Alcoa e o fracaso industrial do sanchismo

José Manuel Balseiro

 

O que acontece con Alcoa en San Ciprián é a evidencia dun Goberno, o que preside o socialista Pedro Sánchez, que incumpre, chega tarde e non está á altura dunha industria estratéxica e dos seus traballadores.

Despreza a única planta de aluminio primario en activo no país e condiciona o futuro dos traballadores encargados de producir un material clave para sectores como a automoción, a enerxía ou a construción, e cuxa viabilidade depende, en boa medida, coma sempre repetimos, de contar cunha subministración enerxética competitiva e estable.

Foi o Ministerio quen se viu obrigado a recoñecer, en resposta oficial no Senado, que deixou caducar os permisos dos parques eólicos da súa competencia, ao emitir fóra de prazo as declaracións ambientais. E desde entón, todo foron anuncios, compromisos e promesas que non se traduciron en solucións reais.

Ata o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, rodeado de deputados e alcaldes, prometeu desbloquear a situación a través do Real Decreto-lei 8/2023, o Goberno comprometeu a axilización das autorizacións no memorando de entendemento e trasladou ao comité de empresa mensaxes de tranquilidade que nunca se materializaron en solucións.

Mentres tanto, en 2026, os parques eólicos seguen sen autorización e a planta continúa sen garantías.

Tampouco convocan a mesa de seguimento do plan de viabilidade. Quizá porque non hai avances que presentar? Porque non hai compromisos que cumprir? A inacción tamén é resposta, e neste caso transmite falta de vontade política.

Estamos ante unha cadea de enganos e incumprimentos que pon en risco miles de empregos e o futuro industrial da Mariña lucense. Non é aceptable que o Goberno siga bloqueando solucións mentres a comarca vive na incerteza, e moito menos cando este bloqueo se produce nun momento especialmente crítico, o do rearranque das cubas, onde resulta imprescindible garantir seguridade xurídica, axilidade administrativa e unha subministración enerxética estable e competitiva nun contexto de elevada volatilidade dos mercados enerxéticos.

O que está en xogo non é só Alcoa. É o futuro dunha comarca enteira, a credibilidade das institucións e o compromiso real coa industria. Galicia, nin os traballadores de alúmina e aluminio poden seguir esperando. Xa non valen anuncios: fan falta feitos.

O PPdeG impulsa no Parlamento unha Comisión de estudo para garantir o futuro do sector lácteo galego

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, anunciou hoxe a creación dunha Comisión de estudo sobre o sector lácteo galego, tras o acordo acadado na Xunta de Portavoces a partir dunha iniciativa impulsada polo propio grupo parlamentario e acordada co sindicato Unións Agrarias.

Pazos subliñou que se trata dunha iniciativa centrada nun sector “estratéxico para Galicia”, clave para a economía, o rural e o equilibrio territorial, pero que na actualidade atravesa unha situación de preocupación pola caída dos prezos do leite en orixe que perciben os produtores.

Neste sentido, destacou a necesidade de analizar con rigor a cadea de valor do leite e propoñer solucións realistas que dean estabilidade ao sector.

A Comisión terá como finalidade escoitar a todos os axentes implicados —produtores, industria, organizacións agrarias e persoas expertas— co obxectivo de formular propostas construtivas que permitan avanzar cara a un modelo máis sostible, equilibrado e con garantías de futuro para as explotacións gandeiras galegas.

Segundo explicou Pazos, o traballo desenvolverase desde o diálogo e a colaboración, coa intención de acadar un prezo xusto para o leite e reforzar a posición dos gandeiros na cadea alimentaria.

AUXILIARES DE CONVERSA E BIBLIOTECA DO ESTADO EN VIGO

No relativo ao Pleno da próxima semana, o Grupo Popular defenderá a continuidade e estabilidade do programa de Auxiliares de Conversa, no que este curso participan preto de 690 profesionais de 19 países en 791 centros educativos galegos.

Pazos advertiu da “inseguridade” xerada polas actuacións do Ministerio de Traballo e reclamou ao Goberno central unha resposta coordinada entre os departamentos de Educación e Traballo que garanta a viabilidade do programa sen custos adicionais para Galicia.

Así mesmo, o Grupo Popular esixirá un impulso inmediato á Biblioteca Pública do Estado en Vigo, unha infraestrutura que continúa sen avances reais tras anos de anuncios e compromisos incumpridos por parte do Goberno central, sen licitación nin proxecto construtivo definido a día de hoxe.

CONTROL AO GOBERNO E POLÍTICAS PARA A MOCIDADE E A INDUSTRIA

No apartado de control ao Goberno, o Grupo Popular formulará tamén preguntas sobre o balance das axudas da Xunta destinadas á mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos, no marco dunha estratexia orientada á promoción industrial, á atracción de investimentos e á creación de emprego.

Estas axudas permiten actuar en ámbitos como a iluminación eficiente, a depuración de augas, a xestión de residuos ou novas infraestruturas enerxéticas, incluíndo o hidróxeno verde.

O Grupo Popular tamén se interesará polas actuacións da campaña de verán dirixida á mocidade, que inclúe campamentos e campos de voluntariado, e que ademais contribúe á conciliación das familias galegas durante o período estival, así como polo papel da Xunta na captación de novas rutas aéreas, a través da promoción en orixe e da colaboración co tecido empresarial e turístico.

Finalmente, Alberto Pazos concluíu que coas iniciativas do Grupo Popular no próximo Pleno do Parlamento buscase “reforzar os servizos públicos, mellorar a educación, apoiar a mocidade e impulsar infraestruturas clave para Galicia”, ao tempo que se esixe ao Goberno central “maior compromiso, coordinación e solucións reais ás necesidades da comunidade”.