axudas desta liña. En primeiro lugar, destacou as dos grupos de referencia competitiva, que se caracterizan polos bos índices de publicacións científicas, por un elevado nivel de captación de recursos competitivos e pola súa capacidade para formar e atraer investigadores mozos. Estas axudas teñen unha duración máxima de catro anos e o importe das mesmas vén determinado por unha contía estrutural e outra variable, que deberá contar con, polo menos, cinco investigadores.
 
A segunda liña de axudas vai destinada aos grupos con potencia de crecemento, que teñen unha importante calidade investigadora que os pode conducir a converterse en grupos de referencia. O obxectivo é garantir o afianzamento desta evolución a través dun período de axuda de tres anualidades.
 
A terceira modalidade son as redes de investigación. Neste senso, Feijóo precisou que os grupos de investigación poden aumentar a súas oportunidades mediante a súa integración en estruturas tipo rede. Nesta modalidade, as axudas van encamiñas a impulsar un plan de actuacións en rede e consistirán nunha contía fixa anual de 30.000 euros para os anos 2016 e 2018 e de 60.000 euros para o ano 2017.
 
A última modalidade é a dos proxectos de excelencia. Neste apartado regúlanse as axudas para proxectos de investigación de investigadores individuais que contan xa cunha traxectoria excelente. Contémplanse dous apartados: unha liña de reforzo de traxectoria consolidada e unha liña de reforzo de traxectorias emerxentes.
 
A través destas catro liñas de financiamento, a Xunta reforza a súa aposta polo coñecemento como piar básico da economía galega . “Sabemos que este é o principio para dar con ideas que permitan mellorar o sistema produtivo e o benestar social”, concluíu o presidente Feijóo.
 

Feijóo anuncia un novo investimento de 12M€ en préstamos para as pemes

Santiago, 14 de xullo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo investimento de 12 millóns de euros en préstamos para as pemes tras completar o programa Jeremie e constatar que se trata dunha fórmula financeira pioneira e útil.
 
Esta nova liña de axudas mobilizará máis de 20 millóns de euros en investimentos, e seguindo o exemplo dos préstamos Jeremie, terá uns vantaxosos tipos de xuro, cun interese máximo do 0,7% máis Euríbor.
 
Segundo lembrou o presidente, trátase dunha das medidas que se comprometeron no terceiro paquete do superávit de responsabilidade acadado por ter cumprido o déficit ao longo dos últimos anos. O obxectivo con esta nova iniciativa é aproveitar eses fondos adicionais para incentivar a economía e facilitar novos investimentos, especialmente das pequenas e medianas empresas.
 
 
O balance que deixan os préstamos Jeremie
 
Feijóo lembrou que os préstamos Jeremie permitiron, nos dous últimos anos, incorporar á economía 26,6 millóns de euros de investimento público para mobilizar 45 millóns de euros en 83 operacións, xerando ou mantendo 1.800 postos de traballo.
 
Estes préstamos centráronse no eido industrial, que concentra o 62% do importe concedido. O 18% do total vai destinado ao sector servizos, o 10% ao eido comercial e o 10% restante ao turismo.
 
Como precisou, o acento industrial será aínda maior na nova liña de préstamos. Non en van, neste ámbito é onde se constataron algúns dos proxectos máis relevantes, como o financiamento de proxectos industriais para a fabricación de envases e embalaxes, motores e turbinas, moldes e ferramentas, pezas de automoción, engranaxes, ou maquinaria agrícola; tamén se apoiaron investimentos en reparación ou mantemento naval, depuración de augas ou fabricación de fertilizantes; así como proxectos de hostalaría, ou de servizos de ocio ou servizos médicos e de atención a persoas maiores.
 
En definitiva, a Xunta contou cun programa para axudar ás pemes a facer novos investimentos e, por iso, como conta con fondos adicionais que pode investir, vai destinalos ás súas prioridades, e unha delas é seguir tentando incentivar a economía.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/oiB78-kUsqw” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo avanza a activación de axudas por 15M para a cualificación e inserción laboral

Santiago, 14 de xullo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, que a Xunta vai activar catro programas de apoios para impulsar a mellora da cualificación e a inserción laboral de case 3.700 persoas sen traballo. Con isto, búscase axudar a ampliar as súas oportunidades laborais e incentivar a súa contratación por parte das empresas. O investimento total destas liñas específicas está valorado en 15 millóns de euros.
 
