Encarna Amigo, sobre o estatuto marco: “Mentres o Goberno central agrava o problema, a Xunta demostra ser eficaz á hora de garantir a asistencia sanitaria”

“Mentres o Goberno central agrava o problema, a Xunta demostra ser moito máis eficaz á hora de negociar e garantir a asistencia sanitaria”, apuntou, hoxe, a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Encarna Amigo, ao referirse á reforma do estatuto marco do persoal dos servizos de saúde.

Un estatuto marco, engadiu, que xa “está superado”, polo que incidiu na necesidade de reformalo e actualizalo. Neste punto, acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de “fallar” á hora de afrontar dita reforma, xa que, tal e como dixo, “non se pode lexislar de costas aos profesionais sanitarios”, sen escoitalos, sen negociar e sen recoller as súas demandas: “Iso non é reformar, é impoñer”. Así, avogou por un espazo propio para a negociación, no que se teñan en conta as condicións e as responsabilidades concretas do seu traballo.

Encarna Amigo lamentou a soberbia, a falta de diálogo e unha negativa sistemática a sentarse a negociar de verdade cos sindicatos médicos. Unha actitude, engadiu, que está a provocar graves consecuencias para os pacientes: “Levamos meses con paros e con folgas que están paralizando o Sistema Nacional de Saúde”. En Galicia, só entre decembro e abril, máis de 200.000 procesos asistenciais tiveron que ser cancelados, entre consultas, probas ou intervencións cirúrxicas.

Contrapuxo os dous xeitos diferentes de afrontar os conflitos: o do Goberno central, baseado na imposición e o desprezo aos médicos, e o da Xunta, que demostrou que con diálogo, responsabilidade e capacidade de negociación se poden acadar solucións. “Non merecemos sufrir as consecuencias dunha ministra incapaz de resolver un problema que ela mesma xerou e que dá a sensación de que está máis pendente doutras ambicións políticas que de atender a sanidade pública”, sinalou Encarna Amigo.

A través dunha proposición non de lei, a parlamentaria popular esixiu ao Goberno central que rectifique, que active de forma urxente un diálogo real cos sindicatos médicos e que adopte as medidas necesarias para acabar con esta situación insostible. Do mesmo xeito, considerou urxente establecer un marco de regulación específico, conforme á normativa europea, que inclúa unha mesa de negociación vinculante, no que se teñan en conta as condicións e responsabilidades concretas do seu traballo: “Porque non se pode tratar igual a quen ten responsabilidades distintas”.

Para rematar, lamentou que para o BNG, a sanidade sexa “unha pancarta”, por preferir utilizala como arma política, antes de afrontar o problema real. “Ao PSdeG xa non se lle pode pedir que goberne, pero, polo menos, non estorben”, salientou Encarna Amigo, referíndose á creación de problemas e de conflitos onde antes non os había.

Moisés Rodríguez di que, mentres o Executivo de Pedro Sánchez amosa o mínimo compromiso coas políticas de vivenda, o esforzo da Xunta crece

O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Moisés Rodríguez, dixo, hoxe, que, mentres o esforzo do Goberno galego crece, o Executivo de Pedro Sánchez amosa o mínimo compromiso coas políticas de vivenda. Neste senso, cómpre salientar que o investimento que a Xunta destina, este ano, a este ámbito ascende aos 350M€.

Tras referirse a unha entrevista da ministra de Vivenda, na que aseguraba ter entregado 100.000 vivendas das 180.000 prometidas por Pedro Sánchez, o parlamentario popular pediu detallada conta do número desas vivendas entregadas en Galicia nos últimos cinco anos, así como o importe de adxudicación e o lugar onde foron entregadas as chaves. “Sánchez é experto en encadear anuncios para xerar confusión”, advertiu Moisés Rodríguez, quen se amosou convencido de que o número real das vivendas entregadas pola Administración central en Galicia é de “cero”. Por iso, reclamou transparencia e coñecer a plataforma electrónica a través da cal poder seguir as licitacións.

