O PPdeG reivindica o compromiso da Xunta e da Deputación de Ourense en materia de vivenda, como “prioridade social, económica e demográfica”

O PPdeG esixe que a vivenda sexa considerada como “unha prioridade social, económica e demográfica”, reivindicando neste sentido o compromiso e o traballo que realizan neste ámbito os gobernos populares na Xunta de  Galicia e na Deputación de Ourense, fronte ao “caos habitacional” xerado polo Goberno de Sánchez coa Lei estatal de Vivenda.

Así o manifestaron a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o presidente provincial do PP, Luis Menor, acompañados polo coordinador da Xunta Xestora do PP local e deputado autonómico, Víctor Baladrón, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Verín, con máis dun cento de asistentes, para tratar o grave problema do acceso á vivenda.

Prado sinalou que hai unha semana, na celebración do segundo aniversario das eleccións autonómicas, o presidente Alfonso Rueda volveu lembrar un dos compromisos da campaña e gran obxectivo desta lexislatura: duplicar o número de vivendas públicas, pasando de 4.000 a 8.000 en toda Galicia.

“É unha meta que require moita xestión, axilidade e compromiso, pero estou segura de que a Xunta vai conseguilo e, de feito, xa vai polo bo camiño: 3.000 vivendas xa están en marcha e as outras 1.000 o estarán este ano”, subliñou.

De feito, o Goberno galego xa foi máis alá e anunciou que en 2030 as vivendas públicas chegarán a 10.000, cun investimento de 2.000 millóns de euros, tal e como se recolle no II Pacto pola Vivenda, “blindando así o dereito a un fogar”.

“A Galicia que Goberna é tamén isto: construción, rehabilitación e xestión de solo residencial en colaboración cos concellos”, engadiu a número dous do PPdeG, que puxo este modelo en contraposición co do Goberno de Sánchez, que “carece de políticas de vivenda ou, no mellor dos casos, son erradas, como esa Lei estatal que protexe aos okupas fronte aos propietarios”.

LUIS MENOR: “TEMOS O DIAGNÓSTICO, A VONTADE E O MODELO PARA GARANTIR O ACCESO A UN FOGAR DIGNO”

Na súa intervención, Luis Menor subliñou a importancia destes encontros para “falar de realidades e para propoñer solucións desde a política útil” que practica o Partido Popular. Desta volta cunha parada obrigada en Verín por se tratar do terceiro municipio da provincia con maior número de vivendas baleiras: 4.076.

Neste ámbito local, os populares urxen a aprobación definitiva do Plan Xeral, lamentando que o municipio siga rexido por unhas normas do ano 1986. Para o PP, é “unha laxa” pretender construír o futuro de 2026 con regras de hai catro décadas.

O presidente provincial avogou por evitar que o caos do Goberno de Sánchez se impoña ao sentido común. Calquera persoa, enfatizou, debe comprender que “unha vivenda baleira é unha oportunidade perdida, un mozo que non se independiza, unha familia que non se asenta e un pobo que non crece”.

Fronte ao “ruído e intervencionismo” do Goberno central, puxo tamén en valor o compromiso da Deputación de Ourense, que practicamente triplicará o seu orzamento para o Plan de Vivenda ata alcanzar os 1,2 millóns de euros.

“Temos o diagnóstico, a vontade e, sobre todo, o modelo para garantir o acceso a un fogar digno”, defendeu Luis Menor, quen pediu seguir “traballando para que Verín e toda a provincia de Ourense sexan o lugar onde todos os nosos veciños poidan desenvolver o seu proxecto de vida”.

PLANEAMENTOS, INSEGURIDADE XURÍDICA E AXUDAS

Benito Iglesias, coordinador da Área de Vivenda e Urbanismo do PPdeOU, abriu o encontro lembrando que os populares esixen a derrogación da Lei estatal de Vivenda, que desde a súa aprobación en 2023 deixou o mercado de alugueiro en mínimos históricos e con prezos máximos. Tamén abordou os planeamentos urbanísticos —no caso de Verín pendente de aprobación definitiva— como plans que non tratan de vivenda, senón que representan “a viabilidade económica, social o demográfica de calquera municipio”.

A concelleira do Grupo Popular no Concello de Ourense Sonia Ogando foi a encargada de abordar os principais aspectos que xeran inseguridade xurídica entre os donos de vivendas, provocando a aguda escaseza de oferta, ademais de explicar as diferenzas entre pequenos e grandes propietarios, ‘inquiokupas’, okupas ou familias vulnerables.

Entre tanto, Pilar Fernández, responsable territorial en Ourense do Goberno galego en materia de vivenda, explicou e detallou as principais liñas de axuda impulsadas pola Xunta para facilitar á cidadanía un fogar digno, accesible e adaptado ás súas necesidades. Medidas “planificadas con rigor”, dixo, como o programa Fogar Vivo, as axudas á rehabilitación ou para adquisición de vivenda e avais entre a mocidade.

O PPdeG esixe ao Goberno central no Parlamento a renovación inmediata da N-550 e a N-634 na provincia da Coruña polo seu estado “crítico e perigoso”

O PPdeG presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar ao Goberno de España a acometer a renovación integral e inmediata do firme das estradas nacionais N‑550 e N‑634, na provincia da Coruña, vías que presentan un estado “crítico e perigoso” tras anos de abandono e parcheos temporais.

A presentación tivo lugar nun encontro cos medios antes dun percorrido pola vila no que participaron os deputados Carmen Pomar Tojo e Rubén Lorenzo Gómez, acompañados polo alcalde de Ordes, José Martínez Sanjurjo, e por veciños afectados, que levan anos reclamando unha solución definitiva sen recibir resposta efectiva por parte do Executivo central.

