O portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, dixo, hoxe, que o Debate de política xeral cumpriu o obxectivo marcado, xa que, por unha banda, serviu para que o Goberno galego rendese contas do feito e, por outra, avanzar no “proxecto útil” que o presidente Rueda ten deseñado o progreso de Galicia.
Nesta liña, incidiu en que, durante a súa celebración, se evidenciaron dúas realidades “opostas”: a do catastrofismo absoluto dos grupos da oposición e a da Galicia que todos coñecemos, que é “a que se supera cada día e a que constrúe o futuro”.
Con respecto ao vindeiro pleno ordinario, indicou que as propostas presentadas –dúas proposicións non de lei e tres preguntas orais- van na liña de consolidar o feito nesta lexislatura, seguir mellorando a calidade de vida dos galegos e afondar nas prioridades que o Goberno galego se marcou para os vindeiros anos: “Avanzar nunha Galicia máis e mellor vertebrada, máis pulo para os nosos sectores produtivos, máis coidados para as persoas dependentes e máis facilitades de acceso á vivenda”.
É HORA DE TERMINAR CON ESTA DISCRIMINACIÓN
Informou de que o Grupo Popular volverá esixir ao Goberno central o rescate e a liberación das peaxes da AP-9: “É hora de terminar con esta discriminación”, apuntou Pazos, quen reclamou que se cumpra co acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Á vez, instou ao PSdeG que deixe clara a súa postura nesta cuestión, tras ter presentado unha emenda no Congreso dos Deputados, amosando a súa negativa á transferencia da titularidade e rachando, así, co acordo acadado en Galicia: “Aquí, moi reivindicativo sempre e, en Madrid, calado”.
Tal e como salientou o portavoz popular, ademais de quebrantar unha demanda da sociedade galega, a de garantir unha xestión eficaz da principal vía que vertebra a nosa Comunidade, demostra “o dobre discurso” do socialismo a nivel nacional e en Galicia.
Asemade, o Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei sobre o sector lácteo para pedir o cumprimento estrito da Lei da cadea alimentaria e que os prezos pagados cubran, como mínimos os custes de produción. Os populares avogan porque se intensifiquen as inspeccións sobre a trazabilidade e a etiquetaxe, co fin de evitar fraudes, así como tamén, se promovan medidas para evitar a competencia desleal.
Sobre esta iniciativa, Alberto Pazos avanzou que o Grupo Popular engadirá máis demandas, en liña coa proposta de resolución nº 40 do Debate de estado de autonomía: actualizar o paquete lácteo, establecer un sistema de cálculo dos custos de produción e poñer en macha unha prórroga automática dos contratos para evitar o desperdicio do leite.
O GOBERNO CENTRAL SEGUE A INCUMPRIR COA DEPENDENCIA
Por outra banda, o Grupo Popular preguntará pola contribución estatal á dependencia, tras coñecerse que o Executivo de Pedro Sánchez volveu reducir a achega. Segundo os datos de 2025, diminuíu a súa contribución ata o 32,9%; uns datos, engadiu, “moi afastados” do 50% que lle obriga a lei. Preguntará, tamén, polo II Pacto de Vivenda de Galicia, a través do cal a Xunta vai investir preto de 2.000M€ –máis do 82% son fondos propios da Comunidade- entre este ano e o 2030, e que exemplifica a actuación política do Goberno galego en materia de vivenda. E interesarase polas liñas de traballo que o Goberno galego está a desenvolver no sector do libro galego.
E, para rematar, avanzou a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, para dar conta dos avances nestes primeiros anos, tras o traspaso das competencias plenas do litoral.

