Alfonso Rueda comprométese a defender o dereito de galegas e galegos “a vivir tranquilos lonxe das imposicións”

Hoxe, nun mitin en Lalín ao que asistiron 2.000 persoas e no que tamén participou o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo

Alfonso Rueda comprométese a defender o dereito de galegas e galegos “a vivir tranquilos lonxe das imposicións”

  • Contrapón o retroceso que supón o nacionalismo co avance que propón o PPdeG: “Quero que Galicia siga funcionando e que todo o que temos por diante sexamos capaces de facelo xuntos”
  • Fronte aos que non teñen nada máis que ofrecer que a ruptura con España e as imposicións lingüísticas, o presidente defende o inconformismo do seu partido: “Temos a imaxinación, as ganas e a valentía para ofrecer cousas novas para que Galicia sexa cada día mellor”

9 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda asegurou hoxe que o nacionalismo é sinónimo de retroceso para Galicia e que a única forma de seguir avanzando é facelo xuntos e desde a unidade, apelando á oportunidade que se presenta o 18 de febreiro para “librarnos das matracas da nacionalismo votando unha maioría do PPdeG”.

Sostivo neste sentido que esta campaña electoral está evidenciando que por unha banda están os que “non teñen nada que ofrecer a Galicia e dedican o seu día a día á descualificación” e, por outra, o PPdeG. “Nós si temos un programa e por iso empregamos cada día para facer propostas para todos: os mozos, as familias, os que están fora e queremos que volvan e a xente do agro e do mar”, engadiu.

Fronte a esta actitude propositiva dos populares galegos, Rueda afirma que o que hai en fronte é “a mesma matraca de sempre”. Unha visión negativa de Galicia e que nada mudou nestes anos: “Tiveron tempo para pensar cousas novas, pero seguen coas súas mesmas pretensións: a independencia, a ruptura con España e coa Constitución, e a imposición de falar só na lingua na que eles queren falar”.

“Nós temos a imaxinación, as ganas e a valentía para ofrecer as cousas novas. Porque somos inconformistas e queremos que as cousas sexan cada día mellor. Pero, sobre todo, porque sabemos o que é gobernar e por iso podemos seguir facendo propostas”, contrapuxo.

Alfonso Rueda reivindicou que o seu obxectivo “non vai ser impoñer unha ideoloxía aos demais, nin pretender que a algúns lle vaia ben a costa de que lle vaia mal a Galicia”, senón “seguir traballando polos galegos e as galegas”. De aí o seu compromiso de continuar defendendo “o dereito de Galicia a vivir tranquila lonxe das imposicións” para que “sigamos sendo unha terra tranquila e amable afastada dos problemas que nos queren traer”.

Apostou así por unha Galicia que “se supere a si mesma” e continúe o camiño de avance experimentado nestes anos no que se refire ao apoio ás familias, a aposta pola educación pública, a potenciación da excelencia entre a mocidade, a defensa do medio rural e o continuo incremento do investimento na sanidade pública.

“Eu non quero que Galicia se atasque en follóns. Quero que Galicia funcione con sentidiño e que todo o que temos por diante sexamos capaces de facelo xuntos”, concluíu animando aos seus a seguir traballando con convencemento para que o día seguinte das eleccións poidan “seguir traballando por Galicia durante catro anos coa maioría necesaria para poder facelo” e pedíndolles a todos a súa confianza asegurando que el, a cambio, fará “todo o posible por responder a ela”.

Alfonso Rueda comprométese a facer gratuítos os primeiros gastos veterinarios para as persoas que adopten e a poñer en marcha un centro autonómico de acollida de mascotas

Hoxe, en declaracións aos medios tras visitar unha clínica veterinaria en Ponteareas

Alfonso Rueda comprométese a facer gratuítos os primeiros gastos veterinarios para as persoas que adopten e a poñer en marcha un centro autonómico de acollida de mascotas

  • O programa electoral do PPdeG inclúe ademais a proposta de crear parques caninos en concellos de máis de 20.000 habitantes, que se sumarían aos xa anunciados nas sete cidades galegas
  • “Queremos seguir traballando para estender entre os galegos o bo hábito de ter unha mascota e, ao mesmo tempo, apoiar e aprender a todos os profesionais que garanten o benestar destes animais”, asegura o presidente poñendo en valor que Galicia foi a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Benestar Animal

9 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, amosou hoxe o seu compromiso de facilitar a adopción de animais ofrecendo gratis as primeiras vacinas e a implantación do microchip e mediante a posta en marcha dun centro autonómico de acollida de animais.

Así mesmo, ao igual que no seu día o líder dos populares galegos anunciara a creación de parques caninos nas sete cidades, o programa electoral do PPdeG inclúe ademais a proposta de ampliar o seu número e estendelos tamén aos concellos de máis de 20.000 habitantes.

“Os galegos queren ter animais e queren coidalos e atendelos nas mellores condicións”, afirmou Rueda destacando que a día de hoxe un de cada tres galegos ten dada de alta unha mascota e apostando por unha Administración que sexa partícipe desta realidade e ofreza facilidades en materia regulatoria.

Salientou neste sentido que Galicia foi a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Benestar Animal que se compromete a desenvolver para “darlle seguridade de todo tipo a quen ten un mascota e tamén a todos os profesionais no ámbito da medicina veterinaria e do comercio de produtos de coidado e alimentación”.

“Queremos seguir traballando para estender entre os galegos o bo hábito de ter unha mascota e, ao mesmo tempo, apoiar e aprender a todos os profesionais que garanten o benestar destes animais”, subliñou durante a visita realizada á Clínica Veterinaria Canis de Ponteareas acompañado pola alcaldesa Nava Castro, a candidata pola provincia de Pontevedra Raquel Plana, a tamén candidata pola Coruña Ánxeles Vázquez e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

– FOTOS E DECLARACIÓNS COMPLETAS EN VÍDEO E AUDIO DISPOÑIBLES PARA A SÚA DESCARGA NA CARPETA PRENSA PPdeG