O deterioro destas estradas, fundamentais para a mobilidade interna e o transporte pesado, é especialmente grave en treitos como a N‑550 ao seu paso por Ordes, Oroso e Padrón, e a N‑634 entre Curtis e Teixeiro, onde os vehículos se ven obrigados a invadir o arcén ou mesmo o carril contrario, segundo puxeron de manifesto os representantes do PPdeG.

Os deputados populares destacaron que esta situación non só compromete o confort, senón tamén a seguridade viaria, con accidentes graves rexistrados nos últimos anos.

PETICIÓN DE RENOVACIÓN INTEGRAL E URXENTE

A iniciativa presentada polo PPdeG reclama a renovación integral e urxente do firme nos treitos máis deteriorados da N‑550 e N‑634, acompañada dun plan plurianual de investimentos que garanta un mantemento estable e continuo das estradas.

Tamén se solicita a mellora da sinalización, iluminación e medidas de seguridade nos puntos de maior risco, así como a comunicación periódica aos concellos e á Xunta sobre o estado das obras e os prazos de execución.

Ademais, o PPdeG pide que estas actuacións se inclúan como prioridade nos próximos orzamentos xerais do Estado, asegurando que as obras se realicen de forma inmediata e efectiva para protexer a seguridade e a mobilidade de veciños, empresas e transporte pesado na provincia da Coruña.

O alcalde de Ordes e os veciños presentes cualificaron a situación de “insostible”, afectando á seguridade, á actividade económica, ao transporte de mercancías e á mobilidade diaria. “Non pedimos nada extraordinario: pedimos o que calquera cidadán merece, estradas seguras e en bo estado”, concluíron os representantes populares.

ESTADO DAS VÍAS: IMPROPIO DO SÉCULO XXI

Tanto concellos como usuarios levan anos solicitando actuacións integrais, pero o Goberno central limitouse a parcheos temporais de curta duración, que se degradan rapidamente, sobre todo tras choivas intensas. “Non é aceptable que dúas das principais vías de comunicación da provincia estean nun estado impropio do século XXI. A cidadanía merece estradas seguras e ben mantidas, non remendos que duran unha semana”, subliñaron Pomar e Lorenzo.

O PPdeG esixe desde Tui ao Goberno de Sánchez a aplicación do IVE franquiciado que xa existe en Portugal

Os deputados autonómicos do PPdeG Julio García Comesaña, Moisés Rodríguez Pérez, Manuel Santos Costa, Noelia Pérez Pérez, Felisa Rodríguez Carrera e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López, participaron este sábado no Parador de Tui nun encontro institucional hispano-luso organizado por APE Galicia (Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia) e a Asociación Empresarial Portuguesa (AEP) co obxectivo de analizar a situación e as perspectivas do réxime de IVE franquiciado no espazo Galicia–Portugal.

Durante a reunión, os deputados populares resaltaron que desde o PPdeG seguirán impulsando iniciativas que descarguen presión fiscal e administrativa sobre os autónomos, convencidos de que aliviar custos e simplificar obrigas é clave para fortalecer o tecido produtivo da Eurorrexión e protexer o futuro do pequeno comercio e do emprendemento.

Deste xeito, os populares galegos esixiran ao Goberno de Sánchez, que rexeitou a medida, este IVE franquiciado polas vantaxes que suporía para os autónomos.

RÉXIME CLAVE PARA A COMPETITIVIDADE DOS PEQUENOS NEGOCIOS

Durante o encontro analizáronse as diferenzas normativas existentes entre España e Portugal en materia de IVE franquiciado e avaliouse o seu impacto directo na competitividade de autónomos e microempresas, especialmente nas zonas transfronteirizas.

Os participantes puxeron en común propostas para o seu traslado aos ámbitos autonómico, estatal e europeo, co fin de acelerar a transposición da Directiva europea 2020/285 ao ordenamento xurídico español.

Desde o PPdeG defendeuse que España non pode permanecer á marxe dunha simplificación fiscal impulsada pola Unión Europea e deseñada para reducir cargas administrativas aos micro-negocios.

O deputado popular Julio García Comesaña indicou que o réxime de IVE franquiciado, xa aplicado noutros estados membros, permite eximir da liquidación periódica do imposto aos autónomos con baixo volume de facturación, reducindo custos fixos asociados á xestoría, erros administrativos e tempo de dedicación burocrática.

Este modelo xa existe en Portugal, que foi o que motivou a reunión, a que se comprometeran os deputados populares nunha visita á Asociación de autónomos galegos en Pontevedra, para escoitar de primeira man as vantaxes desta medida e a súa repercusión.

SIMPLIFICACIÓN REAL FRONTE AO AUMENTO DE CARGAS

Os deputados populares subliñaron que o IVE franquiciado non resolve problemas estruturais como o encarecemento dos alugueiros ou o impacto das plataformas dixitais, pero si elimina fricción administrativa e reduce o “medo regulatorio” que afecta especialmente a quen inicia ou mantén pequenos negocios.

Nun contexto de peches e perda de actividade no pequeno comercio, destacaron que calquera redución da carga burocrática constitúe unha política efectiva de prevención do peche empresarial.

O Grupo Popular reafirmou así o seu compromiso cos autónomos e emprendedores galegos, defendendo a necesidade de que o Goberno central proceda á transposición inmediata da Directiva europea para garantir igualdade de condicións competitivas con Portugal e co resto de Estados membros.

A xornada contou coa presenza, ademais dos representantes de organizacións de autónomos galegos e portugueses, con responsables institucionais vinculados ao ámbito económico e empresarial, que coincidiron na necesidade de avanzar cara a unha maior harmonización normativa que favoreza a competitividade dos pequenos negocios.