Puy sitúa a consolidación do crecemento económico que estamos a vivir como o gran reto no comezo do novo período de sesións

Santiago,  28 de agosto de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, situóu hoxe a consolidación do crecemento económico que estamos a vivir como o gran reto no comezo do novo período de sesións. “Abordamos con tranquilidade o novo período pola estabilidade política e pola boa evolución da economía galega que entendemos que ten que ver coa boa xestión do Goberno do PP” afirmou o portavoz popular.

Continue reading

Feijóo di que grazas á “política á galega” Galicia e España “melloran día a día” e “estamos crecendo”

Cerdedo-Cotobade, 27 de agosto de 2017.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, puxo de relevo que grazas á “política á galega” practicada en Galicia e en España ambas “melloran cada día” e, ademais, “estamos crecendo”.

Durante o xa tradicional acto de arranque do curso político que dende hai máis de 10 anos o Partido Popular celebra cada ano en Galicia, Feijóo apuntou que debido ao “esforzo, talento e ambición” de galegos e españois superamos a desesperanza e “estamos crecendo” dende 2015 por enriba do 3 por cento, temos o paro por debaixo do nivel de 2008 e batemos as mellores marcas históricas de turismo.

O feito de que tanto galegos como españois teñan escollido ao Partido Popular maioritariamente débese, para Feijóo, a que “desexan que acompañemos este crecemento”. Por iso aseverou ante Mariano Rajoy que “creceremos xuntos” facilitando a inversión e axudando aos emprendedores, reducindo trámites innecesarios, impulsando infraestruturas imprescindibles como o AVE e poñendo á Adminstración ao carón dos cidadáns, non fronte a eles.

Segundo apuntou o presidente dos populares galegos, cada vez coñécese máis o noso “patrimonio cultural á galega”, a nosa “natureza á galega”ou a “gastronomía á galega”. Agora, ademais, coñécese tamén a “política á galega” que significa traballar máis do que se fala, pensar menos nos votos ca en crear emprego a longo prazo e ser leal cara ao resto dos españois.

Esta “política á galega” levou tanto a Galicia como a España –con Mariano Rajoy aos mandos- cara a saída da crise, algo que sinalou que “é xusto recoñecer”. “Din que os galegos somos indecisos, pero se hai un lugar en España onde o pobo sabe o que quere, ese é Galicia”, salientou.

GALICIA CON BARCELONA
No discurso de Feijóo non faltou unha sentida referencia aos recentes atentados de Barcelona e Cambrils. “Hoxe o meu corazón, o corazón do presidente, o corazón de todo este partido, o corazón de toda Galicia está e segue estando en Barcelona”, dixo, cidade que sufriu o que “nunca debeu suceder e non pode volver suceder”. Así, alzou a voz para esixir aos que empregan as armas para defender as súas ideas “que nos deixen vivir en paz”.

Ante esta situación para Feijóo non caben nin as equidistancias nin a ambigüidade, nin o relativismo nin a xustificación. “Aquí hai malos e bos”, ao que engadiu que hai “os que matan e os que queremos vivir en paz”.

Por iso afirmou que por enriba de partidos e ideoloxías “a política ten que estar á altura, unidos, para defender o noso modo de vida e a vida dos cidadáns”, mentres denunciou que “o que non é aceptable é que haxa políticos que queiran dividir aos seus cidadáns”. “Eu estou ao carón da alcaldesa de Podemos, do president independentista e do Presidente do Goberno de España”, engadiu, e rematou dicindo que “rompéronnos a alma pero non van romper nunca o que somos”.

GRAZAS AOS GALEGOS
Nunha carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade) ateigada de simpatizantes e afiliados populares, exactamente un ano despois de comparecer no mesmo lugar como candidato á reelección á Presidencia da Xunta, o líder do PPdeG elevou “un inmenso grazas” aos galegos “por outorgarme a honra de ser quen lles represente”.

Facendo balance dos últimos doce meses, Feijóo afirmou traballar cada día por “transformar en feitos” ese ‘grazas’ e cumprir dese xeito coa súa palabra. Así, apuntou que o PPdeG cumpriu en converter a Galicia en referente de estabilidade e responsabilidade, en afastar o “bloqueo e a parálise política” da nosa terra e en evitar “multipartitos inestables”.

Do mesmo xeito, e xa mirando cara adiante, asumiu como reto do partido para o novo curso político “reforzar os alicerces do progreso económico” e “que a recuperación se traduza en máis benestar para todos”, algo que para el so pode acadarse cunha política “útil” baseada en “feitos, solucións, diálogo e rigor”.

Por último, lembrou que o Partido Popular é “o partido que fronte ao non ao diálogo, o non ao crecemento, o non ao turismo, o non a facer e o non a todo contrapón un rotundo si”. Por isto concluíu afirmando que “en España si. En Galicia si”.