A través destas actuacións, a Xunta dá un novo impulso á Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Esta planificación, segundo lembrou Feijóo, pretende a creación de 100.000 novos empregos e reducir a taxa de paro en Galicia ata unha cifra por debaixo dos dous díxitos. De feito, grazas a ela, xa se activaron nos primeiros seis meses do ano axudas en emprego por valor de arredor de 150 millóns de euros.
 
 
As catro liñas de axudas
 
Segundo detallou o presidente, a primeira liña de axudas, o programa Aprol Rural, destinará 6,9 millóns a entidades locais emprazadas no rural cuxa poboación sexa igual ou inferior aos 10.000 habitantes co fin de contratar a tempo completo traballadores para realizar obras ou servizos de interese xeral e social. En total, beneficiaranse 900 persoas desempregadas e un total de 250 municipios.
 
O segundo programa de apoios vai dirixido a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de 20 lanzadeiras de emprego, baseadas en desenvolver plans integrais que combinen accións de diversa natureza, como orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais e mobilidade xeográfica. Estas lanzadeiras, nas que se investirán 4 millóns de euros, un 40% máis que en 2015, poderán a beneficiar a 1.200 desempregados durante 12 meses. O obxectivo é que polo menos un 25% dos participantes acaden un emprego.
 
Estas 20 lanzadeiras sumaranse ás 28 que activarán os concellos a través das axudas do Goberno galego. As lanzadeiras, tanto as dirixidas a concellos como a entidades sen ánimo de lucro, están enfocadas a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos veciños desempregados.
 
En terceiro lugar, destinaranse preto de 3 millóns de euros ás Unidades Formativas en Empresas coas que a Xunta financiará o 100% da formación nas empresas que se comprometan á contratación. Preténdese beneficiar a 900 persoas sen emprego a través da posta en marcha de 60 unidades formativas. Estes apoios están dirixidos a empresas ou grupos de firmas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que empreguen a 50 ou máis persoas traballadoras. As empresas deberán comprometerse a un mínimo de contratación do 60% do alumnado que se forme nas súas compañías por un período mínimo inicial de 6 meses.
 
Ademais, ao abeiro deste programa, apoiaranse as contratacións indefinidas iniciais e temporais con axudas de ata 9.000 euros para aquelas firmas que superen o compromiso de contratación do 60% das persoas formadas nestas Unidades Formativas das Empresas.
 
Por último, o presidente anunciou incentivos á contratación de traballadores con maiores dificultades de inserción laboral. Así, a través de axudas de entre 1.200 ata 10.000 euros, segundo a modalidade do programa, buscarase incentivar a creación de emprego entre estas persoas e incrementar a súa estabilidade laboral.
 
Do mesmo xeito, inclúense apoios á contratación para persoas maiores de 30 anos, que esgotasen as prestacións por desemprego ou para as que se atopen en risco de exclusión social, entre outros colectivos. En total, investiranse 1,5 millóns de euros.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/zC1bc_1IcwU” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo anuncia os galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia

Santiago, 14 de xullo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia son Manuel Gallego Jorreto, Francisco Leiro Lois, Basilio Losada Castro e o grupo Los Suaves. Así o acordou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá, que aprobou o decreto polo que se concede esta distinción.

A Medalla de Ouro de Galicia, que lles será entregada aos premiados nun acto solemne que se celebrará o vindeiro 24 de xullo é, segundo Feijóo, “o máximo recoñecemento que Galicia lle fai a exemplos a seguir”. “Un agradecemento en forma de medalla a aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra a nosa terra e fai unha mellor Galicia”, dixo.

Manuel Gallego Jorreto
Galego do Carballiño, licenciado e doutor en Arquitectura, ten un ampla traxectoria e un gran recoñecemento na súa disciplina.

Comezou a traballar no estudio de Alejandro de la Sota, logo de completar a súa formación en Noruega. Tamén exerceu como profesor no Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismos da Universidade da Coruña durante máis de 20 anos.

Aínda que traballou en vivendas privadas, os edificios máis recoñecidos están dentro das obras promovidas polas administracións públicas: o Concello de Forcarei, o Mercado de Santa Lucía (A Coruña), a Casa da Cultura de Chantada, o Centro de Saúde de Viveiro, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Complexo da Xunta en Monte Pío.

Feijóo tamén salientou a súa actividade para promocionar a nosa cultura, posto que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego en 1976, así como membro do Seminario de Estudios Galegos e da Fundación Luis Seoane.

Gallego Jorreto ten numerosos recoñecementos, entre os que destaca o Premio Nacional de Arquitectura, a Medalla Castelao ou a Medalla de Ouro de Arquitectura.

