O PPdeG volve esixir o rescate e a liberación das peaxes da AP-9: “É hora de terminar con esta discriminación”

O portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, dixo, hoxe, que o Debate de política xeral cumpriu o obxectivo marcado, xa que, por unha banda, serviu para que o Goberno galego rendese contas do feito e, por outra, avanzar no “proxecto útil” que o presidente Rueda ten deseñado o progreso de Galicia.

Nesta liña, incidiu en que, durante a súa celebración, se evidenciaron dúas realidades “opostas”: a do catastrofismo absoluto dos grupos da oposición e a da Galicia que todos coñecemos, que é “a que se supera cada día e a que constrúe o futuro”.

Con respecto ao vindeiro pleno ordinario, indicou que as propostas presentadas –dúas proposicións non de lei e tres preguntas orais- van na liña de consolidar o feito nesta lexislatura, seguir mellorando a calidade de vida dos galegos e afondar nas prioridades que o Goberno galego se marcou para os vindeiros anos: “Avanzar nunha Galicia máis e mellor vertebrada, máis pulo para os nosos sectores produtivos, máis coidados para as persoas dependentes e máis facilitades de acceso á vivenda”.

É HORA DE TERMINAR CON ESTA DISCRIMINACIÓN
Informou de que o Grupo Popular volverá esixir ao Goberno central o rescate e a liberación das peaxes da AP-9: “É hora de terminar con esta discriminación”, apuntou Pazos, quen reclamou que se cumpra co acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Á vez, instou ao PSdeG que deixe clara a súa postura nesta cuestión, tras ter presentado unha emenda no Congreso dos Deputados, amosando a súa negativa á transferencia da titularidade e rachando, así, co acordo acadado en Galicia: “Aquí, moi reivindicativo sempre e, en Madrid, calado”.

Tal e como salientou o portavoz popular, ademais de quebrantar unha demanda da sociedade galega, a de garantir unha xestión eficaz da principal vía que vertebra a nosa Comunidade, demostra “o dobre discurso” do socialismo a nivel nacional e en Galicia.

Asemade, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei sobre o sector lácteo para pedir o cumprimento estrito da Lei da cadea alimentaria e que os prezos pagados cubran, como mínimos os custes de produción. Os populares avogan porque se intensifiquen as inspeccións sobre a trazabilidade e a etiquetaxe, co fin de evitar fraudes, así como tamén, se promovan medidas para evitar a competencia desleal.

Sobre esta iniciativa, Alberto Pazos avanzou que o Grupo Popular engadirá máis demandas, en liña coa proposta de resolución nº 40 do Debate de estado de autonomía: actualizar o paquete lácteo, establecer un sistema de cálculo dos custos de produción e poñer en macha unha prórroga automática dos contratos para evitar o desperdicio do leite.

O GOBERNO CENTRAL SEGUE A INCUMPRIR COA DEPENDENCIA
Por outra banda, o Grupo Popular preguntará pola contribución estatal á dependencia, tras coñecerse que o Executivo de Pedro Sánchez volveu reducir a achega. Segundo os datos de 2025, diminuíu a súa contribución ata o 32,9%; uns datos, engadiu, “moi afastados” do 50% que lle obriga a lei. Preguntará, tamén, polo II Pacto de Vivenda de Galicia, a través do cal a Xunta vai investir preto de 2.000M€ –máis do 82% son fondos propios da Comunidade- entre este ano e o 2030, e que exemplifica a actuación política do Goberno galego en materia de vivenda. E interesarase polas liñas de traballo que o Goberno galego está a desenvolver no sector do libro galego.

E, para rematar, avanzou a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, para dar conta dos avances nestes primeiros anos, tras o traspaso das competencias plenas do litoral.

O PPdeG urxe no Senado que o Goberno central presente un plan de viabilidade “sólido” para reactivar o Grupo Losán

O PPdeG reitera ao Goberno de Sánchez e aos seus socios que actúen de forma urxente para frear a crise do Grupo Losán, coa que están en xogo 2.000 postos de traballo -directos e indirectos- en Galicia, Castela e León e Castela A Mancha. Os populares presentan este xoves no Senado unha moción para instar ao Ministerio de Industria e á SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) que aprobe o plan de viabilidade xa presentado e coordinar unha solución integral antes da finalización do prazo de preconcurso de acredores, co fin de contar cun plan “sólido” para que non se incremente a incerteza. Do mesmo xeito, o PPdeG urxe ao Concello da Coruña e á alcaldesa socialista Inés Rey que “non se poña de perfil” ante esta situación.

Entre as iniciativas que representantes galegos do Partido Popular continúan presentando nas diferentes cámaras para esixirlle ao Executivo Central que actúe, o grupo popular lidera agora no Senado a citada proposta, coa que se solicita unha axuda á sustentabilidade do Grupo Losán por parte do Goberno de Sánchez, instándoo a que active os instrumentos de apoio necesarios -e previstos no marco legal- para empresas estratéxicas coma esta con sede en Curtis (con 800 postos de traballo afectados na zona) e con dimensión supraautonómica.

A senadora galega Rosa Gallego pon o foco no calendario como factor “determinante”, xa que de non aprobarse antes do 29 de abril o plan de viabilidade, incrementarase gravemente a incerteza sobre o futuro industrial do grupo e dos seus traballadores.

Rosa Gallego insiste na “dimensión” da empresa, así como do seu impacto económico que “excede claramente ao ámbito municipal e autonómico” e que corresponde ao Goberno de Sánchez tomar medidas.

“O esforzo institucional conxunto, realizado co obxectivo de preservar unha capacidade industrial considerada estratéxica, esixe agora responsabilidade institucional, seguimento e coordinación efectiva por parte das administracións”, subliña a senadora popular.

O grupo popular no Senado insistirá na necesidade dunha actuación “rápida, coordinada e efectiva” para garantir a continuidade da actividade industrial, protexer o emprego e asegurar que os recursos públicos destinados ao sostemento desta empresa estratéxica contribúan directamente á reactivación do grupo empresarial.

Pola súa banda, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, insiste na necesidade de que Sánchez e os seus socios independentistas recoñezan e atendan formalmente o acordo unánime adoptado polos concellos afectados en Galicia, en virtude da “lealdade e cooperación entre administracións”.

Ademais, os populares lembran que os concellos afectados fixeron unha “fronte común” para esixir que non peche a industria, mentres o Concello de A Coruña e a súa alcaldesa Inés Rey non se uniron as reivindicacións, polo que instan á rexedora a que “apoien aos traballadores e ás familias afectados por esta crise financeira e produtiva”.

MÁIS INICIATIVAS NO SENADO

Por outra banda, os senadores populares tamén rexistraron unha pregunta -aínda sen resposta- nas Cortes Xerais, para cuestionar especificamente o papel de Inés Rey nesta crise. Así a senadora Rosa Gallego pregunta no Senado se a alcaldesa da Coruña mantivo algunha reunión coa viabilidade do Grupo Losán co Goberno de España e, en caso afirmativo, que solucións se propuxeron por parte do Executivo.