“A vivenda non se resolve con propaganda, senón con xestión, planificación e cartos”, subliñou. Para o deputado popular, o Goberno central, lonxe de dar unha resposta eficaz ao problema de vivenda, “fai anuncios que son fume”. “En Galicia temos chaveiros e temos chave”, apuntou Moisés Rodríguez, quen contrapuxo a política de vivenda do Goberno galego co central: “Temos chaveiro, pero non chave nin casa”.

Durante a súa intervención, denunciou, tamén, o atraso na aprobación do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, polo que suporá que 2026 sexa un ano perdido, ao pórse en perigo a súa execución e que, Comunidades como Galicia, non poidan convocar as axudas neste primeiro semestre.

4.000 VIVENDAS EN MARCHA
Moisés Rodríguez puxo en valor a política “de feitos” do Goberno de Alfonso Rueda e salientou que, no que vai de lexislatura, xa ten moito avanzado do reto de incrementar en 4.000 vivendas o noso parque público e que, neste ano, se entregarán os primeiros fogares. E avanzou que, de cara a 2030, o obxectivo é acadar outras 2.000 máis.

E rematou sinalando que, en Galicia, máis do 71% do investimento destinado á construción de vivendas “estase a executar con fondos da Comunidade e con cero euros de fondos estatais”.

O PPdeG e Unións Agrarias acordan constituír unha Comisión de estudo no Parlamento para analizar a situación do sector lácteo galego

O PPdeG e o sindicato de Unións Agrarias acordaron, hoxe, a constitución dunha Comisión de estudo no Parlamento de Galicia para analizar “con detalle” a situación do sector lácteo galego, especialmente, tras a caída dos prezos en orixe.

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, acompañado dos deputados autonómicos, Miguel Viso e Enrique Barreiro, mantivo unha xuntanza co secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, tras a que incidiu en que non existe xustificación para as baixadas tan pronunciadas feitas pola industria aos gandeiros. Así, fixo fincapé na necesidade de que se blinde un contexto garantista e de futuro para o sector, ao tempo que sexa atractivo para que a mocidade dea o paso a incorporarse.

Tal e como salientou, o obxectivo é que dita comisión se constitúa “canto antes” e que as súas conclusións que estendan máis alá dos catro meses, xa que a idea, dixo, é que “proporcionen un modelo viable a longo prazo para todos os produtores”. Neste punto, avogou por traballar da man para chegar a “propostas en positivo” que permitan desenvolver medidas cun alcance real para un sector que “é bandeira” e “motivo de orgullo”.

O portavoz popular aproveitou para facer un chamamento “ao talante positivo” de todos os futuros implicados na comisión para poder estudar polo miúdo e poder aportar solucións útiles aos problemas dos nosos gandeiros. Neste punto, referiuse a unha negociación equilibrada entre os produtores e a industria transformadora e ao establecemento dun prezo xusto que garanta o futuro de todas as explotacións gandeiras. Esta comisión de estudo busca, pois, contribuír a seguir protexendo e defendendo un sector que, tal e como remarcou Pazos, é fundamental para Galicia.

MEDIDAS A PROL DO SECTOR
Nesta liña, hai, precisamente un mes, o Parlamento aprobaba unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, reclamando ao Goberno central a modificación da Lei da cadea alimentaria, a actualización do Paquete lácteo, a publicación do índice de evolución dos custes de produción de maneira periódica, a fixación dunha prórroga automáticas dos contratos en ausencia de acordo ou a promoción de medidas para evitar a competencia desleal, pola entrada de excedentes lácteos doutros países da Unión Europea, que poidan prexudicar ao sector galego. Medidas para as que se fai necesaria unha maior implicación do Executivo de Pedro Sánchez, así como unha actuación áxil para facer fronte á actual situación do sector.

Con máis do 42% do leite, Galicia é hoxe o principal territorio produtor de España. Representa arredor do 1,6% do PIB galego e sustenta preto de 5.000 explotacións activas, o que supón máis do 55% dos gandeiros de todo o territorio nacional. Trátase dun sector puxante e forte, o terceiro que máis riqueza xera na nosa Comunidade, polo que todas as medidas teñen que ir encamiñadas a reforzar a súa protección e a súa viabilidade.