O PPdeG esixe ao Goberno central no Parlamento a renovación inmediata da N-550 e a N-634 na provincia da Coruña polo seu estado “crítico e perigoso”

O PPdeG presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar ao Goberno de España a acometer a renovación integral e inmediata do firme das estradas nacionais N‑550 e N‑634, na provincia da Coruña, vías que presentan un estado “crítico e perigoso” tras anos de abandono e parcheos temporais.

A presentación tivo lugar nun encontro cos medios antes dun percorrido pola vila no que participaron os deputados Carmen Pomar Tojo e Rubén Lorenzo Gómez, acompañados polo alcalde de Ordes, José Martínez Sanjurjo, e por veciños afectados, que levan anos reclamando unha solución definitiva sen recibir resposta efectiva por parte do Executivo central.

O deterioro destas estradas, fundamentais para a mobilidade interna e o transporte pesado, é especialmente grave en treitos como a N‑550 ao seu paso por Ordes, Oroso e Padrón, e a N‑634 entre Curtis e Teixeiro, onde os vehículos se ven obrigados a invadir o arcén ou mesmo o carril contrario, segundo puxeron de manifesto os representantes do PPdeG.

Os deputados populares destacaron que esta situación non só compromete o confort, senón tamén a seguridade viaria, con accidentes graves rexistrados nos últimos anos.

PETICIÓN DE RENOVACIÓN INTEGRAL E URXENTE

A iniciativa presentada polo PPdeG reclama a renovación integral e urxente do firme nos treitos máis deteriorados da N‑550 e N‑634, acompañada dun plan plurianual de investimentos que garanta un mantemento estable e continuo das estradas.

Tamén se solicita a mellora da sinalización, iluminación e medidas de seguridade nos puntos de maior risco, así como a comunicación periódica aos concellos e á Xunta sobre o estado das obras e os prazos de execución.

Ademais, o PPdeG pide que estas actuacións se inclúan como prioridade nos próximos orzamentos xerais do Estado, asegurando que as obras se realicen de forma inmediata e efectiva para protexer a seguridade e a mobilidade de veciños, empresas e transporte pesado na provincia da Coruña.

O alcalde de Ordes e os veciños presentes cualificaron a situación de “insostible”, afectando á seguridade, á actividade económica, ao transporte de mercancías e á mobilidade diaria. “Non pedimos nada extraordinario: pedimos o que calquera cidadán merece, estradas seguras e en bo estado”, concluíron os representantes populares.

ESTADO DAS VÍAS: IMPROPIO DO SÉCULO XXI

Tanto concellos como usuarios levan anos solicitando actuacións integrais, pero o Goberno central limitouse a parcheos temporais de curta duración, que se degradan rapidamente, sobre todo tras choivas intensas. “Non é aceptable que dúas das principais vías de comunicación da provincia estean nun estado impropio do século XXI. A cidadanía merece estradas seguras e ben mantidas, non remendos que duran unha semana”, subliñaron Pomar e Lorenzo.

O PPdeG esixe desde Tui ao Goberno de Sánchez a aplicación do IVE franquiciado que xa existe en Portugal

Os deputados autonómicos do PPdeG Julio García Comesaña, Moisés Rodríguez Pérez, Manuel Santos Costa, Noelia Pérez Pérez, Felisa Rodríguez Carrera e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López, participaron este sábado no Parador de Tui nun encontro institucional hispano-luso organizado por APE Galicia (Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia) e a Asociación Empresarial Portuguesa (AEP) co obxectivo de analizar a situación e as perspectivas do réxime de IVE franquiciado no espazo Galicia–Portugal.

Durante a reunión, os deputados populares resaltaron que desde o PPdeG seguirán impulsando iniciativas que descarguen presión fiscal e administrativa sobre os autónomos, convencidos de que aliviar custos e simplificar obrigas é clave para fortalecer o tecido produtivo da Eurorrexión e protexer o futuro do pequeno comercio e do emprendemento.

Deste xeito, os populares galegos esixiran ao Goberno de Sánchez, que rexeitou a medida, este IVE franquiciado polas vantaxes que suporía para os autónomos.

RÉXIME CLAVE PARA A COMPETITIVIDADE DOS PEQUENOS NEGOCIOS

Durante o encontro analizáronse as diferenzas normativas existentes entre España e Portugal en materia de IVE franquiciado e avaliouse o seu impacto directo na competitividade de autónomos e microempresas, especialmente nas zonas transfronteirizas.

Os participantes puxeron en común propostas para o seu traslado aos ámbitos autonómico, estatal e europeo, co fin de acelerar a transposición da Directiva europea 2020/285 ao ordenamento xurídico español.

Desde o PPdeG defendeuse que España non pode permanecer á marxe dunha simplificación fiscal impulsada pola Unión Europea e deseñada para reducir cargas administrativas aos micro-negocios.

O deputado popular Julio García Comesaña indicou que o réxime de IVE franquiciado, xa aplicado noutros estados membros, permite eximir da liquidación periódica do imposto aos autónomos con baixo volume de facturación, reducindo custos fixos asociados á xestoría, erros administrativos e tempo de dedicación burocrática.

Este modelo xa existe en Portugal, que foi o que motivou a reunión, a que se comprometeran os deputados populares nunha visita á Asociación de autónomos galegos en Pontevedra, para escoitar de primeira man as vantaxes desta medida e a súa repercusión.

SIMPLIFICACIÓN REAL FRONTE AO AUMENTO DE CARGAS

Os deputados populares subliñaron que o IVE franquiciado non resolve problemas estruturais como o encarecemento dos alugueiros ou o impacto das plataformas dixitais, pero si elimina fricción administrativa e reduce o “medo regulatorio” que afecta especialmente a quen inicia ou mantén pequenos negocios.

Nun contexto de peches e perda de actividade no pequeno comercio, destacaron que calquera redución da carga burocrática constitúe unha política efectiva de prevención do peche empresarial.

O Grupo Popular reafirmou así o seu compromiso cos autónomos e emprendedores galegos, defendendo a necesidade de que o Goberno central proceda á transposición inmediata da Directiva europea para garantir igualdade de condicións competitivas con Portugal e co resto de Estados membros.

A xornada contou coa presenza, ademais dos representantes de organizacións de autónomos galegos e portugueses, con responsables institucionais vinculados ao ámbito económico e empresarial, que coincidiron na necesidade de avanzar cara a unha maior harmonización normativa que favoreza a competitividade dos pequenos negocios.