Francisco Leiro Lois
Galego de Cambados, comezou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Santiago, completándoa na de Belas Artes de Madrid.

En palabras do presidente, “hoxe é unha das principais referencias da escultura galega” e conta cunha prolífica obra nesa disciplina e tamén como pintor.

Representou a España en 1985 na Bienal de São Paulo, e desde 1986 expuxo regularmente en ARCO (Madrid), en Italia e Francia ou tamén en Nova York, nalgunhas das galerías máis prestixiosas da arte contemporánea.

Moitas das súas obras son iconas recoñecidas dalgunhas cidades galegas e españolas, como: a figura dun animal fantástico coñecido como Sireno, na Porta do Sol de Vigo, a Homenaxe a Castelao, na Alameda de Santiago de Compostela, a Batea ou “Saavedra” sobre o río Lérez no Parque da Illa das Esculturas de Pontevedra, o Astronauta, Valdemoro (Madrid), Vértigo, na autovía M50 de Madrid e Simeón sentado, Madrid (2007).

Feijóo lembrou que Leiro “converteu as súas xigantescas esculturas en ferro e madeira nunha das iconas máis recoñecibles da arte galega en todo o mundo”.

Basilio Losada Castro
Galego de Láncara, é catedrático de Filoloxía Románica pola Universidade de Barcelona e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa.

Emigrante en Cataluña desde moi novo, despois de diversos oficios vinculados ao mundo editorial, comezou a exercer a ensinanza universitaria, onde se converteu nos anos 60 e 70 en referencia da cultura galega en Cataluña, indicou o presidente.

É autor de numerosos estudos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, e ten traducido 150 libros en sete linguas.

A dimensión literaria da súa obra destaca nos seus traballos de Antoloxía e Escolma de poesía galega, publicados en edicións bilingües fóra de Galicia e que constitúen valiosas referencias da poesía galega.

En 1991 recibiu o Premio Nacional de tradución por Memorial do convento, de José Saramago. Recibiu ademais la Creu de Sant Jordi, da Generalitat de Cataluña; la Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués; la Ordem do Cruzeiro do Sul, de Brasil; a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo.

Xubilouse como catedrático no ano 2000, aínda que segue a impartir clases e tamén escribindo: aos setenta anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela La peregrina.

No ano 2015 a Real Academia Galega acorda nomealo Académico de Honra.

Los Suaves
Galegos de Ourense, Los Suaves conforman “unha das bandas con maior soleira do panorama musical da nosa terra”, destacou Feijóo.

Formada inicialmente polos irmáns Yosi, Charly e Javier Domínguez nos anos oitenta, comezaron os seus primeiros acordes no rock máis urbano. Posteriormente, o son comezou a verse paulatinamente máis influenciado do heavy metal.

Tendo actuado xunto a grupos como Los Ramones ou The Rolling Stones, asentáronse como unha das bandas máis consolidadas da escena do rock español chegando a vender máis de dous millóns de discos.

Segundo dixo, “as súas letras e o seu estilo inconfundible teñen feito de Los Suaves un grupo mítico en Galicia e en España”, e por iso, pechan os galardoados coas Medallas de Ouro de Galicia deste ano.

[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/ZEE-XSNnKR8″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo detivo onte o seu ‘Faladoiro’ nos concellos de Negreira e Teo

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2016.- O presidente dos populares galegos e candidato do partido ás eleccións autonómicas de outono, Alberto Núñez Feijóo, mantivo onte encontros coa veciñanza dos concellos de Negreira e Teo.

Estes encontros forman parte da xira ‘A Galicia que ti queres’ deseñada polo Partido Popular de Galicia para fomentar o contacto directo do candidato coas galegas e os galegos e para recibir as súas propostas e achegas de cara á elaboración do vindeiro programa electoral. Así, Feijóo visitará concellos de toda Galicia acompañado dun banco ou ‘faladoiro’ no que sentarse a conversar coa veciñanza para escoitar as súas inquedanzas e dunha urna no que estas persoas poidan depositar, do seu puño e letra, as súas propostas de actuacións para o goberno.

No seu paseo por Negreira, o presidente Feijóo aproveitou para escoitar as impresións dos veciños máis novos da vila mentres que no Concello de Teo deu un paseo pola travesía de Cacheiras durante o que non perdeu a oportunidade de visitar o restaurante da familia do finado alcalde Armando Blanco.

Nesta fin de semana, o candidato do PPdeG continuará esta xira con visitas a concellos das provincias de Pontevedra e Coruña, mentres que a semana que vén estará en Ourense e Lugo.